Proxecto Piteas

O curso pasado, propuxémoslle ao alumnado unha situación apocalíptica na que a vida en Pontevedra e no planeta enteiro estaba moi preto de desaparecer. As actividades iniciais de investigación para levar a cabo a Misión de evasión a Marte concienciaron ao alumnado sobre unha necesidade real: a protección do medio ambiente. Durante este curso, polo tanto, situarémonos no presente do noso alumnado, unha Pontevedra Preapocalíptica, na que aínda estamos a tempo de revertir os efectos devastadores da acción humana. O alumnado ten a posibilidade de converterse nun axente de cambio do seu entorno, interiorizando a idea de que os problemas que converxen no século XXI deben levarnos a tomar unha acción decisiva.