Marzo 18

m reimóndezA dúbida
de
María Reimóndez

    Novela que dun xeito áxil trata temas de actualidade como a prostitución e o abuso de menores, a corrupción política ou certa controvertida aplicación da xustiza. Deli descobre, coa chegada repentina da policía á súa casa, que o seu home Vicente está acusado da violación dunha menor. Resulta que a rapaza violada é filla dos seus mellores amigos. Deli, por ser muller e miúda, é menosprezada; en realidade non coñece ao seu cónxuxe; ao descubrir toda a verdade, quere que o seu marido pague polo que fixo. Deli perde ao esposo, perde a amizade dos pais da nena violada, perde o traballo, perde a casa... mais é feliz, a súa conciencia está tranquila e ten unha nova amizade: a de Couto, un viúvo inspector de policía que a axudou a destapar a trama delituosa...

    (...) Deli mira pola fiestra. Non ten emprego. Non ten casa. Non ten amizades coas que saír a tomar os viños. Mais está convencida de que volveu á vida. Cando a xuíza lera o veredicto, cando Vicente fora condenado a prisión e se abriran as causas contra Rafael, algo nela colleu o seu sitio. Non de todo, mais polo menos en certa medida.
    A xente interesáballe o escándalo. Os medios andaran detrás dela desde o momento en que transcendera que fora a responsable de entregar as probas claves ao fiscal... o dano feito superaba a reparación e que ela ficaría asociada no seu universo a unha persoa noxenta e sen escrúpulos. Tampouco podía deixar de pensar no dano xa irreparable e sobre todo na multitude de casos nos que nunca se chegaba a facer xustiza. Iso seguíalle quitando o sono.a dúbida
    Vicente tentara falar con ela. Ata lle mandara unha carta que botou ao lixo sen abrir.  En calquera caso, tanto lle tiña xa porque estaba para vender o piso e axiña non tería onde escribirlle. A menos que a súa mai lle dese o enderezo, cousa altamente probable porque para a súa mai todo aquilo seguía sen estar claro. A negación era unha maneira de enfrontarse ao terrible, para quen podía gozar de tal luxo.
    -Mais, ti non miraches para outro lado -dixéralle Couto.
    -Ti o que pasa é que me viches pequena e pensaches que era parva -Deli dálle un grolo ao viño. Couto ten un riso cantareiro.
    -Pode ser.
    -Non é de estrañar. Ata eu pensaba que era parva.
    Couto deixáraa ficar no piso que tiña preto da praia e víanse cada vez con máis frecuencia. Ela metérase con el.
    -Que son agora? Testemuña protexida particular túa? -mais non puidera negarse. Non tiña onde ir. Couto aseguráralle mil veces que non era molestia, que estaba tentando vender o piso, traíalle demasiados recordos, e que por favor non o interpretase de ningunha outra maneira. Deli accedeu porque a pesar do agradable da compaña de Couto ela...

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer