Skip to Content

Marzo 2011

Poesía e Reino Vexetal

As bibliotecas Calixtina do IES "Pedras Rubias" e do IES "San Paio" comezamos as celebracións do Día da Poesía e do Ano Internacional dos Bosques con esta pequena escolma:


Pegadas de Muller

    Co gallo do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER propoñemos a elaboración de pequenas biografías de mulleres que teñan deixado pegada nas ciencias, nas letras, nas artes, na sociedade...

    Tamén podemos falar daquelas mulleres anónimas que consideremos importantes polo que nos ensinaron, polas súas actitudes positivas fronte á vida, por compartir cousas connosco, etc. Aquí poderiamos falar das mulleres das nosas familias: avoas, nais, irmáns; tamén profesoras, amigas, veciñas,etc.

    A idea sería traballar á actividade nas nosas aulas dende os distintos departamentos e potenciala nas titorías, de xeito que alumnado e profesorado tamén, sexamos capaces de falar dalgunha muller que teña deixado pegada nas nosas vidas.

    Nun folio apaisado poriamos a imaxe da muller nunha metade, e utilizariamos a outra metade para esa pequena biografía, frase, comentario ou sentimento que esa muller ten producido en nós.

    Colocaremos paneis de papel marrón nos distintos andares, nos que iremos colando os distintos traballos.

    A  actividade  realizarémola ata o inicio das vacacións de Semana Santa.
   
    Grazas pola vosa colaboración.

Marzo 2011

Crímenes pitagóricos
de
Tefcros Mijailidis
     Obra moi entretida, mestura de xéneros: historia, novela negra e ciencia. Novela sobre a amizade, a lealdade e as matemáticas. Ficción histórica sobre á vida dun matemático de comezos do século XX e os acontecementos acaecidos na Europa da época.
    Os dous protagonistas, viaxando por Europa, exploran a súa paixón e as consecuencias desta. Mijaíl Iyerinós, un grego de familia acomodada, tras estudar matemáticas, vai perdendo o seu interese pola ciencia ata converterse nun home conservador, medorento dos cambios sociais, asustadizo ante a posibilidade de que a xeometría euclidiana deixe de ser un arcano para os mortais.
    A novela empeza co asasinato de Stéfanos Candartsís, outro matemático con quen Mijaíl pasou os seus mellores anos de estudante, con quen compartiu algunhas mulleres e con quen soñou un mundo onde a ciencia se convertería na nova linguaxe creativa de toda a humanidade. O policía que trata de esclarecer a morte de Stéfanos encontrarase cun crebacabezas que mestura problemas matemáticos que levan séculos sen solución, estrañas relacións sentimentais, un mafioso ao axexo e o pacto de silencio que os pitagóricos fixeron na antiga Grecia.

Marzo 2011

SON a selvática serpe lamacenta, recuberta
de obsidiana, de lava candente;

son a malísima feiticeira que agocha
a súa beleza entre sabugueiro e fento,
a que traballa de sol a sol para gañar
millo
e especias,
a das mans con calos e terra
de laboura intensa;

son a que goza do amor en montes bravurentos,
a que axuda ás poldras
a parir;

son a que devorou a mazá, a que encarnada
de desexo
inxuriou
o poder establecido;

son a que se inunda de arroz, de fariña
e plenilunio;

son a que cría, a que alimenta, a que agarima,
a que ergue
espadanas neste mundo;

son o monstro de tentacións e pecado, son a
letra
escarlata
de pavo e calacús (terror enfeitado
de lenda):

son a que camiña soa entre os areeiros
herbosos;

son a do aquelarre, o mito
que carga coas maldades; a gata voluptuosa,
sensual e indecente, a danzarina núa
que enche os corazóns
e é desprezada;

son Salomé, Lilith, Eva, Dalila (a mala,
a alimaria);

son a aldraxada, a violada, a vexada, a
pura, a infeliz, a apreixada entre gadoupas
brancas.

Son
unha muller.

                                                    Lucía Novas (1979-)

 


by Dr. Radut