SUBTEMAS DAS ABAU.Século XX

Despois da derrota das forzas de dereitas nas eleccións de febreiro de 1936, os bandos políticos dividíronse en coalicións de esquerdas (Fronte Popular) e de dereitas (Bloque Nacional). As eleccións foron gañadas pola Fronte Popular e Santiago Casares Quiroga, membro da ORGA, foi elixido Presidente do Goberno. Este dispersou aos xenerais máis contrarios á República (Franco, Sanjurjo, Mola…), por ser sospeitosos de tramar un golpe de estado. Non obstante, a derrota electoral da dereita e o medo á revolución social estimulou proxectos golpistas ideados por estos militares.

O estoupido da sublevación acelerouse despois do asesinato do militante de esquerdas José Castillo e, ao día seguinte como represalia, do deputado de dereitas Calvo Sotelo. O 17 de xullo de 1936, as tropas situadas no Protectorado de Marrocos levantáronse en contra da República e, o día 18 fixérono na Península. A raíz do conflito xorden dous bandos: o bando nacional ou os sublevados, formado por oficiais intermedios do exército de Terra, a Garda Civil, as masas católicas e conservadoras, pequenos e medianos terratenentes e que contaba co apoio total da Igrexa; e o bando a favor da República, coñecidos como os vermellos polas forzas sublevadas, que estaban constituídos por xenerais do exército de Terra, a Armada e a mariñeiría, a Aviación, a Garda de Asalto, os partidos de esquerda, o proletariado e a pequeña burguesía.

Rapidamente o conflito orixinou implicacións internacionais, debido ás tensións políticas existentes nese momento en toda Europa. O auxe do fascismo en Italia e Alemaña provocara unha grande preocupación en países coma Gran Bretaña e Francia. Estes últimos tentaron non conferir un carácter internacional ao conflito acordando coas potencias fascistas un Comité de Non Intervención. Italia e Alemaña non cumpriron o establecido e proporcionaron material bélico e voluntarios, como Os Camisas Negras italianos. As forzas sublevadas tamén contaron co apoio de Portugal, que enviou aos viriatos (10.000 voluntarios). Alemaña xogou un papel fundamental xa que, grazas á súa axuda, os militares puideron atravesar o Estreito de Xibraltar, protexido pola Armada, afín á República. Por outro lado, a República case non tivo apoios, excepto a Unión Soviética e, en menor medida, México. A URSS, dirixida por Stalin, mostrouse prudente inicialmente mais, coa intervención de Hitler e Mussolini, decidiu colaborar co goberno da República e enviar asesores militares e armas.

Ademais, acudiron a participar na Guerra Civil as Brigadas Internacionais, partidas de voluntarios procedentes de diversos países, estimuladas pola Internacional Comunista ou Komitern.