Sistemas de matriculación

1 Xestión dos complementos de matriculación

Moodle 2.x ofrécenos múltiples sistemas para matricular ao alumnado nos cursos. Os que se activan por defecto na configuración da aula virtual dentro do proxecto Webs Dinámicas son:

  • Matriculacións manuais. O profesor de cada curso encárgase de matricular manualmente a cada un dos alumnos e alumnas do seu curso. Un administrador da aula virtual ou un xestor será o que asigne o papel de Profesor/a no curso.
  • Acceso como convidados. Se se habilita este acceso nun curso, os usuarios non rexistrados poderán acceder ao curso e ver os seus contidos pero non poderán participar de xeito activo.
  • Automatriculación. Permite que o alumnado, coñecendo unha clave de matriculación, se matricule por si mesmo nos cursos que lle corresponden aforrando así este traballo ao profesor/a.
  • Sincronizar círculo. Os círculos son grupos de usuarios a nivel da aula virtual que facilitan enormemente o traballo da xestión da matriculación nos cursos. Hai nun documento adicado aos círculos neste mesmo curso na aula aberta do proxecto Webs Dinámicas.

Na ruta Administración do sitio > Engadidos > Matriculacións: Xestionar os complementos de matriculación, accedemos ao formulario no que podemos realizar as seguintes operacións sobre estes complementos:

  • Activalos ou desactivalos. Os sistemas que non estean activos non poderán ser utilizados para a inscrición nos cursos. Pincharemos no ollo tachado (Ollo tachado) para activar, ou no ollo aberto (Ollo aberto) para desactivar cada sistema. Se desactivamos un sistema de matriculación, os usuarios que xa estén matriculados por este sistema poderan seguir accedendo aos seus cursos, pero non poderán matricularse máis usuarios.
  • Reordenalos. Esta ordenación pode afectar ao funcionamento dalgún destes sistemas, e influe nas opcións no formulario de inscrición dos cursos, pero normalmente non teremos porque varialo.
  • Desinstalalos. Non debemos desinstalar estes sistemas, podemos desactivalos se non os queremos utilizar.
  • Acceder á súa configuración. Cada sistema de matriculación ten o seu propio formulario de configuración.

Xestión dos sistemas de matriculaciónFigura 1: Formulario de xestión dos sistemas de matriculación.

Na columna Instancias / Matriculacións deste formulario, temos para cada un dos sistemas cantos cursos o utilizan (Instancias) e cantos usuarios en total están inscritos con este sistema (Matriculacións). En realidade non sempre unha instancia corresponde cun curso. No caso dos sistemas de Acceso como convidado e Matriculacións manuais, si, xa que nun curso só pode haber unha instancia de cada unha delas, pero nos casos de Automatriculación e Sincronizar círculo, un curso pode ter varias instancias de cada unha de elas.