SUBTEMAS DAS ABAU. Séculos XVI, XVII

En boa parte da historiografía tradicional ollamos unha tendencia a presentar ó século XVI como un período de auxe e prosperidade e á centuria seguinte coma todo o contrario. O desexo de manter íntegro o imperio e a defensa do catolicismo dos Austrias maiores (Carlos I e Felipe II) fíxoos pasar á historia coma grandes monarcas, mentres que segundo esta mesma visión, a falta de capacidade e interese polos asuntos da Coroa dos Austrias menores (Felipe III, Felipe IV e Carlos II) tivo coma resultados crise e decadencia. Sendo certo en parte isto último, esta interpretación crea unha versión sesgada dos feitos. Na actualidade debemos asumir que a crise económica e demográfica comeza no último cuarto do século XVI, a partir de 1580, e aparecen síntomas de recuperación aproximadamente un século despois.

Esta decadencia ou crise responde a unha explicación multicausal:

Por un lado, os excesivos gastos da política imperial de Carlos I e as campañas bélicas deste e o seu fillo Felipe II no exterior, obsesionados pola hexemonía da monarquía hispánica no mundo e líderes universais da cristiandade, debilitan fondamente á facenda real e crean unha dependencia excesiva dos empréstitos da banca estranxeira (asentos) e unha frecuente emisión de débeda pública (xuros); recordemos que en 1557 declárase a primeira bancarrota e a partir de aquí sucédense outras nos anos 1575, 1596, 1607,1627,1647,1652,1662.

Por outro lado, a chegada masiva de metal precioso de América (ouro e, sobre todo, prata) ten como consecuencia un aumento exponencial da moeda circulante que incide na brusca subida da inflación (isto é, aumento dos prezos moi por riba do aumento dos salarios). Asemade, o arcaísmo do sistema produtivo, unha produción nacional insuficiente para abastecer o mercado interno e americano, o gusto polos produtos estranxeiros, que desequilibra a balanza comercial, unhas clases privilexiadas que non invisten as súas ganancias na actividade económica produtiva e o dominio dunha mentalidade rendista para unha boa parte da burguesía que busca o ennobrecemento, son os factores que explican a progresiva decadencia económica de Castela. As grandes riquezas americanas acabaron por beneficiar ao resto de Europa.

A competencia dos países europeos cunha economía máis potente (Inglaterra, Provincias Unidas), que merma as exportacións peninsulares, unido a unha política monetaria errada dos primeiros “Austrias menores”, baseada na acuñación de moeda de menor valor (o vellón), agrava a inflación e a dependencia cara o exterior.

Todos estes factores, unidos á incidencia da peste atlántica, a un ciclo de malas colleitas producido por unha climatoloxía adversa e aos numerosos enfrontamentos bélicos que desangran a Castela, provocan un aumento da mortalidade e descenso da natalidade. A crise económica e demográfica terá efectos adversos na estrutura poboacional “española”, estancándose a poboación nuns 7,5-8 millóns de persoas durante o período sinalado.

Todo o mencionado anteriormente condénsase na chamada “triloxía do desastre”, idea que empregan os historiadores cando queren facilitar a comprensión das causas das crises do Antigo Réxime e que se reduce ás seguintes: peste, malas colleitas e guerras.

Mais cómpre establecer diferencias entre os diferentes comportamentos demográficos dos territorios peninsulares: se ben o interior castelá, ata ese momento a zona máis poboada, sofre un decrecemento e iniciase un éxodo de poboación cara á periferia, no litoral (exceptuando Valencia, moi afectada pola expulsión dos mouriscos en 1609 e algunhas cidades moi afectadas polas epidemias de peste, coma Barcelona ou Sevilla) a situación é ben diferente: comeza o fluxo de campesiños dende o interior e chegan de América dúas especies que se cultivan na costa a pouca altura, e que producirán un alza demográfica ou cando menos mitigarán os efectos da crise: o millo e a pataca.