Skip to Content

Proceso de admisión de alumnado para o curso 2022-2023

Iníciase o procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso 2022/2023.

  • Prazo de presentación de solicitudes: do 1 ao 21 de marzo.
  • Solitudes:
    • A través da aplicación https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado. A solicitude debe ser impresa e unha vez asinada presentala no centro xunto con toda a documentación que se indica máis abaixo.
    • En Sede electrónica, mediante Chave365 ou Certificado Dixital. A solicitude faise na sede, onde se sobe a documentación escaneada, e neste caso non é necesario entregar nin a solicitude nin a documentación no centro.
    • No centro. Hai que recoller o impreso ED550B, cumprimentalo, asinalo e presentalo no instituto xunto coa documentación que se indica a seguir.
  • Documentación que se debe achegar:
    • Fotocopia do DNI ou do libro de familia (páxina na que figure o alumno que solicita praza).
    • Certificado do expediente académico, expedido polo centro no que está actualmente matriculado/a o alumno/a que solicita praza.
    • De se dar o caso, sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.
  • Prazas vacantes: ver número de prazas vacantes aquí.

SoutomaiorFest e moito máis no Entroido 2022

O entroido regresou ao instituto de forma presencial e os disfraces, a imaxinación, as cores e os risos voltaron ás aulas e aos corredores. Pero tamén se mantivo o formato en diferido que ensaiamos o ano pasado por mor da pandemia. 

Así, durante as últimas semanas os diferentes grupos da ESO estiveron preparando as súas actuacións e coreografías nas clases de Educación Física e nas Titorías. E onte foi o momento de ver o resultado, así que durante o recreo e a 4ª hora pasáronse e votáronse todos os vídeos nas diferentes clases, incluídos un par de vídeos sorpresa protagonizados polo profesorado. Podedes ver todas as actuacións na canle da Biblioteca en Youtube.

Logo, a 5ª hora, uniuse á festa o alumnado de Bacharelato e todos e todas xuntos marchamos ao Campo de Fútbol do Salgueirón, onde tivo lugar o Concurso de Disfraces nas categorías Individual, Parella e Grupo: ver álbum de fotografías.

O importante era participar e reencontrarse máis alá das aulas, mais é de xustiza recoñecer os grupos e alumnos/as que foron recoñecidos polo seu enxeño e humor. Dende aquí agradecemos a implicación de todas as persoas que colaboraron na xornada, especialmente aos titores/as e aos seus grupos, ao xurado (Orlando, Iria e Uxía Vidal), ao speaker (Manuel Fariña) e aos fotógrafos (Manuel Veiga e Paula). 
 
Concurso de actuacións por clases
  1. 4º ESO A
  2. 4º ESO B
  3. 1º ESO C 
Concurso de Disfraces:
  1. Individual: señora con pamela; Barbie; e Militar.
  2. Parellas: noivos; rocieros; e Rei León.
  3. Grupos: ximnastas; Steam Punk; e Desiguais.

Visita á Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía

Este pasado xoves 24 de febreiro o alumnado de Tecnoloxía Industrial de Bacharelato e de Física de 2º Bach. visitou, acompañado polos profesores Saínza e Gabriel, a Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía (EME) do Campus de Vigo a través do programa Aula Aberta á TecnoCiencia.

Máis imaxes da visita neste álbum fotográfico

Con este proxecto, a EME dá a coñecer aos estudantes preuniversitarios os seus ensinos oficiais de grao e de máster por medio de charlas e obradoiros prácticos que conecta o alumnado coas materias e cos contidos científicos e técnicos que se imparten neste centro universitario: Grao en Enxeñería dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e o Grao en Enxeñería da Enerxía.

Así, os rapaces e rapazas do noso centro coñeceron, mediante actividades manipulativas, módulos como os de "Xeotecnoloxías: topografía con Realidade aumentada" e "Física Re-Creativa", o que lles permitiu coñecer os fundamentos dos procesos científicos e tecnolóxicos empregados polos enxeñeiros que se forman na Escola e, ao mesmo tempo, a utilidade e o atractivo da carreira profesional dedicada ao mundo da transferencia tecnolóxica no ámbito das ciencias aplicadas da Terra, materiais e enerxía.

Remata o ciclo de charlas temáticas e divulgativas das universidades

Galería de imaxes

Ao longo dos meses de xaneiro e febreiro o noso centro acolleu 7 charlas temáticas impartidas por profesorado das Universidades de Vigo (Programa científico-divulgativo) e Santiago de Compostela (Programa A Ponte).

Este ciclo, organizado polo Departamento de Orientación e diversos seminarios didácticos do instituto para o alumnado de 4º ESO e Bacharelato, tivo como finalidade achegar o alumnado aos estudos universitarios, ás investigacións que desenvolven nos seus centros e ás saídas profesionais futuras. Ademais, estas xornadas procuraron informar e orientar o noso alumnado como futuro estudante universitario para que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

Estas conferencias abordaron diferentes temas de interese social, moi conectados coa actualidade e de relevancia para o futuro profesional do alumnado:

  • Que se fai na Informática Industrial?, por Manuel Pérez Cota (17-01-2022).
  • Éntrache nunha lingua... e sáeche pola outra!, por Lara Domínguez Araújo (20-01-2022).
  • "A gandería na encrucillada: produción de alimentos, benestar animal e cambio climático", por Ramiro Rodríguez Rodríguez (21-01-2022).
  • "A situación enerxética galega: un debate necesario para ter futuro", por Adrián Diós Vicente (24-21-2022).
  • "Recent change in English", por Belén Méndez Naya (28-01-2022). 
  • "NanoCIENCIA e Nanotecnoloxia", por Juan Pablo Hervés (04-02-2022).
  • "Sabemos o impacto ambiental do que comemos?", por María Jesús Sáinz Osés (21-01-2022). 

Coas raíces abrazamos a Terra e as follas voarán libres

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Estas palabras da poeta guiaron os dous actos que tiveron lugar hoxe no noso instituto para celebrar o Día de Rosalía. Por unha banda, durante o recreo, Diego, Brais, Rosalía e Elba recitaron o poema "Caldo de gloria" ante os seus compañeiros e compañeiras de 2º ESO para, a continuación, probar un caldiño preparado e repartido polo Equipo de Normalización Lingüística e a Cafetería do centro e o Restaurante A Serra Asador. Aínda houbo tempo para escoitar versións musicais de poemas de Rosalía e mesmo para recuncar no caldo, que certamente soubo a gloria. Agradecemos tamén a colaboración do Departamentos de Plástica, Educación Física e Lingua Galega no desenvolvemento da actividade.

Ademais de acollérmonos a esta iniciativa da Casa-Fundación Rosalía, o Equipo de Normalización tamén respondeu ao chamado da AELG para "sementar pensamentos". Da man de Montse, a profesora de Bioloxía, e da directiva da Comunidade de Montes da Devesa, alumnos e alumnas de todos os cursos plantaron os primeiros 18 castiñeiros do Souto de Rosalía no cercano Monte de Ouro, que queda por riba do centro. Alí, o secretario dos comuneiros, Alejandro, explicounos como plantar as árbores, de que tipo de castiñeiro eran, que coidados requiren, a castaña que botan... e informounos das repoboacións que están a facer na nosa contorna, un gran labor que redunda na riqueza e no ben de común de toda a veciñanza.

Finalmente, representantes de cada aula penduraron cadanseu "pensamento" nos castiñeiros plantados. Desexos, reflexións, berros... que en forma de verso elaboraron nas clases de lingua galega baixo a inspiración de Rosalía, cuxos "versos se transforman nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre".

Máis imaxes nos álbums Caldo de Gloria e O Souto de Rosalía.

Visita a ANFACO do alumnado de Tecnoloxía

Máis imaxes nesta galería fotográfica

O pasado xoves 17 de febreiro o alumnado de Tecnoloxía de 4º ESI achegouse ao Campus das Lagoas-Marcosende da Universidade Vigo para visitar as instalacións e o Museo de ANFACO, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, no marco do Programa EduTecEmprende, que contempla visitas a empresas e centros tecnolóxicos galegos.

No Museo faláronnos do papel que xoga ANFACO na conservación do patrimonio industrial, que non está tan protexido dende as institucións coma outros tipos de patrimonios como o arquitectónico. Tamén explicaron a función que cumpren as asociacións para defender os intereses dun sector industrial, neste caso o conserveiro. Puidemos ver distinas máquinas usadas ao longo da historia nas fábricas conserveiras e explicaron a orixe das conservas, que se remontan á época de Napoleón.

No centro tecnolóxico visitamos varios laboratorios de análise de propiedades organolépticas e de control do correcto pechado das latas de conserva. Tamén puidemos ver a planta piloto de acuicultura na que se investigan novos produtos antes de sacalos ao mercado.

Divulgar, investigar, experimentar e visibilizar

Máis imaxes aquí

Este pasado venres, 11 de febreiro, Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia, botou a andar Divulgaciencia, programa de ciencia e tecnoloxía que organizan as Concellerías de Educación e Xuventude e a OMIX de Soutomaior e que conta co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología) e a colaboración do noso IES, o CEIP Manuel Padín Truiteiro e o Colexio Apóstolo Santiago. Este programa, que contempla obradoiros, xincanas, espectáculos científicos, etc., desenvolverase ata o 5 de maio, cando culminará coa celebración da I Feira da Ciencia de Soutomaior.

Na xornada de presentación, que contou coa presenza do alcalde Agustín Reguera e as concelleiras Fátima Vidal e Noelia Ocampo, o alumnado de 4º ESO e de Bioloxía e Xeoloxía de 1º BACH C, xunto coas profesoras Lucía, Montse e Alejandro, asistiu á mesa-coloquio “Vocacións científicas e novas profesións”. Nela, da man da moderadora Leticia Costas e as relatoras Lorena Rosende, Miguel Ángel Areán e África Rodríguez García, visibilizouse o traballo científico combinando formación con experiencia no mundo da empresa achegando experiencias positivas e motivadoras que alenten á mocidade para escoller profesións vinculadas a estas áreas.

A seguir, o alumnado participou nun escape-room que os enfrontaba ante o seguinte reto: produciuse un incidente medioambiental no río Verdugo. Para solucionalo deberon acceder ao ordenador do laboratorio que contén as fórmulas que lles permitiron neutralizar o problema en 45 minutos nos que deberon resolver mensaxes encriptadas, enigmas matemáticos e puzzles lóxicos para dar coa solución e evitar estes danos irreparables no medio ambiente.

Gústame facer cousas que funcionen, e a ti?

 

Hoxe celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, un esforzo conxunto que persegue rachar a fenda de xénero existente no ámbito científico-tecbolóxico e lograr unha maior participación e inclusión das mulleres e as nenas na ciencia.

Con tal motivo, o noso centro acolleu este pasado luns 7 unha charla de Cristina López Bravo, docente e investigadora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación que traballa no Departamento de Enxeñaría Telemática e no Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo. Esta investigadora colabora con Enxeñaría Sen Fronteiras nun proxecto que ten por obxectivo dar a a coñecer as actividades con mulleres tecnólogas cun enfoque cara o ben común.

Na charla, Cristina falou de como chegou a converterse en enxeñeira de teleco, a utilidade da tecnoloxía para o ben común, e como esta repercute positivamente na sociedade. Por último, explicou os proxectos nos que participa na Universidade de Vigo, como crear unha aplicación para a detección de alumnado TEA nas aulas.

Esta actividade, organizada polos Departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía, enmárcase na Iniciativa 11 de Febrero, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, invita a encher as axendas dos centros educativos de actividades que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a investigación e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero neste ámbito.

I Concurso de esopías IES de Soutomaior

Unha esopía é un texto condicionado ao número pi, cun máximo de 141 caracteres, no que as súas palabras deben ter o mesmo número de letras que indican a parte enteira e os sucesivos decimais.

BASES DO CONCURSO:

  • Elabora unha esopía en galego, castelán ou inglés (podes pedirlle ao teu profesor ou profesora de matemáticas unha plantilla) e entrégalla a alguén do Departamento de Matemáticas antes do día 7 de marzo.
  • O tema da esopía é libre, elíxelo ti.
  • A esopía debe ter un título, e debes engadir o teu nome, apelidos e curso.
  • Os textos que cumpran os requisitos de esopía, teñan sentido e sexan inéditos (non se admitirán textos copiados ou obtidos de calquera fonte), serán seleccionados e valorados por un xurado formado por profesorado do centro que decidirá que esopías son as premiadas.
  • O día 14 de marzo, Día Internacional das Matemáticas e do Número Pi coñeceremos as esopías gañadoras do I Concurso de Esopías do IES de Soutomaior.
  • Haberá varios premios sorpresa nas seguintes categorías:
    • 1º e 2º da ESO
    • 3º e 4º da ESO
    • 1º e 2º de Bacharelato

ANÍMATE A PARTICIPAR!

No taboleiro do Departamento de Matemáticas, situado ao comezo do corredor da primeira planta, atoparás dous exemplos de esopías.

Estudo de investigación sobre a situación da muller no mundo laboral

O alumnado de 1º de Bacharelato está a facer un estudo sobre a situación da muller no mercado de traballo e vaise centrar nas mulleres que os rodean: avoas, nais, irmás, amigas... Por iso, pide a colaboración destas mulleres da nosa contorna educativa para que cubran a enquisa (totalmente anónima) que elaboraron e que poñen á súa disposición na páxina do IES.

Premendo no seguinte enlace accédese a enquisa: 

Enquisa sobre a situación das mulleres no mercado laboral

A enquisa pódese cubrir ata o día 18 de febreiro; así, daralles tempo a recoller os datos e sacar as súas conclusións.

Por adiantado, danvos as grazas pola vosa colaboración.

Distribuir contido


by Dr. Radut