XUSTIFICACIÓN DA ACTIVIDADE E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

Por que unha composición literaria multimedia como paso previo a unha reflexión conceptual sobre a morte?


Se o obxectivo desta actividade fose unicamente coñecer as diversas concepcións  filosóficas, científicas ou de outra índole sobre a morte, bastaría probablemente con subministrar a información pertinente e realizar exercicios para garantir a súa asimilación.

Pero o que fundamentalmente se persigue nesta práctica é identificar os sentimentos propios, ver como estes poden estar condicionados polo entorno e unha vez patentizados, ser quen de expoñelos aos demais, entrar no xogo da construción colectiva da idea de morte e só entón comparar a posición persoal coa de outros pensadores da historia.

Como unha das maiores dificultades consiste en encontrar o marco no que poder verbalizar eses sentimentos, parece axeitado a creación literaria partindo de pautas suxeridas por técnicas de asociación. Agora ben, as palabras non son moitas veces suficientes  e as posibilidades da literatura dixital permitirannos completar  a creación con outros recursos multimedia.

O feito de que todos os participantes estean aceptando a apertura do seu mundo interior ao traspasar ao foro as sensacións que determinadas situacións de perda lles provocan, configura un clima de diálogo e  confianza no que será algo máis fácil afrontar o illamento e os medos.

Nunha posterior volta, achegarse ás teorías filosóficas e científicas dará base conceptual aos pensamentos propios e aproximará estas ás necesidades da vida que o alumnado percibe a miúdo como disociadas.


 

Competencias implicadas na actividade:

  • Comunicación lingüística

  • Tratamento da información e competencia dixital

  • Cultural e artística

  • Aprender a aprender

  • Analítca e loxica

  • Autonomía e iniciativa persoal

 

Avaliamos: que e como?

Como se deduce da metodoloxía e da xustificación desta actividade tan importantes son os resultados finais coma os procesos para producilos.

Por tanto é secundaria aínda que non desdeñable a calidade do produto final.

En todo caso, estes proxectos esixen aos integrantes un esforzo máis grande do que nunha primeira aproximación puidera parecer. Os mozos e mozas están cargados de actividades complementarias, exames, deberes ... Se pretendemos que lle dediquen tempo, sexan rigorosos traballando, acepten un grado de compromiso e implicación grande debemos ser quen primeiro poñamos en valor esta actividade e, tal e como funciona o sistema educativo, iso tradúcese en cualificación. A suxestión é que sexa cualificada de 0 a 2 puntos sumables na nota da avaliación.

Na análise final haberá que comprobar se o deseño e implementación da iniciativa foron axeitados para mellorar a súa eficacia en posteriores aplicacións.

Metodoloxía, fases de desenvolvemento e tempo de dedicación:


Fase 1

Tratamento teórico e introdutorio ao tema na aula.

Presencial.

1 hora

Fase 2

Introdución á metodoloxía de traballo e familiarización coa plataforma Moodle, se é o seu primeiro aceso.

Presencial

1 ou 2 horas dependendo da competencia dixital.

Fase 3

Traballo colaborativo no Foro IMAXINA para exposición de vivencias e preguntas e ideas sobre o morrer.

No Foro CREA e máis na WIKI, achegas e resolución de dúbidas referentes á composición literaria multimedia. Realización de CHAT, se é viable, para coordinación de tarefas.

On line, fóra de horas lectivas.

Variable.

2 semanas aprox.

Fase 4

Traballo colaborativo no Foro MEDITA.

Consultas no Alcove de ideas e na rede. Contibucións ao coñecemento das concepcións filosóficas, científicas e etnográficas sobre a morte. Resolución de dúbidas.

On line, fundamentalmente fóra de horas lectivas

Variable.

2 semanas

Fase 5

Mantense o Foro MEDITA.

Traballo individual. Consultas no Alcove de ideas e na rede. Elaboración e envio dos documentos: A morte e o pensamento. A morte e o poder. A morte e a sociedade.

On line, fóra de horas lectivas.

Variable.

1 semanas

Fase 6

Análise posterior e preparación do documento de conclusións. Avaliación de todo o proceso.

Presencial, en horas lectivas, e on line.

De 1 a 2 horas

 

Segundo a táboa anterior o desenvolvemento deste curso-actividade prolongarase durante 5 semanas aproximadamente, requiríndose de 3 a 5 horas presenciaiso resto on line, en tempo variable, fóra de horario escolar.

Unha maior concentración de tarefas é desaconsellable tanto pola dificultade que seguen a ter para o alumnado non afeito a esta metodoloxía, como polos tempos obrigados para a efectividade desta dinámica a nivel psicolóxico, vivencial e conceptual.
 

En que cursos ou etapa é aplicable esta proposta?

As dúas primeiras partes, IMAXINA e CREA, son accesibles ao alumnado da ESO, tanto no primeiro coma no segundo ciclo, simplemente rebaixando as espectativas en canto á produción literaria e organización de tarefas, para axustalas ao seu nivel evolutivo.

Na ESO probablemente necesiten unha tutela maior en canto á organización, aínda que se debería evitar asfixiar as súas posibles iniciativas.

A sección MEDITA parece máis recomendable para o Bacharelato, quizais tamén en 4º da ESO, onde concorren as materias de ámbito filosófico. O nivel de análise e produción conceptual requerido para a execución das tarefas propostas unido á complexidade dos pensamentos  e outros materiais do Alcove desaconsellan, en liñas xerais, unha aplicación a idades máis temperás.

Así, en bacharelato, debe intentarse que o alumnado:

  • teña altas cotas de xestión, tomando á iniciativa na produción da composición literaria mutimedia.

  • contribúa a engrosar os recursos do Alcove de ideas.

  • re-deseñe conceptualmente o marco simbólico en torno a morte.


 

 


 

Última modificación: jueves, 14 de julio de 2016, 12:42