Permitir que o profesorado cree os seus propios cursos

Neste documento explícase o que hai que configurar na aula virtual dun centro para que o profesorado poda crear os seus propios cursos sen depender así de que os cree un administrador.

Para isto é preciso que os usuarios correspondentes teñan o rol de "Creador do curso". Este rol pódese asignar a nivel do sistema ou a nivel de categorías concretas. No primeiro caso permitirá a creación de cursos en calquera categoría da aula virtual; no segundo, permitirá crear cursos nas categorías nas que teñan asignado ese rol.

Cando un usuario co rol de "Creador do curso" crea un curso, automaticamente pasa a ter o rol de Profesor/a nese novo curso, podendo así de xeito inmediato editar o curso e matricular o alumnado, sen depender para nada da actuación dun administrador da aula virtual.

Neste caso, por simplificación, recomendamos facelo a nivel do sistema pero cada centro pode facelo do xeito que considere máis axeitado ao seu caso.

A continuación descríbese o procedemento para asignar o rol de "Creador do curso" a nivel do sistema.

  • Esta configuración debe facela un usuario administrador do sitio na ruta: Administración do sitio > Usuarios > Permisos > Asignar roles de sistema.
  • Nesa pantalla atoparemos os roles que se poden asignar a nivel do sistema. Normalmente o de Manager/Xestor e o de Creador de curso.

Administración do sitio > Usuarios > Permisos > Asignar roles de sistema

  • Pincharemos no nome do rol "Creador de curso" para acceder á seguinte a pantalla na que poderemos asignar este rol a novos usuarios.

Asignar rol creador de curso ao profesorado

  • Na lista da esquerda temos os usuarios que xa teñen o rol e na lista da dereita temos o resto de usuarios da aula virtual. Se son moitos non amosará nada e será preciso escribir unha cadea de búsqueda no cadro Buscar de embaixo.
  • Para localizar os usuarios do profesorado non temos ningún campo de perfil que os identifique a todos así que teremos que buscalos de un en un polo nome, os apelidos, ou o correo.
  • Poderiamos introducir no campo Buscar a cadea %@edu.xunta co fin de localizar os usuarios con correo de educación pero vainos aparecer tamén o alumnado dado de alta co correo nonresponder@edu.xunta.es.
  • Localizado o usuario dun profesor ou profesora, pinchamos no seu mome na lista da dereita e pinchamos no botón Engadir. Así imos facendo para cada un deles.


Última modificación: Mércores, 16 de Setembro de 2020, 11:12