Skip to Content

Día dos humidais

MÁIS FOTOS

Despois de 20 anos celebrando o Día dos Humidais, non podiamos deixar pasar o 2 de febreiro sen máis. Unha sucesión de borrascas con cicloxéneses fixo que tiveramos que aprazar a celbración ata o luns, día 10.

O alumnado de bioloxía de 4º de ESO, acompañado polas profesoras Beatriz e Susi aproveitaron parte da mañá para facer unha visita á ría, acompañados por Óscar Chao, antigo alumno que está realizandos as prácticas do CAP e que se converteu nun amante da ornitoloxía da natureza. O seu blog O pailebote branco é de obrigada visita para quen teña interese nestes temas.

Coa axuda de prismáticos e telescopios, puidemos ver un bo número de aves invernantes. Empezamos coas limícolas no Esquilo, onde os zarapitos e os correlimos estaban apurando o pouco tempo que lles quedaba para comer antes de que a marea cubrise toda a enseada; seguimos na Lieira observando os vistosos ostreiros bilúricos bailóns e unha espátula que estaba pola beira da auga movendo o seu peteiro de xeito característico para buscar alimento. Como ía bastante frío e subía a marea, un bo número de garzas, garcetas e espátulas estaban ó abrigo fronte ós illotes próximos a Castropol, onde repousaban uns quince cormoráns, algúns deles coas ás abertas orientadas para secarse. No porto de Castropol agradábannos un par de mergullóns de cabeza negra e unha especie que este ano non se vira pola ría e que entrou co último temporal: un somormujo lavanco, precioso pola súa chamativa plumaxe. Por Reme vimos numerosos patos asubións e rabudos, un colimbo e, por suposto, Panchita, a aguia pescadora que temos na ría por terceiro ano, que está acompañada doutra femia anelada recentemente e bautizada como Virgilia.

Tamén nos fixamos nas grandes masas de vexetación características do esteiro, que se dispoñen en función da salinidade: pradeiras submariñas de zostera (halófilas) en gran parte da enseada da Lieira, extensas xunqueiras subhalófilas que empezan a aparecer á altura da enseada do Tarrón en Vilavedelle, e tamén masas de canavais que xa aparecen a partir de Porto, onde a ría adopta un trazado meandriforme debido ó predominio da acción fluvial.

En definitiva, foi unha mañá de clase un pouco distinta, con sarabiada incluída e cun obxectivo claro: coñecer o noso contorno para así aprender a valoralo e respectalo, porque a súa conservación é cousa de todos nós. Cremos que moitos dos nosos alumnos xa teñen máis claro que é un privilexio vivir ó pé da ría, que para todos nós é un importante patimonio cultural.

Queremos deixar constancia expresa do noso agradecemento a Óscar por facernos de guía para poder coñecérmola un pouco mellor.


 

 

 

 

 



page | by Dr. Radut