Skip to Content

garcia_lorca

Libros e República!

Nove días separan o aniversario da proclamación da Segunda República Española e a celebración anual do Día do Libro.

Hoxe, noventa anos despois do nacemento da malograda Segunda República rescatamos un discurso histórico: o que pronunciou o poeta García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, datado no mes de setembro de 1931. Unha proclama que recolle moitas das ideas que sobre a educación en xeral e o libro en particular tiñan as autoridades republicanas.

Aquí tes un monllo de citas deste discurso lorquiano:

    Non só de pan vive o home. Eu, se tivese fame e estivese  desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría medio pan e un libro. E eu ataco desde aquí violentamente aos que soamente falan de reivindicacións económicas sen nomear xamais as reivindicacións culturais que é o que os pobos piden a berros.

    Libros!, libros! Velaquí unha palabra máxica que equivale a dicir: “amor, amor”, e que debían os pobos pedir como piden pan ou como anhelan a choiva para as súas  sementeiras.

    O libro é sen disputa a obra maior da humanidade.

    O libro deixa de ser un obxecto de cultura duns poucos para converterse nun tremendo factor social.

    E aos que non teñen medios, que acudan a ler, que acudan a cultivar as súas intelixencias como único medio da súa liberación económica e social.

    Moitas veces, un pobo está durmido e un libro pode estremecerlle e inquietarlle e ensinarlle novos horizontes.

    Só a través da cultura pódense resolver os problemas en que hoxe se debate o pobo cheo de fe, pero falto de luz.

    Contra o libro non valen persecucións. Nin os exércitos, nin o ouro, nin as chamas poden contra eles.

    E sabede, desde logo, que os avances sociais e as revolucións fanse con libros (...) que non valen armas nin sangue se as ideas non están ben orientadas e ben dixeridas nas cabezas.

    Se premes aquí tes acceso ao texto íntegro do discurso que tamén foi editado por Kalandraka nas catro linguas do estado español:Libros e República!

Lorca e o teatro

Aproveitamos a celebración do Día Mundial do Teatro para lembrar unhas palabras de Federico García Lorca:

O teatro é un dos máis expresivos e útiles instrumentos para a edificación dun país e o barómetro que marca a súa grandeza ou o seu descenso. Un teatro sensible e ben orientado en todas as súas ramas, desde a traxedia ao vodevil, pode cambiar en poucos anos a sensibilidade do pobo; e un teatro esnaquizado. onde as pezuñas substitúen ás ás, pode resultar choqueiro e adormentar a unha nación enteira.

O teatro é unha escola de pranto e de risa e unha tribuna libre onde os homes poden poñer en evidencia morais vellas ou equívocas e explicar con exemplos vivos normas eternas do corazón e do sentimento do home.

Un pobo que non axuda e non fomenta o seu teatro, se non está morto, está moribundo; como o teatro que non recolle o latexo social, o latexo histórico, o drama das súas xentes e a cor xenuína da súa paisaxe e do seu espírito, con risa ou con bágoas, non ten dereito a chamarse teatro, senón sala de xogo ou sitio para facer esa horrible cousa que se chama "matar o tempo".

https://federicogarcialorca.net/obr…/charla_sobre_teatro.htm

Feliz Día do Teatro!

Distribuir contido


by Dr. Radut