1. Datos básicos do centro Nome: IES Auga da Laxe Enderezo postal: Campo da Feira s/n. 36380, Gondomar. Enderezo electrónico: ies.augadalaxe.gondomar@edu.xunta.gal
Páxina web: http://www.edu.xunta.gal/centros/iesaugadalaxe/ Etapas educativas: ESO e Bacharelato.
Número de alumnado: 335 Número de profesorado: 38 O IES Auga da Laxe é un centro público dependente da Consellería de Educación, situado no concello de Gondomar, na zona sur da provincia de Pontevedra. Comezou a súa andaina como Instituto de Educación Secundaria e Profesional de Gondomar en 1989 e, posteriormente, por acordo do Consello Escolar do 18 de febreiro de 1999, pasou a denominarse IES Auga da Laxe, nome que se debe a un xacemento rupestre de petróglifos localizado na parroquia de Vincios, dentro do propio municipio. No presente curso académico conta con 335 alumnos e alumnas, con dúas liñas na ESO (incluído un grupo de PMAR en 3º) e tres en Bacharelato, nas modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais. Contamos este curso cunha Unidade de Acompañamento e Orientación (UACO), a cargo dunha profesora do centro, pertencente á Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galicia (RAOGAL) constituída por 32 centros. A UACO actúa co alumnado e familias con dificultades pertencentes a centros educativos situados dentro dun ámbito xeográfico determinado. O persoal docente no presente curso está formado por trinta e oito profesores e profesoras, dos cales trinta e un teñen destino definitivo e o resto varía cada ano, en función das necesidades do centro. O persoal non docente inclúe seis persoas: un administrativo, dúas conserxes e tres limpadoras, unha delas a media xornada, (este ano, como reforzo pola pandemia, puidemos dispoñer dun cuarto limpador, tamén a media xornada, por dous trimestres). Ademais, traballa tamén no centro unha persoa que atende o servizo de cafetería.
2. Contextualización do Plan Dixital no centro. Contribución ao Proxecto Educativo do Centro
O Instituto de Educación Secundaria Auga da Laxe recibe maioritariamente o alumnado dos seus centros adscritos, o CEIP Chano Piñeiro e o IES Terra de Turonio de Gondomar, así como, en menor medida, alumnado doutros centros da contorna. Este alumnado procede ou ben de familias da zona, vinculadas aínda, nalgúns casos, con traballos do sector primario e con certa deprivación cultural ou ben de familias de nova instalación no concello que viven en zonas residenciais e cun nivel cultural máis alto. Dende o Concello recibimos o apoio dos servizos sociais, xa que temos algunha familia usuaria destes servizos. O Centro atópase situado no Concello de Gondomar, moi próximo a Vigo, a cidade industrial máis importante de Galicia. O Concello de Gondomar amosou nestes últimos anos un importante dinamismo económico. Neste sentido destacan as empresas de servizos, seguidas das da construción e a industria, grazas sobre todo á presenza, na parroquia de Vincios, do Polígono Industrial da Pasaxe que reúne unhas 70 firmas de diferentes sectores. Tamén quedan, sobre todo nas parroquias, actividades produtivas vinculadas ao sector primario; o sector agrícola, a gandeiría e a industria madeireira teñen unha certa importancia na zona. Gondomar dispón dunha ampla e variada oferta de actividades culturais, deportivas e de lecer, organizadas polo propio Concello, polos distintos centros culturais e recreativos das diferentes parroquias ou por asociacións e entidades privadas como o IEM (exposicións, conferencias, xeiras, roteiros, tertulias, etc.) ou Espazo Lectura (contacontos, clubs de lectura, sesións de dinamización lectora, actividades de achegamento á lectura para bebés, etc.). Así, tanto a través das escolas deportivas municipais como da oferta directa dos diversos clubs e agrupacións que existen en Gondomar, pódense practicar actividades como tenis de mesa, atletismo, balonmán, patinaxe, fútbol, fútbol sala, judo, tenis, ximnasia, taekwondo, tiro con arco, ciclismo, etc. Tamén é posible realizar estudos de música a través do Conservatorio Municipal, da Escola de Música de Vincios ou dos diferentes cursos de música, clásica ou tradicional, que ofrecen os centros culturais dalgunhas parroquias. Por último, a esta oferta cultural e deportiva, hai que engadir a posibilidade de realizar multitude de cursos e actividades de lecer (danza, cerámica, teatro, pintura, etc.). Próximos ao Instituto existen ademais dous centros de secundaria que imparten Bacharelato e Ciclos Formativos de Formación Profesional, ademais de varios centros de Educación Infantil e Primaria. Procurarase que o Plan Dixital contribúa a integrar os diferentes aspectos que conforman o Proxecto Educativo e a mellorar a coordinación entre os distintos proxectos e plans de innovación nos que participa o instituto: Proxecto de Biblioteca, CPInclúe, Plan Recupera (CPRecupéra-T e RAOGAL), Proxecto de Dinamización da Lingua Galega, etc. Agardamos tamén que a participación no proxecto Polos Creativos contribúa a mellorar o equipamento tecnolóxico do centro e a crear espazos de traballo colaborativo, que fomenten a investigación e a experimentación desde unha perspectiva integradora que comunique e relacione todos os ámbitos do coñecemento. Ademais, tentarase que a través do Plan Dixital poida mellorarse tamén a comunicación e colaboración entre os diferentes órganos de participación e de coordinación. Por outra banda, a elaboración e implementación do Plan Dixital, integrada como un elemento fundamental na Programación Xeral Anual do centro, debería contribuír tamén a mellorar a competencia dixital dos distintos sectores da comunidade educativa e a reducir a fenda dixital das familias con menos recursos e formación no ámbito da tecnoloxía, respondendo así á necesaria función que o sistema educativo debe ter como axente de compensación social.
3. Xustificación do Plan Dixital Marco legal en relación co Plan Dixital do IES Auga da Laxe:
- Art. 111 bis, Art. 121 e Art. 132 da LO 2/2006, de 3 de maio, de Educación Disposición adicional quinta da Resolución do 17 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de EI, EP, ESO e bacharelato no curso académico 2021-2022
- Resolución do 3 de setembro de 2021, da Secretaría xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan Dixital nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2021-2022
4. Proceso de elaboración.
Para a elaboración do presente Plan Dixital formouse un equipo de traballo co obxectivo de recoller e, posteriormente avaliar, a numerosa información recollida. Información analizada en reunións de gabinete e procedente de enquisas, inventarios e recursos propios.