Moodle 2.6 vs Moodle 1.9

Neste documento facemos unha descrición breve de algunhas das diferencias entre as dúas versións do Moodle das aulas virtuais do proxecto Webs Dinámicas, a versión 1.9 da que partimos e a versión 2.6 á que estamos actualizando.

Novos bloques de Navegación e Administración

  • O bloque de Navegación ofrece enlaces diversos como: A miña área persoal, Meu perfil, Os meus cursos, Curso actual (coas súas seccións e contidos),...
  • O bloque de Administración é un menú contextural que en cada momento ofrecerá as opcións de configuración do contexto no que esteamos (curso, recurso ou actividade, perfil de usuario, etc)


O rol de Xestor

  • É un novo rol de usuarios.
  • Podería definirse como un “administrador de cursos”, xa que ten todos os permisos para xestionar íntegramente calquera curso, e tamén pode crear cursos, pero carece dos permisos de administación do sitio.
  • Pode asignarse a nivel do sistema (toda a aula virtual), a nivel de categoría ou a nivel de curso.


Ficheiros privados do usuario

  • A cada usuario da aula virtual proporciónaselle o seu propio espazo persoal e privado de almacenamento de ficheiros.
  • Pinchando en “A miña área persoal” do menú de Navegación, teremos o bloque “Ficheiros privados de usuario” que facilita o acceso a estes ficheiros.
  • Tamén podemos acceder a estes ficheiros desde a páxina de perfil do usuario, no menú Navegación: Meu perfil > Meus ficheiros privados.


Almacenamento de ficheiros nun curso

  • Nesta nova versión de Moodle, non existe un cartafol polo que acceder a tódolos ficheiros do curso, como se fácía no Moodle 1.9.
  • Para os cursos procedentes da versión 1.9.x si existe un cartafol “Antigos ficheiros do curso” polo que poderemos acceder aos ficheiros tal e como estaban na versión anterior, pero debemos continuar a edición do curso traballando co novo sistema de subida de ficheiros.
  • Na nova versión de Moodle, os ficheiros van sempre asociados a un recurso ou actividade, polo que se suben desde a configuracion dese recurso ou actividade, e se accederá a eles cos mesmos permisos que se accede ao recurso ou actividade.


Repositorios

  • Os repositorios permiten conectar a aula virtual con sistemas de repositorios remotos e con sistemas de almacenamento na nube como poden ser: DropBox, GoogleDrive, OneDrive, Flickr, Picasa, Amazón S3, Wikimedia, Videos de Youtube, etc.
  • Esto permitiranos acceder desde a aula virtual directamente a os ficheiros almacenados nestes sistemas.


Incorporación do editor de ecuacións WIRIS

  • Incorporamos o editor de ecuacións WIRIS, que era solicitado polo profesorado hai tempo.
  • Para poder utilizado debe ser activado en Administración do sitio > Engadidos > Editores de texto > Editor HTML Tiny MCE > Axustes Xerais (activado por defecto), e debe activarse tamén o filtro correspondente en Administración do sitio > Engadidos > Filtros > Xestionar os filtros.


Incorporación dun editor CLOZE para preguntas

  • Para poder utilizado debe ser activado en Administración do sitio > Engadidos > Editores de texto > Editor HTML Tiny MCE > Axustes Xerais (activado por defecto).
  • Aínda que o editor está sempre dispoñible no editor HTML, o código xerado só é interpretado no texto das preguntas de tipo “Respostas incorporadas (CLOZE)”.


Integración de calendarios externos no calendario de Moodle

  • Podemos sincronizar o calendario da aula virtual cun calendario externo, por exemplo o Google Calendar, de xeito que os eventos que deamos de alta en Google aparecerán tamén no calendario da aula virtual.


Actividade tipo Tarefa cun único tipo de tarefa.

  • A partir da versión 2.3 de Moodle aparece un novo módulo de actividade, Tarefa, que integra os catro tipos de tarefas que había anteriormente (Fora de liña, Texto en liña, Envío dun ficheiro, Subida avanzada de ficheiros)
  • A versión anterior deste módulo (Tarefa 2.2) poder seguir utilizándose, pero no proceso de actualización faise unha conversión ao novo módulo de tódalas tarefas existentes na aula virtual, e se desactiva ademáis o módulo antigo.


Actividades condicionais

  • Aparece a posibilidade de restrinxir o acceso a determinadas actividades dun curso aplicando algúns criterios como as datas, as cualificacións obtidas ou ter completada algunha actividade anterior.
  • Esta característica debe ser activada polo administrador do sitio en: Administración do sitio > Caractarísticas avanzadas > Activar acceso condicional.


Círculos

  • Os círculos (do inglés Cohorts, traducido ao español como “Cohortes”) son coleccións de usuarios que facilitan a matriculación nos cursos dun conxunto de usuarios cunha soa acción.
  • Permítennos reflexar sobre a aula virtual a distribución en grupos do alumnado matriculado no centro.


Agrupamentos

  • Un agrupamento defínise dentro dun curso coma un conxunto de grupos do curso.
  • Pertencerán ao agrupamento os usuarios que pertenzan aos grupos incluidos nel.
  • Os agrupamentos permiten restrinxir o acceso a unha actividade concreta ao alumnado que pertenza a un agrupamento. Así por exemplo, podemos crear un agrupamento de reforzo e definir un conxunto de actividades de reforzo ás que só accederá o alumnado do agrupamento.
  • Esta característica debe ser activada polo administrador en Administración do sitio > Desenvolvemento > Experimental > Configuración experimental: Activar só os membros do grupo.


Sistemas de matriculación en cursos

  • Engádese o sistema de inscrición mediante Círculos.
  • Mantéñense os sistemas anteriores (Automatriculación, Manual, Convidados) pero cambia o xeito de configuralos e de asignar usuarios.


Distincións

  • As distincións permiten premiar ao alumnado en función dos seu logros.
  • Pódense aplicar a nivel de curso ou a nivel de aula virtual.
  • Configúranse en Administración do sitio > Distincións > Configuración de distincións.


Melloras na interfaz gráfica

  • Subida de ficheiros mediante arrastrar e soltar (drag & drop).
  • Subida dun cartafol de ficheiros comprimido en ZIP mediante arrastrar e soltar.
  • Creación de etiquetas con imaxes mediante arrastrar e soltar.
  • Creacion de recursos tipo ficheiro mediante arrastrar e soltar.
  • Reordenamento de elementos dun curso mediante arrastrar e soltar.
  • Duplicar actividades e recursos.
  • Diferentes temas en función do dispositivo cliente:
    • Default: para navegadores modernos.
    • Legacy: para navegadores antigos.
    • Mobile: para teléfonos intelixentes.
    • Tables: para dispositivos tipo “Tablet”.
  • Temas que permiten subir un logotipo personalizado ou que permiten o uso de follas de estilo (CSS) personalizadas.


Creación masiva de cursos

  • Permite a creación dun conxunto de cursos de xeito automático desde un ficheiro de datos en formato CSV. É un sistema similar ao de carga de usuarios.


Aplicación Moodle Mobile

  • Esta aplicación para teléfonos intelixentes e tabletas permite o acceso á aula virtual Moodle.
  • Para poder utilizar esta aplicación contra a aula virtual dun centro, o administrador debe facer estas catro configuracións:
  • Activar os servizos web en Administración do sitio > Características avanzadas: enablewebservices
  • Activar o servizo de Moodle Mobile en Administración do sitio > Engadidos > Web services > Móbil: Activar os servizos web para móbiles.
  • Para utilizar as características adicionais da aplicación, debe activarse un engadido local en Administración do sitio > Engadidos > Web Services > External Services, editar o servizo “Moodle Mobible additional features service”, e activalo.
  • Por último, para que permita a conexión co servizo de funcións adicionais, é preciso editar os permisos do rol de usuarios autenticados e concederlle o permiso moodle/webservice:createtoken. Esto faise en Administración do sitio > Usuarios > Permisos > Definir roles, editar o rol Usuario autenticado e permitir a capacidade moodle/webservice:createtoken.
  • Pódense ver as funcionalidades desta aplicación, en función da versión do Moodle ao que se acceda (2.6 no noso caso), no gráfico ao final desta páxina (https://docs.moodle.org/31/en/Moodle_Mobile_features)

Última modificación: Xoves, 24 de Novembro do 2016, 16:17