Skip to Content

novela_ilustrada

Maio 2022

O país da choiva de Miguel Anxo Alonso Diz

    Novela ilustrada por Xosé Tomás, que fala da importancia do idioma, de usalo e de traballar para conservalo, e de como a nosa lingua é parte da nosa herdanza cultural como galegos.
 De xeito delicado, respectuoso e con gran sensibilidade, aborda a problemática da perda continua de falantes que está a padecer o idioma galego nos nosos días.
  E así o reflicte nun conto cargado dun marcado carácter educativo, que o converte nunha ferramenta esencial para a educación en valores, o respecto e a cultura.

-¿Estás loco, Alfonso?-dixo Manuel.
-Madrugar te hizo mal-sentenciou Eduardo cun ton burleiro.
-Pero é que non vos dades conta?  -respondeu Fonso-. Como broma está ben, pero deixade xa de facer iso!! -berrou molesto.
-El que habla diferente eres tú-dixo Manuel.
-¿”Falas”? ¿Pero qué es eso? -engadiu Eduardo.
E ollando un cara ao outro, escacharon a rir no nariz de Fonso.
-Lo dicho, madrugar te hizo mal. Ya no sabes ni hablar. ¡Ja, ja, ja!-concluíu Manuel.
E ambos amigos entraron no colexio deixando alí a Fonso absolutamente confundido.
Rosalía, que estaba a escasos metros e escoitara todo, tamén entrou en silencio. Quixo dicirlle algo, pero non se atreveu.
“Xogos de rapaces”, pensou.
A mañá en clase discorreu como era habitual. Facer exercicios, corrixir deberes e memorizar información, moita información. Unha mañá coma tantas outras, se non fora polo feito de que todo o mundo falaba nunha lingua estraña. Semellante a súa, pero á vez moi diferente.
Os seus amigos, os compañeiros, os profesores... Fonso sentíase coma un bicho raro, coma  un ser doutro planeta. De súpeto, todos esqueceran a súa lingua.
Dende a conversa na entrada do colexio case non pronunciara palabra. Tiña medo de que se decatasen de que falaba noutra lingua, que, por outra banda, era a súa propia. A que lle falaran dende cativo os seus pais. A que falaban os seus avós e, antes deles, os avós dos seus avós.
Sentíase contrariado. Pensar no ledo que estaba por ter chegado antes que os seus amigos ao colexio...; no seu triunfal sorriso cando os viu de lonxe... E lembrar como se sentira despois ante as palabras dos seus amigos... “Pero, ¿qué dices?”; “¡hablas raro!”; “¿estás loco?”...
Isto último debía significar algo así como tolear. Pero non toleara. Os que tolearan foran eles! Todos eles!
Saíu en silencio e cunha rapidez mal disimulada. Non quería ter que enfrontarse de novo co resto da clase. Xa lle custara moito aguantar as chanzas dos seus amigos.
Unha bágoa esvarou pola súa faciana e, cando alzou a súa man para limpar o rego que deixara no seu rostro, atopouse de fronte con Rosalía, que o miraba en fite.
Arredou a vista dela e botou a correr.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut