Galicia: food and festivals
.Laura Cid Vázquez
Mestra de Lingua Inglesa no CEIP de Maceda
lauracidvazquez@edu.xunta.es
Marcos Pérez Hortas
mestre de primari e sección bilingüe no CPI A Cañiza
marcosperezhortas@edu.xunta.es
Contextualización
Na realidade actual do século XXI, a ensinanza e aprendizaxe das linguas estranxeiras estase convertendo nunha prioridade para o sistema educativo. Tendo en conta este feito, o inglés é, sen dúbida ningunha, a lingua máis empregada para favorecer a comunicación entre os diferentes países e culturas. Debido a este importante factor, moitas veces os docentes precisamos unha renovación continua dos nosos coñecementos e, o que é aínda máis importante, un enfoque máis próximo e actual dos contidos á realidade do alumnado.
Con esa finalidade de que os alumnos relacionen a súa propia cultura coas dos países estranxeiros e interaccionen coa realidade máis próxima, elaboramos unha serie de unidades didácticas relacionadas entre si cun mesmo fío condutor: a gastronomía galega. Consideramos que unha das moitas riquezas da nosa cultura e polo que é de sobra coñecida Galicia nacional e internacionalmente é pola comida.
Este recurso ten un obxectivo moi claro, a partir da comparación gastronómica entre varias culturas (entre elas a galega e a británica), que serán a base da que partiremos en cada unidade didáctica, ensinaránselles aos nenos e nenas contidos propios da materia de inglés en sexto de primaria.
O que se pretende con este libro dixital é favorecer o traballo persoal do alumnado á hora de desenvolver a materia, desde a realización de actividades interactivas que lle permitan, ao ritmo de cada un deles, ir traballando os contidos que se están expoñendo, así como facilitarlle ao profesorado o desenvolvemento e explicación de contidos que doutro xeito poderían ser un pouco áridos.
Este LIM persegue tres ideas básicas:
- Interactividade
- Progresividade
- Traballo persoal
Sendo un material dixital non pretende desprazar o docente no seu labor de condutor na tarefa de aprendizaxe, senón que busca ser unha ferramenta que o axude nela. As novas tecnoloxías están para facilitar o noso labor facendo os contidos un pouco máis atractivos para os nosos alumnos ao implicalos na tarefa de aprendizaxe.
Está composto por sete libros, dos cales amosamos os principais contidos (clicando aparecerían as ligazóns aos vídeos adxuntos)
Obxectivos
- Aprender vocabulario relacionado coa cultura e comida galegas.
- Apreciar e valorar a comida galega como parte importante da nosa cultura.
- Desenvolver a competencia intercultural mediante a comparación da nosa gastronomía con pratos propios doutros países.
- Identificar e utilizar vocabulario e funcións relacionadas coa comida, modo de preparación e utensilios necesarios.
- Identificar, nomear e utilizar vocabulario e as funcións necesarias para a elaboración de receitas típicas galegas.
- Aprender e dar información sobre festivais gastronómicos que teñen lugar en Galicia, as súas orixes e modo de realización.
- Participar no proceso de ensinanza-aprendizaxe.
- Familiarizarse e utilizar diferentes soportes dixitais.
- Valorar as TIC como parte do proceso de ensinanza-aprendizaxe.
- Utilizar o idioma estranxeiro para comunicarse dentro da aula.
- Utilizar estratexias non lingüísticas para comunicarse.
- Recoñecer e utilizar os aspectos fonéticos característicos da lingua estranxeira, atendendo ao ritmo e entoación.
- Relacionar a forma escrita e a súa pronuncia.
- Entender e empregar as formas escritas e orais relacionadas co tema do proxecto.
Recursos empregados
Aínda que todo aparece presentado nun arquivo EDILIM, fíxose uso do AUDACITY (para incluír sons), IMOVIE e MOVIE MAKER (para cancións, vídeos e presentacións), GIMP (para adaptar as imaxes ás necesidades que xurdiron), FORMAT FACTORY (para transformar imaxes, vídeos e sons ao formato que soporta EDILIM), LOQUENDO (para modificar as gravacións de voz que se fixeron).
As TIC teñen cada vez máis importancia dentro da aula; cambiaron a sociedade actual e deben servir como un medio para axudar a que os mestres e mestras lles ofrezan aos nosos nenos e nenas unha gran variedade de oportunidades de aprendizaxe dentro de todas as áreas. Por outra banda, o material que se lles presenta debe ser sinxelo de utilizar e fácil de manexar, tanto para os mestres como para os alumnos. Polo tanto, o uso didáctico que se pretende coas TIC na aula de inglés é motivar o alumnado de maneira que esqueza os problemas e interiorice os contidos presentados sen ser consciente de que o está facendo, coma se dun xogo se tratase.
Unha vez que este material chegue a unha aula será moi sinxelo de empregar porque:
- Vai dividido en unidades didácticas totalmente abertas e flexibles. Cada unidade didáctica consta dunha “presentación”, actividades de “práctica” e de “produción”, polo que o profesor só ten que seguir o LIM.
- Inclúense actividades para atender á diversidade, tanto de reforzo como de ampliación.
- Este libro interactivo multimedia, no caso daquel alumnado que conte con ordenador e conexión a Internet na casa, tamén pode ser empregado como material de apoio e reforzo ao estudo no seu fogar.
Descrición da actividade
O conxunto das sete unidades debería levarse a cabo do seguinte modo. Preséntanse algúns videos das unidades levadas a cabo na aula.
Unidades | Descrición das actividades | Exemplo gráfico |
---|---|---|
1. Galicia | Con esta presentación introduciremos os nenos e nenas á Comunidade Autónoma galega a través das súas provincias e monumentos característicos delas. Ademais, traballaremos coas festas gastronómicas máis coñecidas da comunidade. Motivaranse de maneira que se vexan inmersos nesta realidade e poidan interiorizar os contidos que se pretenden traballar. Ademais, serán eles mesmos os que descubran que a comida forma parte da realidade e estereotipo galegos. Para isto repasaremos vocabulario relacionado coas cidades e xentilicios e funcións xa coñecidas doutras unidades e incluso de anos anteriores. |
|
2. Octopus fair style | Nesta unidade didáctica traballaremos coa festa típica do polbo que se celebra na comarca do Carballiño, en Ourense. Os rapaces coñecerán un pouco máis sobre a historia desta festa e o modo de celebración. |
|
3. Galician stew | A través de vocabulario relacionado cos vexetais, hortalizas e legumes, introduciremos o prato típico da comarca do Deza, Lalín. Con este tema queremos concienciar os rapaces da necesidade de comer vexetais para gozar dunha alimentación equilibrada. | |
4. Galician pie | Con esta unidade repasaremos a orixe da elaboración da empanada galega. Así mesmo, introduciremos varios grupos de alimentos cos cales podemos encher unha empanada. Centrarémonos na localidade pontevedresa de Bandeira, onde se celebra actualmente a festa do dito alimento. |
|
5. Seafood | A través desta unidade achegarémonos ás provincias costeiras de Galicia de onde é característica esta comida. Aprenderán, á parte de vocabulario relacionado co marisco e modo de cociñalo, os oficios propios pesqueiros destas comarcas. | |
6. Desserts | As sobremesas galegas suporán o punto de partida para a introdución e a elaboración dunha receita, partindo dos ingredientes necesarios, utensilios e modo de preparación, tendo como exemplos as receitas de tres sobremesas características da nosa comunidade. | |
7. Food around the world | Esta última unidade suporá a comparación entre a cultura gastronómica galega e outras do resto de países do mundo. Coñecerán as comidas propias destes países e as súas rutinas de alimentación diarias e poderán comparalas coas súas propias. Por último, os nenos e nenas terán a oportunidade de repasar e recordar as comidas a través do refraneiro popular galego. |
Metodoloxía
Este libro interactivo ten unha dobre finalidade metodolóxica: que o profesor o poida empregar como recurso didáctico dentro dunha estratexia expositiva e que o alumno poida xestionar dunha maneira autónoma a súa propia aprendizaxe, marcando o seu ritmo de adquisición de contidos e realización de tarefas.
O idóneo sería que o docente empregase un EDI (encerado dixital interactivo) para facer a exposición/explicación da materia, namentres os alumnos fan o seu seguimento, de modo que, ao rematar a explicación, cada un deles fixese as actividades propostas no seu ordenador, ao seu ritmo e sendo consciente das dificultades que vai atopando, consultando no libro dixital ou preguntándolle ao profesor as dúbidas que lle vaian xurdindo.
Como esta non é a realidade de todos os centros, outra opción é o emprego da aula de informática do centro, neste caso o profesor expón a materia no ÉDI e o alumnado vai facendo as actividades nos equipos.
Como neste caso non adoita haber un ordenador por alumno, e para que poidan repasar as actividades feitas na casa, tendo en conta que non todo o alumnado en Galicia (sobre todo no rural) conta con ordenador e conexión a Internet na casa, cada un dos LIM conta con material imprimible para que poidan ir recollendo as actividades propostas.
Este libro interactivo multimedia, no caso daquel alumnado que conte con ordenador e conexión a Internet na casa, tamén pode ser empregado como material de apoio e reforzo ao estudo no seu fogar.
Avaliación
Este libro está deseñado para que sexa empregado ben como material de apoio á hora da exposición da materia na aula, ben como apoio ao proceso de autoaprendizaxe do alumnado ao que lle propón unha serie de actividades para que, dun xeito progresivo, este vaia adquirindo os contidos que se pretenden nestas unidades. Cada actividade é corrixida cando o alumno remata de facela, eloxiándoo cando está ben feita e animándoo a repasar e volver a facela cando non o está.
Tanto os contidos que se presentan coma as actividades propostas están deseñados para que se poidan acadar os obxectivos didácticos expostos na parte de didáctica de cada un dos sete libros.
Algunhas das unidades foron levadas a cabo na aula recentemente por nós e os noso alumnado de sexto de primaria.
Ligazóns
Esta é a relación das ligazóns onde podedes visualizar e descargar o proxecto:
Conclusións
Como valoración podemos resumir que é un material moi vistoso e motivador para os rapaces. Por un lado, os alumnos coñecen alimentos propios da súa comunidade e aprenden sobre os concellos e cidades berce destes alimentos. Por outra banda, os nenos aprenden e reforzan contidos da Área de Lingua Inglesa a través de xogos e vídeos máis motivadores ca as actividades tradicionais dun libro de texto. Todo isto, a través do uso de ferramentas TIC, que xa de por si animan os nenos a participar neste tipo de actividades.
A facilidade á hora de empregar o recurso e o feito de que se poida descargar directamente do repositorio Abalar para usar sen conexión converten Galicia: food and festivals nun interesante recurso para reforzar a lingua inglesa en sexto de educación primaria.