Skip to Content

Alerta por nevadas o 22 e 23 de marzo

A Comisión Escolar de Alertas tomou hoxe a decisión de suspender parte do transporte escolar e as actividades no exterior dos centros educativos en determinadas zonas, ao agardarse un fenómeno meteorolóxico que acadará os niveis amarelo e laranxa de alerta. No caso de Sarria e Láncara o transporte suspéndese a partir das 12:00hs do mércores ata as 12:00hs do xoves, e no caso de Samos, Incio e Triacastela, desde as 00:00hs do mércores ata as 12:00hs do xoves. Polo tanto, as familias deben decidir se envían ao alumnado ao centro xa que en tal caso deberán facerse cargo do seu traslado nos periodos de suspensión de transporte escolar. Ainda que non se suspende a actividade docente, no caso de que as circunstancias metereolóxicas na localidade supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior ou as extraescolares.

As avaliacións tamén se aprazan polo que os boletíns de cualificacións serán entregados o mércores, 29 de marzo.

Se non hai novidades, a excursión de 1º de bacharelato prevista para o xoves, muda a súa hora de saída para as 12:00hs.

O centro informará por este medio e por mensaxes desde a plataforma Tokapp School.

Poden ober máis información no portal da Consellería

 

Concurso de posters en Francés

Como ven sendo habitual nos últimos cursos, a Asociación de Profesores de Francés de Galicia, en colaboración coa editorial Santillana, organiza un concurso de posters. Ditos posters son expostos nunhas xornadas de ensinantes desta lingua estranxeira que teñen lugar anualmente nun instituto de Santiago de Compostela.

 

No Xograr vimos participando nesta actividade con alumnos de 3º ESO en adiante. Desta volta o tema era un artista francófono, creando a partires deste eixo un poster en lingua francesa. Resultaron elixidos os traballos de Adrián No Pérez, Laura Tallos López e Verónica Vilar Fernández, todos eles de 4º ESO A. Os alumnos recibiron un pequeno agasallo por parte do Departamento de Francés e os seus traballos “pelexarán” cos dos restantes alumnos galegos que participan nesta actividade creativa.

 

 

 

 

 

 

 

 

Ruteando polo Museo de Lugo :“Contos de Fantasmas no Museo”

Quen dixo que o Museo é aburrido? Serán os que non viñestes con nós, porque  o desafío foi bravo.... 37 alumnos de 2º ESO  divididos en catro grupos, o de Minos, o do Astrágalo, o do Paxaro e o do Carneiro Alado.

Poucos libros  tiñamos....pero descargámolos no móbil! Un plano...e a orientarnos nos  múltiples espazos! Unha hora de busca...e a resolver o caderniño lector e atopar solucións aos enigmas do museo!.

Contrarreloxo e con tres comodíns para as posibles dúbidas ou erros, terminamos reuníndonos para resolver cadansúa historia. Todos atentos, todos desafiantes.....o reto resolveuse cun empate entre dous equipos. So o tempo empregado foi xuíz para o equipo  gañador.

Parabéns aos participantes! Sodes campións de lectura, observación, atención e participación!

Ah! E o agasallo final... TODOS SABEMOS CAL FOI....VISITANTES  DE ESTREA do que aínda estaba por vir!...Coma  “ fantasmas no museo”

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Día Internacional da Muller

Un ano máis, aproveitamos o 8 de marzo, co gallo da celebración do "Día Internacional da Muller", para agasallar e reivindicar a figura da muller.

Deixámovos un fermoso vídeo elaborado para a ocasión.

 

Admisión de novo alumnado para o curso 2017/2018

 

CALENDARIO DE RESERVA, ADMISIÓN E MATRÍCULA

ESO E BAC - CURSO 2017/2018

 Reserva de praza (para os centros adscritos) Modelo ED550A

Do 1 ao 15 de Febreiro

Publicación de listaxes de admitidos e excluidos

(para os centros adscritos)

Antes do 28 de febreiro de 2017

Publicación de vacantes

Antes do 1 de marzo de 2017

Presentación solicitude admisión (para o resto)

Modelo ED550B

Do 1 ao 20 de marzo de 2017

Presentación documentación xustificativa

Do 23 de Marzo ao 5 de Abril

Publicación das listaxes provisionais admitidos e non admitidos

Antes do 25 de Abril

Reclamacións ás listas provisionais

5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación

Publicación das listaxes definitivas

Antes do 15 de Maio

Recurso de alzada ante a persoa titular da xefatura territorial

Un mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación

Formalización da matrícula en ESO e BAC

Do 25 de Xuño ao 10 de Xullo

Prazo extraordinario de matrícula ESO e BAC

Do 1 ao 10 de Setembro

 

María Reimóndez

En colaboración co  programa “Vivas e Visibles” das Concellarías de Cultura e Igualdade do Concello de Sarria,  este venres 3 de marzo,  visitounos   no IES Xograr Afonso Gómez  a escritora lucense María Reimóndez para compartir con  nós   os seus máis recentes –e futuros– proxectos literarios. A súa voz poderosa e reivindicadora deunos  pulo  para acadar novas perspectivas na nosa formación coma persoas abertas, sensibles , conscientes e con miras  a formar unha sociedade  plural respetuosa coa diferenza. Semente de futuro desde unha perspectiva vital  e ben visible: “O feminismo na escrita”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Parabéns aos ex-alumnos do Xograr!

Álvaro Prieto e Jesús Somoza, xunto con outros compañeiros, veñen de obter un recoñecemento ao seu traballo académico "A lingua móvenos" no marco dos Premios á Calidade Lingüística no Ensino Superior.
http://www.edu.xunta.gal/portal/node/21396

 

 

 

 

Actividades de formación en linguas estranxeiras 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca 682 prazas para realizar actividades de formación en linguas estranxeiras para o alumnado no ano 2017.

O prazo de presentación de solicitudes comeza o 28 de febreiro e remata o 27 de marzo.

A información sobre este programa, así como a aplicación "en liña" que se menciona na convocatoria, atoparase na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle

 

 

#RosalíaTe: Día de Rosalía de Castro 2017

A comunidade educativa do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria celebra o nome e a obra da poeta maior de Galiza, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo, a través da gravación dun vídeo  MANNEQUIN  CHALLENGE  “AQUÍ  E  AGORA “ realizado no Centro  , que pretende salientar a vixencia de Rosalía de Castro  para a mocidade do século XXI.

 

 

 

 

 

 

Taller de Prevención de Consumo de Drogas en Adolescentes "DI K NON"

Este martes, 14 de febreiro, tivemos a sorte de contar cunha actividade no noso Salón de Actos que nos deixou impactados. Raúl, Juan Carlos, César, Bruno e Amador, reclusos no Centro Penitenciario de Teixeiro, acompañados de varios profesionales da Unidade Terapéutica e Educativa (UTE) do Penitenciario de Teixeiro, contáronnos a causa da súa estadía en prisión. A súa historia persoal é como a de calquera de nós ata os 13, 14 ou 15 anos, familia normal e de clase traballadora, pero o temperán contacto coas drogas lévaos á autodestrución (segundo as súas propias verbas). Segundo relatan, todos comezaron co achegamento ás drogas socialmente aceptadas: tabaco e/ou alcohol. Deixan de ir a clase para consumilas, entran nun círculo vicioso coas compañías doutros rapaces que tamén o fan e, pouco a pouco, van necesitando máis. Do tabaco e o alcohol pasan aos porros, ás pastillas, á cocaína e, mesmo, á heroína. A adición aumenta polo que comezan por roubar as súas familias e van cometendo delitos cada vez máis a miúdo. O consumo e o delito están sempre unidos.

A actividade -organizada pola Unidade Terapéuctica e Educativa do Penitenciario de Teixeiro co patrocinio da Fundación Barrié- estivo dirixida ao alumnado de 4º da ESO e completarase a vindeira semana cunha visita ao cárcere.

Deixámosvos unhas fotos da actividade:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut