Exames do curso e pendentes

....... ......//www.edu.xunta.gal/centros/iessanchezcanton/aulavirtual2/mo/page/view.php?id=228

Consellería de Educación IES Sánchez Cantón - Pontevedra Logo Fondo Social Europeo

99https://www.edu.xunta.gal/centros/iessanchezcanton/aulavirtual2/mod/age/view.php?id=228




Avaliacións externas
INFORMACIÓN SOBRE DATAS DE EXAMES, AVALIACIÓNS E ESTATÍSTICAS


Paraninfo do Instituto Sánchez Cantón
Consulte as cualificacións do seu fillo/a a través de Abalar móbil

CUALIFICACIÓNS

As notas son o resultado do proceso de avaliación en cada unha das materias que compoñen cada un dos cursos que se imparten no centro. Neste proceso de avaliación tense en conta o resultado das probas obxectivas, traballos, a actitude do alumno, etc. de acordo coas programacións didácticas das materias.

Aínda que o proceso avaliador se realiza continuamente durante o curso, hai tres avaliacións formais, que coinciden aproximadamente cun trimestre cada unha, onde se reúnen todos os profesores de cada grupo e cualifican aos alumnos e alumnas en cada unha das materias de acordo ao seguinte baremo: 

Insuficiente: ata 4
Suficiente: 5
Ben: 6
Notable : 7, 8
Sobresaliente: 9, 10

Se a media dos dous cursos de Bacharelato é superior a 8,75 o alumno ou alumna pódese presentar aos premios extraordinarios de Bacharelato.

Se a media do 2º curso de Bacharelato é igual ou superior a 9, os alumnos poden optar a Matrícula de Honra, o que supón matrícula gratuíta no primeiro ano de universidade.

Ao final de cada unha das avaliacións mencionadas os alumnados recibe un boletín de cualificacións onde se especifican todas as notas, as faltas de asistencia e tamén as posibles observacións do titor ou da xunta de avaliación.

Os pais deben recibir o boletín e devolvelo asinado. Ao recibilo o/a titor/a  do seu fillo/a terá constancia de que foi recibido e a familia ten coñecemento das notas. As familias tamén poderán consultar no seu smartphone as notas dos seus fillos, así como faltas e outras informacións descargando a aplicación Abalar móbil
Promoción de curso na ESO LOMCE:
2. Os alumnos e as alumnas terán promoción de curso no caso de superaren todas as materias cursadas ou teren avaliación negativa en dúas materias como máximo, e repetirán curso cando teñan avaliación negativa en tres ou máis materias, ou en dúas materias que sexan simultaneamente Lingua Galega e Literatura e Matemáticas, ou Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas. De forma excepcional, poderá autorizarse a promoción dun alumno ou unha alumna con avaliación negativa en tres materias cando se dean conxuntamente as seguintes condicións: 
a) Que dúas das materias con avaliación negativa non sexan simultaneamente Lingua Galega e Literatura e Matemáticas, ou Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas. 
b) Que o equipo docente considere que a natureza das materias con avaliación negativa non lle impide ao alumno ou á alumna seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a promoción beneficiará a súa evolución educativa. 
c) Que se lle apliquen ao alumno ou á alumna as medidas de atención educativa propostas no consello orientador ao que se refire o apartado 7 deste artigo. Poderá tamén autorizarse de xeito excepcional a promoción dun alumno ou unha alumna con avaliación negativa en dúas materias que sexan simultaneamente Lingua Galega e Literatura e Matemáticas, ou Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas, cando o equipo docente considere que o alumno ou a alumna poden seguir con éxito o curso seguinte, que teñen expectativas favorables de recuperación e que a promoción beneficiará a súa evolución educativa, e sempre que se lle apliquen ao alumno ou á alumna as medidas de atención educativa propostas no consello orientador ao que se refire o apartado 7 deste artigo. Para os efectos deste apartado, só se computarán as materias que como mínimo o alumno ou a alumna deben cursar en cada un dos bloques. 
No bloque de materias de libre configuración autonómica só se computará Lingua Galega e Literatura, con independencia de que os alumnos e as alumnas poidan cursar máis materias do devandito bloque. As materias coa mesma denominación en diferentes cursos da educación secundaria obrigatoria consideraranse como materias distintas.
3. Quen teña promoción sen superar todas as materias deberá matricularse das materias non superadas, seguirá os programas de reforzo que estableza o equipo docente e deberá superar as avaliacións correspondentes aos devanditos programas de reforzo. Esta circunstancia terase en conta aos efectos de promoción previstos nos apartados anteriores.
4. O alumno ou a alumna que non teñan promoción deberán permanecer un ano máis no mesmo curso. Esta medida poderáselle aplicar no mesmo curso unha soa vez, e dúas veces como máximo dentro da etapa. Cando esta segunda repetición deba producirse en terceiro ou cuarto curso, terá dereito a permanecer no réxime ordinario cursando educación secundaria obrigatoria ata os dezanove anos de idade, feitos no ano no que finalice o curso. Excepcionalmente, poderá repetir unha segunda vez en cuarto curso se non repetiu nos cursos anteriores da etapa. 
5. En todo caso, as repeticións estableceranse de maneira que as condicións curriculares se adapten ás necesidades do alumno ou da alumna e estean orientadas á superación das dificultades detectadas. 
6. Esta medida deberá ir acompañada dun plan específico personalizado, orientado á superación das dificultades detectadas no curso anterior. Os centros docentes organizarán este plan de acordo co que estableza a consellería con competencias en materia de educación.
 
Título de graduado en educación secundaria obrigatoria LOMCE):
1. Para obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria cumprirá a superación da avaliación final, así como unha cualificación final desta etapa igual ou superior a 5 puntos sobre 10. A cualificación final da educación secundaria obrigatoria deducirase da seguinte ponderación: 
a) Cun peso do 70 %, a media das cualificacións numéricas obtidas en cada unha das materias cursadas en educación secundaria obrigatoria. 
b) Cun peso do 30 %, a nota obtida na avaliación final da educación secundaria obrigatoria. 
En caso de que o alumno ou a alumna superasen a avaliación polas dúas opcións de avaliación final a que se refire o artigo 22.1, para a cualificación final tomarase a máis alta das que se obteñan, tendo en conta a nota obtida en ambas as opcións. En caso de que se obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria pola superación da proba para persoas maiores de dezaoito anos, a cualificación final da educación secundaria obrigatoria será a obtida na devandita proba.
Promoción en Bacharelato LOMCE:
1. Os alumnos e as alumnas terán promoción de primeiro a segundo de bacharelato cando teñan superadas as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias, como máximo. En todo caso, deberán matricularse en segundo curso das materias pendentes de primeiro. Os centros docentes deberán organizar as consecuentes actividades de recuperación e a avaliación das materias pendentes.
Para os efectos deste apartado, só se computarán as materias que como mínimo o alumno ou a alumna deben cursar en cada un dos bloques. No bloque de materias de libre configuración autonómica só se computará Lingua Galega e Literatura, con independencia de que os alumnos e as alumnas poidan cursar máis materias do devandito bloque. Sen superar o prazo máximo para cursar o bacharelato indicado no artigo 28.3, os alumnos e as alumnas poderán repetir cada un dos cursos de bacharelato unha soa vez como máximo, aínda que excepcionalmente poderán repetir un dos cursos unha segunda vez, logo dun informe favorable do equipo docente. 
2. A consellería con competencias en materia de educación establecerá as condicións nas que un alumno ou unha alumna que cursasen o primeiro curso de bacharelato nunha determinada modalidade poidan pasar ao segundo nunha modalidade distinta. 
3. Os alumnos e as alumnas que ao termo do segundo curso tivesen avaliación negativa nalgunhas materias poderán matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas, ou optar por repetir o curso completo.
Avaliación final de bacharelato LOMCE:
1. Ao finalizar o bacharelato, os alumnos e as alumnas realizarán unha avaliación individualizada na que se comprobará o logro dos obxectivos desta etapa e o grao de adquisición das competencias correspondentes en relación coas seguintes materias: 
a) Todas as materias xerais cursadas no bloque de materias troncais. No suposto de materias que impliquen continuidade, terase en conta só a cursada en segundo curso. 
b) Dúas materias de opción cursadas no bloque de materias troncais, en calquera dos cursos. As materias que impliquen continuidade entre os cursos primeiro e segundo só computarán como unha materia; neste suposto terase en conta só a materia cursada en segundo curso. 
c) Unha materia do bloque de materias específicas cursada en calquera dos cursos, que non sexa Educación Física nin Relixión. 
2. Só poderán presentarse a esta avaliación os alumnos e as alumnas que obtivesen avaliación positiva en todas as materias. Para estes efectos, só se computarán as materias que como mínimo o alumno ou a alumna deben cursar en cada un dos bloques. No bloque de materias de libre configuración autonómica só se computará Lingua Galega e Literatura, con independencia de que os alumnos e as alumnas poidan cursar máis materias do devandito bloque. 
3. De acordo co disposto nos artigos 6 bis.2.b) e 36 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte establecerá para todo o sistema educativo español as características das probas, deseñaraas e establecerá o seu contido para cada convocatoria. 
Correspóndelle á consellería con competencias en materia de educación fixar os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe avaliables e o deseño das probas que se apliquen a Lingua Galega e Literatura, que se realizarán de xeito simultáneo co resto das probas que compoñen as avaliacións finais. A materia de Lingua Galega e Literatura terase en conta para o cálculo da nota obtida nas devanditas avaliacións finais na mesma proporción que a materia de Lingua Castelá e Literatura. Terán exención da realización destas probas os alumnos e as alumnas que estean exentos/as de cursar ou de ser avaliados/as da materia Lingua Galega e Literatura, segundo a normativa autonómica correspondente. 
4. A superación desta avaliación requirirá unha cualificación igual ou superior a 5 puntos sobre 10. Os alumnos e as alumnas que non superen esta avaliación ou que desexen elevar a súa cualificación final de bacharelato poderán repetir a avaliación en convocatorias sucesivas, logo de solicitalo. Tomarase en consideración a cualificación máis alta das obtidas nas convocatorias ás que se concorra. 
5. No caso de alumnos e alumnas que desexen obter o título de bacharel por máis dunha modalidade, poderán solicitar que se lles avalíe das materias xerais e de opción da súa elección do bloque de materias troncais, correspondentes ás modalidades escollidas. 
6. A administración educativa poderá realizar actuacións de mellora naqueles centros docentes públicos con resultados inferiores aos valores que, para tal obxecto, teña establecido. En relación cos centros docentes concertados atenderase á normativa reguladora de concertos. 
7. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer medidas de atención personalizada dirixidas aos alumnos e ás alumnas que, téndose presentado á avaliación final de bacharelato, non a superasen. 
 
Facebook Twitter You Tube Galipedia Calendario de actividades SC

Última modificación: Martes, 24 de Outubro do 2017, 18:36