SUBTEMAS DAS ABAU DE HISTORIA MEDIEVAL

A presenza musulmána en Hispania durará entre o 711 (batalla de Guadalete) e o 1492(Conquista de Granada polos Reis Católicos).

Ocupación militar rápida da península pola división interna da nobreza visigoda ( Tariq e Musa encabezan un exército árabe e bereber que ocupan gran parte de Hispania) e polos pactos de capitulación aos que chegan con esa nobreza (caso de Teodomiro en Murcia)

Consolidan as fronteiras no val do Ebro e na liña do Douro. Fronteiras defendidas por provincias militares (Coras).As terras conquistadas pasan a formar parte do Califato omeia de Damasco, pero por pouco tempo. No 756,  Abd al- Rahmán I, omeia fuxido, gobernará o emirato de Córdoba e declarará a independencia política respecto dos abasies, os novos dominadores do poder musulmán en Bagdad.

No seo interno do poder musulmán houbo unha forte inestabilidade pola diversidade étnica, relixiosa e económica dos novos ocupantes da Península, polo reparto de terras e pola fragmentación territorial do poder frecuentemente controlado por familias nobres.

No ano 929, Abd al Rahmán III creará o Califato de Córdoba, consumando a división do mundo musulmán. Período de esplendor económico e cultural, racionalización da xestión política e islamización de Al Andalus.

No ano 1031, culmina un proceso de descrédito da institución califal e tensións entre os distintos grupos étnicos dando pé a un proceso de fragmentación política que terminará na aparición dos reinos de taifas e favorecerá o avance dos reinos cristiáns. Os reinos de taifas pagaban parias (un tributo anual) aos reinos cristiáns para conseguir a súa protección. A caída de Toledo a mans de Alfonso VI, en 1085, provocou a chegada dos almorávides, chamados en auxilio polos reinos de taifas. Isto frea o avance cristián ata 1145 en que novos conflitos internos no seno do imperio almorávide agravado polo seu rigorismo relixioso poñen fin a esta etapa. Aparece entón un novo período de fragmentación no mundo musulmán ata a chegada dos almohades que vencen a Alfonso VIII na batalla de Alarcos, en 1195. Este dominio almohade, sustentado sobre o dominio militar e sen moito apoio popular, será contrarrestado pola acción das ordes militares de Calatrava, Santiago e Alcántara. Derrotado na batalla das Navas de Tolosa (1212), o mundo musulmán volve a fragmentarse en taifas o que favorecerá o avance dos reinos cristiás, quedando unicamente o reino nazarí de Granada ata 1492 en que caerá baixo o dominio dos Reis Católicos.

A sociedade no mundo musulmán era moi variada dende o punto de vista étnico. Estaba formada por árabes, bérberes, muladís, eslavóns, xudeus, mozárabes. A falta de cohesión social e o predominio dos lazos tribais foron motivo de frecuentes conflitos internos. O poder e o respecto cara a figura do emir ou do califa dependía da súa  personalidade e carisma o que derivou en momentos de fortaleza do poder central e outros de conxuras pacegas que facilitaba as tendencias centrífugas (Os Banu Qasi en Zaragoza).

Había notables diferenzas sociais e económicas dentro dos grupos. A nobreza, de orixe árabe, dominaba os altos cargos da administración e era dona de grandes propiedades, as clases populares (campesiños, comerciantes, artesáns) habitaban as cidades e o campo e, finalmente, os escravos formaban parte do servizo doméstico das grandes casas e do exército. Precisamente o exército era unha das bases do poder musulmán. Servía para manter a orde interna e defender o territorio nas fronteiras. Estaba formado por mercenarios e escravos de orixe bereber e eslavo. Todo o sistema administrativo xerarquizado descansaba sobre unha hábil política fiscal que permitía dispoñer de abundantes recursos, recadados a través impostos de carácter territorial e persoal.

O mundo musulmán recupera o pulso da vida urbana das cidades hispanorromanas (Córdoba foi a principal cidade do Occidente no s. X) e funda novas cidades de carácter estratéxico ( Almería, Calatayud, Tudela, Madrid...). As cidades son o escenario dunha potente vida artesanal e comercial. O sector agrícola sae enriquecido polos cultivos de rega e as novas técnicas que crean unha agricultura moi rica e variada (cana de azucre, arroz, produtos de horta, cítricos.... Todo este sistema estaba fortalecido por unha abundante emisión de moeda de ouro ( dinar) e prata (dirhem).

http://explorethemed.com/reconquistaes.asp?c=1

Resultado de imaxes para evolución territorial islam peninsula