Skip to Content

Lucrecio

A peste de Atenas no "De rerum natura"

A PESTE DE ATENAS SEGUNDO LUCRECIO

Lucrecio é un poeta latino do século I a. C. autor do De rerum natura, poema didáctico composto por máis de sete mil hexámetros repartidos en seis libros.

Esta obra, divulgativa da filosofía epicúrea e da física de Demócrito, comeza (De rerum natura I, 1-49) cunha invocación á deusa Venus como xerme da natureza y remata (De rerum natura VI, 1138-1286), por antítese, rememorando a peste de Atenas.

Como paso previo, Lucrecio fala das orixes das epidemias en xeral, esquivando as causas mítico-relixiosas para centrarse nas de carácter racional: Agora vou explicarche eu a causa das enfermidades contaxiosas, destas pragas terribles, que de súpeto derraman sobre homes e rabaños a mortaldade (ib. VI, 1090-93), voan polo aire moitos xermes de enfermidade e de morte. Cando un azar ou accidente reuniu estes últimos e infectan o ceo, o aire faise pestilente (ib. 1095-97), este novo contaxio e pestilencia ao momento derrámase polas augas, e pégase aos cereais e humanos alimentos e aos pastos do gando; ou queda colgado algunhas veces o seu contaxio no aire, e non podemos respirar este fluído mesturado sen sorber a súa infección ao mesmo tempo. Colle a  pestilencia de ordinario tamén o mesmo ao boi que á  beante ovella.(ib. 1125-32)

Así procedente do interior de Exipto (ib. 1141)  chegou a peste a Atenas provocando unha morea de afectados e traendo a morte (ib. 1144).

Os síntomas comezaban  con ardente febre e ollos avermellados (ib. 1145-6), gorxas ulceradas e sanguiñentas (ib. 1147-8) e lingua áspera e torpe no seu movemento (ib. 1149-50) para acabar invadindo o peito, o corazón e demais vísceras (ib. 1151-1153); todo levaba a unha  terríbel agonía (cheiro fétido, anguria, xemidos, convulsións, chagas por todo o corpo, sensación permanente de sede, delirio, insomnio, alteracións respiratorias... ib. 1154-1195) antesala da morte que chegaba no oitavo ou noveno día (ib. 1197-98). En caso de evitar a morte nesta fase, producíase a recaída con novas úlceras, hemorraxias, afeccións de articulacións e xenitais (chegando algúns doentes, por instinto de supervivencia, á automutilación), amnesia (ib. 1198-1214) que abocaban no fatal desenlace.

Aínda que os cadáveres permanecían insepultos, aves e feras preeiras os evitaban e os cans fieis eran tamén albo da peste (ib. 1215-1224).

Era tal a mortaldade que os enterros facíanse con présa e sen acompañamento (ib. 1225) e o que non era afectado ou vítima mortal, estaba de loito (ib. 1250-51)

Non se coñecía remedio seguro (ib. 1226-29).  A desesperación das vítimas contribuía a súa morte (ib. 1230-34) mentres que o mal non facía diferenza entre os que abandonaban aos doentes por medo ao contaxio e os que, a pesar do contaxio se esforzaban en coidalos (ib. 1235-1246). Un contaxio do que foron correas de transmisión os labregos que, desde as aldeas afectadas, chegaron a unha xa superpoboada Atenas en plena Guerra do Peloponeso, onde non era posíbel manter o distanciamento social e onde se sucedían as imaxes máis horripilantes (moribundos vagando polas rúas, edificios públicos cheos de cadáveres, profanación de piras... ib. 1259-1286)

E así remata o De rerum natura.

Non proceden as comparacións pero algúns elementos dos vistos gardan certo paralelismo có que estamos a vivir hoxe nas nosas supostas sociedades avanzadas. Os virus do século V a. C. e do século XXI p. C. atacan por igual e poñen en evidencia as carencias pasadas e presentes.

FONTES:
http://www.hs-augsburg.de/~harsch/Chronologia/Lsante01/Lucretius/luc_rer0.html
http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Perseus:text:1999.02.0130
CASTELLANOS, Antonio Ruiz. "La etiologia como forma de composicion de la Peste de Atenas en Tucidides y en Lucrecio." Cuadernos de Filología Clásica. Estudios Latinos, vol. 32, nº 1, 2012, p. 7+. Consultado 2 maio 2020.

ILUSTRACIÓNS:

https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Lucretius_Rome.jpg
https://www.zendalibros.com/la-epidemia-de-atenas/

Distribuir contido


by Dr. Radut