27 de Marzo: Día Mundial do Teatro

Krzysztof Warlikowski

 

Krzysztof Warlikowski  (Polonia, 1962) é un dos máis importantes directores de teatro europeo da súa xeración, que  destaca polo traballo cos seus actores na exploración de procesos creativos e na composición de contundentes imaxes teatrais para obras do teatro clásico grego, de Shakespeare e montaxes de autores contemporáneos. El é tamén o autor da mensaxe para esta nova edición da xornada mundial do Teatro:

 

    Os verdadeiros mestres do teatro poden atoparse facilmente lonxe do escenario. E polo xeral, non teñen interese no teatro como unha máquina para reproducir convencións e clixés. Eles buscan a fonte  impulsora, as correntes de vida que tenden a pasar por alto as salas de espectáculos e á multitude de persoas empeñadas en copiar un mundo ou outro. Copiamos en lugar de crear mundos que procuren o debate co público, que se ocupen das emocións somerxidas. E en realidade non hai nada que poida revelar as paixóns ocultas mellor que o teatro.

    Moi a miúdo diríxome á prosa como unha guía. Día tras día sorpréndome pensando nos escritores que hai case cen anos profetizaron serenamente o declive dos deuses europeos e o crepúsculo que sumiu á nosa civilización nunha escuridade que aínda espera ser iluminada. Estou a pensar en Franz Kafka, Thomas Mann e carautasMarcel Proust. Hoxe gustaríame tamén contar con John Maxwell Coetzee nese grupo de profetas.

    O seu sentido común sobre o inevitable fin do mundo -non do planeta-, senón do modelo das relacións entre humanos e da orde social e o caos, é conmovedoramente actual para nós aquí e agora. Para nós que vivimos conformes ao fin do mundo. Para nós que vivimos crimes e conflitos que diariamente nacen en novos lugares máis rápido mesmo que os medios de comunicación ubicuos poden manterse ao día. Estes incendios volvense rapidamente aburridos e desaparecen da actualidade, para endexamais volver. E sentímonos desamparados, horrorizados e acurralados. Xa non somos quen de construír torres e os muros que construímos de xeito teimudo non nos protexen, pola contra, eles mesmos esixen protección e coidado o que consume unha gran parte da nosa enerxía vital. Xa non temos a forza para tratar de enxergar o que hai máis alá da porta, detrás do muro. Exactamente por iso o teatro debe existir e aí onde debe buscar a súa forza. Para mirar máis adentro que o permitido.

    A lenda trata de explicar o que non se pode explicar. Baséase na verdade e debe rematar no inexplicable, así é como Kafka describe a transformación da lenda de Prometeo. Estou convencido de que estas mesmas palabras deben describir o teatro. E é esa clase de teatro, o que se basea na verdade e que encontra o seu fin no inexplicable, o que desexo para todos os seus traballadores, os do escenario e os que están entre o público, deséxoo con todo o meu corazón.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer