día_biblioteca

24 de outubro: Día das bibliotecas

A SEN CONTO (Gemma Pasqual)

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe  a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete  ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun raparigo; nin esperaba que San Xurxo a salvase do  dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha  madrastra, dun pai ou dunha fada boa.

E  calzou os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio, converténdose nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba  contracorrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou  á súa sorte, de súpeto, salvouna a capitá  Pippi  Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por  Matilda navegaban polo mar das letras para rescatar a todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer aos máis débiles.

Finalmente, despois de moitas tribulacións chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falaba Borges. Un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia  Woolf; unha nave espacial que a levaría aos puntos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado afastado e ao afastado futuro; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicou Isaac  Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todos, tamén dos sen conto, dos sen libro, dos sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

O cartel desta edición do Día das Bibliotecas foi encargado ao ilustrador valenciano Miguel Calatayud e o pregón, a escritora tamén valenciana Gemma Pasqual.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer