SUBTEMAS DAS ABAU.Século XX

Tras a vitoria dos partidos republicanos nas grandes cidades e capitais de provincia nas eleccións municipais convocadas polo almirante Aznar, o 12 de abril de 1931, o rei Alfonso XIII renuncia ao trono e marcha de España, dando pé a un cambio de sistema político, proclamándose a Segunda República. O Goberno Provisional creado ata a aprobación da nova Constitución, presidido por Alcalá Zamora,  inciou unha serie de reformas que máis tarde serían sancionadas polo texto constitucional.
As reformas atacaron  moitos dos problemas enquistados na vida política española. A reforma do exército tiña como obxectivos reducir o número de oficiais e modernizar as súas estruturas e o equipamento. Eliminaron tres das cinco academias militares, plantearon un sistema de retiros anticipados co soldo íntegro para reducir o número de oficiais, crearon un corpo para manter a orde pública nas cidades e leal ao principios da República, os Gardas de Asalto, eliminaron a lei de Xurisdiccións e someteron aos militares ao sistema político, obrigándoos a xurar fidelidade á República.
Outra das reformas foi a educativa co intento de eliminar o grave problema do analfabetismo, que en rexións como a andaluza alcanzaba porcentaxes próximos ao 50%. Para isto crearon numerosas escolas e institutos e formaron aos profesores nos sistemas pedagóxicos máis innovadores seguindo a estela da Institución Libre do Ensino. A idea era crear un ensino laico, obrigatorio e gratuíto que elevara o nivel de formación da poboación española como paso necesario para unha modernización do Estado. Tentaron levar a cultura ao rural, pero sen desmerecer a sabedoría popular que podía ofrecer este medio. Entre outras experiencias merece destacarse ás Misións Pedagóxicas que levaron cine, teatro, conferencias e libros a onde non chegaba este tipo de cultura. Compañías teatrais como La Barraca, dirixida ppor García Lorca fixeron representacións polos pobos de obras clásicas e populares. O grande problema que se atopou esta reforma foi o contexto de recesión económica que se vive coa crise dos anos trinta e que priva ao Estado dos ingresos necesarios para facer fronte aos numerosos gastos que implica esta reforma.
Abordar a cuestión relixiosa conlevou unha crise no interior do Goberno Provisional que se saldou coa dimisión de Alcalá Zamora e Miguel Maura. O texto constitucional ratificaría a idea dun Estado laico, con separación de Igrexa - Estado e liberdade de cultos. Retirouse o sostemento económico da igrexa, esta institución foi considerada como unha asociación máis que debía solicitar permiso das autoridades gubernamentais se quería saír en procesión. Aprobouse o matrimonio civil, o divorcio e secularizáronse cemiterios. A igrexa debeu deixar de impartir docencia e se lle prohibiu calquera actividade económica. Asemade decretouse a disolución da orde dos xesuítas. Moitas destas medidas supoñían alterar o Concordato coa Santa Sede asinado dende 1851.
Dúas reformas levaron máis tempo e tiveron que ser aprobadas no ano 1932. A posibilidade de solicitar ante as Cortes a aprobación dun Estatuto de autonomía e a reforma agraria.
A Constitución de 1931 recollía no seu texto que España era un Estado unitario coa posibilidade de establecer autonomías naqueles territorios que así o solicitaran. Deste xeito trataban de dar satisfacción ás demandas dos nacionalismos periféricos, en especial ao nacionalismo catalán que nos primeiros intres da proclamación da República xa se adiantaran a proclamar o Estado catalán, algo que foi freado coa promesa de poñer en marcha as condicións para a autonomía política. Con este fin fíxanse os criterios para  solicitar a autonomía política: a aceptación por parte da asemblea de municipios pertencentes a esa rexión, a aprobación do estatuto en referendum por unha maioría dos dous terzos e a presentación do texto ante as Cortes. A primeira comunidade en avanzar cara a autonomía foi Cataluña. A intentona de golpe protagonizada por Sanjurjo acelerou o proceso de aprobación despois dun inicio lento e polémico. Aparece así o goberno da Generalitat co seu parlamento e tribunais de xustiza propios. Cataluña disporía así de autonomía en educación, facenda, transportes e orde pública ( Mossos de Esquadra). Macíá, de Esquerra Republicana,  foi elixido o seu primeiro presidente Os seguintes territorios en presentar estatutos para a súa aprobación serían País Vasco e Galicia, se ben estas dúas comunidades experimentarían un retraso maior polo cambio de goberno despois da vitoria da dereita nas eleccións de novembro de 1933  quen paraliza todos procesos de autonomía. Ata xuño e xullo do 36 non habería un novo impulso, pero no caso galego o estourido da guerra impide que as Costes deliberen na última etapa do Estatuto galego.
Un dos elementos centrais do amplo proceso reformista impulsado polos gobernos republicanos foi a reforma agraria. O seu obxectivo era facer fronte á desigual distribución da propiedade da terra, para mellorar a situación do campesiñado e incrementar a produtividade agrícola. A existencia de amplas masas de campesiños sen terras, xornaleiros das rexións latifundistas do sur e de pequenos propietarios e arrendatarios ó límite da subsistencia nas rexións setentrionais, constituía un problema endémico en España. Por iso a  reforma agraria converteuse nunha das principais reivindicacións do campesiñado. Socialistas e republicanos non se poñían de acordo no tipo de reforma. Para o socialismo está debía ser a oportunidade para colectivizar e socializar a terra mentres que para os reptublicanos era o fomento dunha nova clase de propietrios.
Antes da súa aprobación en 1932, o goberno provisional de Niceto Alcalá-Zamora xa implantara unha serie de leis que aspiraban a mellorar a situación dos traballadores no campo. Entre elas estaba o decreto de termos municipais que obrigaba a priorizar a contratación de xornaleiros do municipio, a xornada laboral de oito horas,os xurados mixtos para dirimir as disputas entre propietarios e xornaleiros, o decreto de laboreo forzoso, a prolongación dos contratos de arrendamento entre outras medidas. Pola súa banda, a Lei da Reforma Agraria regulaba a redistribución da terra, facultando ó Estado á expropiación e reparto de terras particulares nunha serie de  supostos. Entre elas estaban as terras incultas ou mal cultivadas, as comunais non explotadas de maneira directa, ou as carentes de rego pola desidia dos seus donos. Posto que a lei tamén prevía a indemnización dos propietarios expropiados, creouse o Instituto de Reforma Agraria, para desenvolver este proceso e facilitar créditos ás familias campesiñas beneficiadas pola medida.
Para a aplicación desta lei foi creado o Instituto de Reforma Agraria (IRA). A reforma tivo que afrontar grandes problemas, sobre todo, a radical oposición dos propietarios agrícolas. Isto provocou o incremento da conflitividade social no campo, especialmente en Andalucía e Estremadura. A complexidade burocrática do proceso e as  imitacións orzamentarias fixeron que a reforma se aplicase con grande lentitude e afecta se a moitos menos campesiños dos previstos. Ademais, como todas as reformas emprendidas durante o Bienio reformista, o seu desenvolvemento estaría condicionado pola conxuntura política. Así, derrogouse durante o Bienio conservador, mentres o triunfo da Fronte Popular nas eleccións de 1936 conlevou o seu restablecemento. Con todo, o levantamento militar do mesmo ano impediu a súa aplicación e calquera intento de reforma.
Estas reformas ían contra sectores sociais moi dominantes ( Igrexa, terratenentes, patronal, exército) e levantaron moitas protestas por parte dos grupos políticos da dereita. O triunfo nas eleccións de novembro de 1933 da CEDA e dos republicanos radicais significaron un freo a estas reformas que serían retomadas con moita forza en febreiro do 36