Skip to Content

Comunicado do Profesorado do IES de Soutomaior

Á Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra

O profesorado que conforma o Claustro do IES de Soutomaior, reunido no día de hoxe, venres 13 de marzo de 2020, manifesta a súa disconformidade e rexeitamento das medidas adoptadas polo Consello de Xunta de Galicia tras a suspensión da actividade lectiva nos centros de ensino en relación coa pandemia COVID-19:

  • a obrigatoriedade da presenza física no centro educativo a todo o persoal docente e non docente incumpre as recomendacións da OMS e das autoridades sanitarias da propia Xunta e do goberno de España, que aconsellan desenvolver as obrigas profesionais a través do teletraballo como medida preventiva para poñer freo aos contaxios,
  • as tarefas que deben desenvolver os docentes sen a asistencia do alumnado ao centro poden realizarse de forma telemática e evita a exposición innecesaria ao virus e, polo tanto, poñer en risco na medida do posible a saúde do persoal docente e non docente e das súas familias,
  • a decisión de limitar ao 50% o dereito dos docentes e persoal non docente aos coidados dos seus fillos menores de 18 ou maiores a cargo non garante o dereito inescusable á saúde do menor ou da persoa maior a cargo,
  • a imposibilidade de acollerse á medida anterior ao persoal que non está nesta situación supón unha diferenciación nas condicións laborais entre o persoal do centro, que queda máis exposto ao contaxio,
  • e, aínda que entendemos a situación excepcional que vivimos, consideramos que a comunicación oficial e información das medidas (coñecidas a través da prensa) deberían ser transparentes e facerse directamente e con antelación aos centros, para así poder trasladala correctamente á comunidade educativa e planificar mellor o traballo co alumnado e as familias.

Por todo isto, e pola saúde de todo o persoal do centro e as súas familias, así como do conxunto da comunidade educativa e da sociedade, o profesorado do IES de Soutomaior:

  • establecemos como prioridade o traballo telemático co alumnado para que esta situación afecte o menos posible ao seu desenvolvemento académico, aínda sendo conscientes que esta vía non garante a equidade e o dereito á educación de todas as familias, que non dispoñen dos mesmos medios e recursos,
  • asumimos as medidas trasladadas pola administración educativa, pero consideramos que supoñen un incumprimento grave da obriga da administración de velar pola saúde dos seus traballadores e traballadoras,
  • e solicitamos que sexan reconsideradas para evitar as posibles consecuencias negativas que poidan ter na nosa saúde.

Soutomaior, 13 de marzo de 2020

Profesorado do IES de Soutomaior

AnexoTamaño
Escrito_IES_Soutomaior.pdf234.43 KB


blog | by Dr. Radut