SUBTEMAS DAS ABAU DE HISTORIA MEDIEVAL

No proceso de enfrontamento dos núcleos cristiás contra os musulmáns foi desenvolvéndose a idea de reconquistar o espazo antigamente pertencente á monarquía hispano-goda. Alfonso III, a finais do s. IX, foi o primeiro en lexitimar as campañas contra o islam e declararse descendente dos reis godos co fin de manifestar unha suposta superioridade respecto do resto dos reis e condes cristiás da Península. Con todo as etapas das que imos falar comezarían no 722 coa vitoria cristiá de Covadonga e remataría en 1492 coa conquista de Granada polos Reis Católicos. Unha vez que se expulsaba ao musulmán das terras conquistadas producíase un lento proceso de repoboación onde os monarcas, donos das terras conquistadas, animaban á poboación cristiá a ocupar as terras baleiras a cambio de concesións. 

Primeira etapa (siglos VIII-X). Etapa inicial. 

A vitoria cristiá en Covadonga (722) marca o inicio dun longo período no que os núcleos cristiáns do norte consolidan o seu territorio en torno ao reino de Asturias e avanzan timidamente cara o sur aproveitando os enfrontamentos internos entre os musulmáns. Destacan os reis Alfonso I quen, a mediados do s. VIII, pasa a repoboar Galicia e Cantabria, Alfonso II, en cuxo reinado prodúcese o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago, e Alfonso III con quen se se traslada a capital de Oviedo a León e se fortifica a liña do Duero no ano 910. A partir de entón comézase a falar do reino astur-leonés, e despois de reino de León. A mediados do s. X, na parte oriental do reino de León, a máis necesitada de reforzo militar, nace o condado de Castela. No sur de Galicia aparece o condado de Portugal.

Na parte oriental da Península van xurdir os condados de Pamplona, Sobrarbe, Ribargoza, Aragón e condados cataláns que formarán parte da Marca Hispánica do reino franco, pero que co paso do tempo acabarán por facerse independentes. Os avances nesta zona serán máis lentos pola fortaleza musulmá no val do Ebro.

Segunda etapa (s. XI- XIII). O gran avance reconquistador.

A realidade política cristiá foise articulando como unha pluralidade de reinos (reino de León, subdividido posteriormente en Portugal e Castela, Navarra, Aragón e Condados cataláns) e co cristianismo como fundamento da nova orde.

O avance da reconquista deu lugar á consolidación dos reinos de Castela (a partir de 1157 engloba ao reino de León), Portugal (independizado en 1143 do reino de León), Aragón ( creado polo matrimonio entre Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona e Petronila de Aragón en 1137) e Navarra.

O avance cristián tivo lugar na medida en que se foron afirmando os diferentes reinos. As coroas de León, Castela  e Portugal levan a liña de fronteira da cunca do Duero á cunca do Tajo ao longo dos séculos XI- XII. A debilidade do mundo musulmán despois da caída do Califato de Córdoba permitiu a Alfonso VI conquistar Toledo en 1085 e ocupar o val do Tajo. Precisamente este feito foi o que provocou a chegada dos almorávides, chamados en auxilio á Península polos reinos de taifas. Isto frea o avance cristián ata mediados do s.XII en que un novo período de fragmentación no mundo musulmán permite a ocupación do val do río Guadiana ata a chegada dos almohades que vencen a Alfonso VIII na batalla de Alarcos, en 1195. Este dominio almohade, que será contrarrestado pola acción das ordes militares de Calatrava, Santiago e Alcántara, chega ata a batalla das Navas de Tolosa (1212) en que os reis cristiás organizados como unha cruzada derrotan aos almohades e logran abrirse paso cara o val do Guadalquivir que será conquistado ao longo do s. XIII pola acción de Fernando III.

 Na frontera oriental os avances foron máis lentos. A comezos do s. XII a coroa de Aragón  domina o val do Ebro grazas aos esforzos de Alfonso I El Batallador  quen conquista Zaragoza en 1118. Nas terras que, a partir do s. XII, se denominarán Cataluña, o conde Ramón Berenguer IV  conquista Tortosa (1148) e Lleida (1149) e construiu unha potencia militar que se proxectou cara o Mediterráneo.

O condado de Portugal convértese en reino independente en 1143 con Alfonso Enríquez quen conquista Lisboa  en 1147.

No s. XIII Castela chega co rei Fernando III ao val do Guadalquivir e con Alfonso X a Cádiz e Murcia; Jaime I de Aragón domina ata Valencia e en Portugal alcánzase o Algarve.

Os séculos XIV e XV son séculos onde o ímpeto conquistador remite.

So quedará por conquistar o reino nazarí de Granada e o control do estreito de Gibraltar para impedir novas invasións do norte de África como era o caso dos benimerines.

Destacan os monarcas Alfonso XI coa vitoria do río Salado en 1340, que permite o control do estreito, e a conquista de Algeciras (1344).

O punto e final reconquistador terá lugar coa acción bélica e diplomática dos Reis Católicos en 1492 cando toman Granada.

O proceso de conquista leva aparellada a repoboación dos espazos ganados ao islam.

Esta repoboación faise a través de varias modalidades:

Presura ou aprisio: Ten lugar nos séculos VIII- XI sobre as terras despoboadas do val do Miño, Douro e somontano pirenaico. O rei autorizaba o asentamento e a propiedade a quen ocupara e cultivara a terra. Promovida pola nobreza e o clero, tamén contou co protagonismo de familias de campesiños libres.

Cartas de poboamento: Promovidas polo rei para a creación de vilas e cidades en zonas despoboadas. Concédense privilexios forais aos moradores. Ten lugar entre o X eo XIII.

Doazóns ás Ordes militares. Ten lugar nas terras do val do Guadiana e na zona do Maestrazgo. Os reis conceden terras ás Ordes Militares encargadas da defensa do territorio ante os ataques de almorávides e almohades.

Os repartimentos: Modalidade de reparto de terras adoptada en Extremadura e no val do Guadalquivir e que beneficia á nobreza (donadíos) que recibe latifundios.

https://www.youtube.com/watch?v=NhnB8RbYmkw

Imaxe relacionada