Comunicacións e Circulares

Circular préstamo de libros e axuda de material curso 2017-18

 

Participación no fondo solidario de libros de texto
e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

 

Modelo de solicitude

Dispoñible na web do centro www.edu.xunta.gal/centros/iesvaladares  , no propio centro ou en https://sede.xunta.es,  http://www.edu.xunta.es, ou nas dependencias das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e O. U.

 

Forma presentación

En formato papel, preferentemente no propio centro docente.

Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado.

A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2017/18. Se están admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros.

 

Prazo de presentación e datas a ter en conta:

IMPORTANTE: Rematará o día 23 de xuño de 2017 (este incluído)[1].

-           Publicación listaxes provisionais na web e taboleiro do centro o 14 de xullo.

-           17 e 18 de xullo para reclamacións

-           Publicación listaxes definitivas na web e taboleiro do centro o 15 de setembro de 2017.

 

Obxecto

Regular para o curso 2017/18:

a)   A participación no fondo solidario de libros de texto.

b)   A convocatoria de axudas para adquirir libros de texto para alumnado con necesidades especiais con certificado expedido pola Xunta.

c)    A convocatoria de axudas para adquirir material escolar.

 

Obrigas

1.   Devolver os libros de texto adquiridos coas axudas para libros de texto ou recibidos do fondo solidario no curso 2016/17.

      A falta de devolución será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2017/18.

2.   Conservar en bo estado os libros de texto recibidos do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2017/18 e devolvelos ao rematar este.

3.   Destinar o importe do vale para material a adquirir o material escolar que necesite.

 

Requisitos

Ao rematar o curso 2016/17, o alumnado beneficiario de libros de texto recibidos do fondo solidario ou adquiridos con axudas para libros de texto deberá devolvelos ao centro para a súa incorporación ao fondo solidario para o curso 2017/18.

IMPORTANTE: informarase da data de devolución en vindeiras datas.

Documentación

As solicitudes irán acompañadas da documentación acreditativa das circunstancias alegadas, concretamente:

a) Membros computables da unidade familiar. Achegará copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Nos  casos  en que non teñan libro de familia ou este non reflicta a situación en 31 de decembro de 2015, poderán acreditar o número de membros utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:

1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou, de ser o caso, convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

2º. Certificado ou volante de convivencia.

3º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

4º. Certificado de defunción.

             Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia no cal deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos   servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.

b) Grao de discapacidade. Achegará o certificado acreditativo do grao de discapacidade, agás que fose emitido pola Xunta de Galicia, que só se presentará se non autoriza expresamente a súa verificación.

             O grao de discapacidade igual ao 33 % tamén se poderá acreditar coa resolución do INSS de recoñecemento dunha pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou coa resolución de recoñecemento dunha pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, cando non autorice a consulta telemática.

d) Violencia de xénero. Acreditarase en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

e) Incapacitación xudicial con patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Acreditarase coa correspondente resolución xudicial.          

 

En caso de non autorizar  a consulta telemática, deberán achegar:

-Identificación. Copia do DNI ou NIE dos membros computables da unidade familiar.

-Renda familiar. Achegará copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na falta desta, do certificado tributario de imputacións dos membros computables da unidade familiar distintos da persoa solicitante correspondente ao exercicio 2015.

 

As solicitudes do alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % irán acompañadas unicamente da documentación acreditativa da identidade da persoa solicitante, cando non autorice a consulta telemática e do certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a, agás que fose emitido pola Xunta de Galicia, que só se presentará se non autoriza expresamente a súa verificación.

Cando a documentación se presente no centro docente, achegaranse fotocopias e os respectivos orixinais, para que a persoa que a reciba verifique a súa autenticidade.

En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica en 31 de decembro de 2015, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.

 

 

Asignación de libros

Alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros:                                                                  6 libros.

Alumnado con renda per cápita familiar superior a 5.400 euros e igual ou inferior a 9.000 euros:                           4 libros.

Alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %:               6 libros.

Contía axuda para adquirir libros de texto

Alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %                                                                                                  250 €

 

Contía axuda para adquirir material escolar

Alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros:                                                                     50 €

Alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou
cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

 

 

Máis información en:

Orde do 16 de maio de 2017 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2017/18 (DOG nº 92 do 22 de maio de 2017)




[1]O alumnado que repita 4º da ESO no curso 2017/18, cando non tivese presentado solicitude de axuda para adquirir libros de texto e material escolar no prazo indicado, tamén poderá presentala no prazo dun (1) mes desde a formalización da matrícula.

Distribuir contido