Skip to Content
Correo electrónico: ies.ribadeo@edu.xunta.es | Teléfono: 982870666

Vespa velutina , un perigo para tod@s.

Antonio Valea, Marcos Villamil e Jesús  Rodríguez, membros da Asociación Os Abelleiros de Ribadeo  estiveron no noso centro para impartir unha charla sobre a Avespa asiática. Primeiro, Antonio explicounos as características desta especie invasora, como distinguila e o seu ciclo vital. A continuación, Marcos explicounos as distintas formas de loitar contra ela e a importancia de facer trampeo durante toda a primavera, para cazar raíñas e evitar así a súa expansión.

Agradecemos moito a súa axuda a e comprometémonos a axudar no trampeo. De feito, os alumnos e alumnas de 1º ESO, están elaborando nas clases de Bioloxía trampas caseiras coa axuda das profesoras Ana Rodríguez, Isabel Mojardín e Teresa Díaz. A intención é que cada un deles se faga responsable dunha trampa que colocará nas inmediacións das súa casa para contribuír á loita contra a expansión desta especie que pon en perigo ás nosas abellas, imprescindibles para nós non só polo mel e outros produtos apícolas, senón sobre todo polo seu importante papel como polinizadoras nos ecosistemas.

Tamén agradecemos ó Concello de Ribadeo que nos regalase un par de trampas comerciais coas que faremos unha pequena investigación a suxerencia de Antonio e Marcos. Imos colocalas no xardín do Instituto e comprobar se funciona mellor como atraínte das raíñas da  avespa asiática o produto comercial que nos regalaron Os Abelleiros ou o preparado caseiro de azucre, auga e levadura do que eles mesmos nos deron a fórmula.

Para a xente que non puido asistir á charla pero está interesada neste tema, adxuntamos tres cousas interesantes: as características para distinguir a avespa asiática, como facer unha trampa caseira e a fórmula para facer o atraínte para as raíñas. 

Animádevos todos a trampear, dende esta semana está aberto o concurso para ver quen captura máis raíñas de avespa asiática e o gañador terá un importante e doce premio!!!

Susi Besteiro

 

Xefa de Dpto de Bioloxía

Rifas viaxe de estudos 4º ESO: Sorteo Lotería Nacional

O alumnado de 4º ESO vendeu rifas para financiar a viaxe de estudos que farán a Ámsterdam en xuño. O premio é un ordenador portátil e unha cea para dúas persoas.

O número premiado no sorteo da Lotería Nacional de onte (20/02/2020) foi o 56571. Polo tanto, o número da papeleta gañadora é o 6571.

O premio pódese recoller no IES ata o 21 de marzo de 2020.

Noraboa ao gañador ou á gañadora!

Semana da Deputación na Escola

 

Un ano máis,  o noso centro participou na Semana da Deputación na Escola que este curso leva por título:  Das vías romanas á modernidade. O alumnado de 1º ESO, na materia de Xeografía e Historia, e o de 4º ESO, a modo de práctica de ecoloxía, traballaron cos materiais que a Deputación de Lugo puxo á nosa disposición para acercarse á realidade da súa provincia.

Para ler máis, preme aquí.

DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS: Os humidais e a biodiversidade.

 

O alumnado de 4º ESO  de Bioloxía, acompañado pola profesora Susi Besteiro, saíu un ano máis á Ría de Ribadeo para conmemorar o Día Mundial dos Humidais, que se celebra cada 2 de febreiro co obxectivo de visibilizar e crear conciencia acerca da importancia destes ecosistemas para a humanidade.

Ler máis...

 

Ordenar o territorio... "con sentidiño".

O alumnado de 1º bacharelato tivo a sorte de participar recentemente nunha actividade financiada polo Concello de Ribadeo e relacionada cunha materia pendente que temos en Galicia: a Ordenación do Territorio.

Para isto, o pasado venres 24 de xaneiro, acudiron ó cine-teatro para ver o documental “Estruturas. Pel contra pel”,de Paco Gallego e Bocixa Rei, no que diferentes arquitectos, xeógrafos, sociólogos e outros colaboradores de Proxectoterra tratan de achegar os valores da  paisaxe e da arquitectura ás aulas de ensino galegas.

Como segunda parte da mesma actividade, o venres 31 de xaneiro, o mesmo alumnado tivo a oportunidade de escoitar no centro ao presidente de Apatrigal (Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego), e creador da conta de facebook, “Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe”,  Henrique Fernández Coto.

Baixo o título “ Orgullosos da nos Historia? ” , Henrique, foi comentando unha morea de fotografías axudándonos a ver  a nosa paisaxe con ollos críticos. Non cabe dúbida que este tipo de actividades axúdannos a sensibilizarnos respecto á importancia de “ordenar  o  territorio  con sentidiño” como dicía el mesmo, para evitar situacións como a de Barreiros, o perigoso turismo de masas ou o feísmo urbanístico ó que estamos tan acostumados que ás veces nin percibimos.

Agradecémoslle ó Concello a súa colaboración e tamén a Paco Gallego, Bocixa Rei e a Henrique Fernández Coto a súa dedicación.

NOMEAMENTO DE LUZ POZO GARZA COMO FILLA PREDILECTA DE RIBADEO

O sábado 18 de xaneiro de 2020 tivo lugar no Salón de plenos do concello de Ribadeo o nomeamento da poeta Luz Pozo Garza como Filla Predilecta de Ribadeo. Profesorado e alumnado do centro tivo a honra de estar presente no acto, no que dúas alumnas do instituto, Amaia López Vivas e Xiana Suárez García, deron lectura a senllos poemas da autora. Luz adicounos cariñosamente un exemplar da recompilación da súa obra poética Memoria Solar.

ENCONTROS CON ESCRITORAS

 

En colaboración co concello de Ribadeo, o xoves 16 de xaneiro de 2020 no Salón de Actos do instituto o alumnado de segundo ciclo da ESO asistiu a unha charla-coloquio coa escritora galega Eli Ríos, trala lectura da súa obra Remexido de patacas. Rapazas e rapaces participaron de xeito moi animado na actividade establecendo un fluído diálogo coa autora, quen nos adicou un dos exemplares do libro.

Encontro con Amelia Tiganus

O pasado mércores 15 de xaneiro, o alumnado de Coeducación para o século XXI do noso centro tivo a oportunidade de escoitar a testemuña de Amelia Tiganus, vítima dunha violación múltiple aos 13 anos e vendida a un proxeneta aos 17. Amelia desenvolve o seu traballo en Feminicidio.net, un proxecto social e observatorio da sociedade civil contra as violencias machistas. É tamén cofundadora de Geoviolencia Sexual, proxecto dedicado á investigación e divulgación da prostitución como violencia sexual. Participou na elaboración dos informes de Feminicidios en España dos anos 2015, 2016 e 2017.

A actividade encádrase dentro das propostas que o concello de Ribadeo fai a través da Concellería de Igualdade para os centros educativos da contorna.

Para acceder á noticia completa publicada no xornal La Voz de Galicia, prema aquí.

 

"Quasimodo" en Oviedo

O pasado mércores 15 de xaneiro, o alumnado de 3º e 4º da ESO que cursa a materia de Francés - 2ª Lingua Estranxeira tivo a oportunidade de asistir a unha obra de teatro nesta lingua. Foi no Colexio Nazaret de Oviedo e trátase dunha plataforma artística, BHM Producciones, que produce, xestiona e presenta este tipo de representacións teatrais para a mocidade. A compañía está formada por nativos e nativas e leva máis de dez anos dando a coñecer as obras de autoras e autores franceses para motivar a aprendizaxe a través do teatro. Un dos seus obxectivos principais é que o alumnado disfrute mestres aprende do autor, xénero e idioma que se representa.

O concello de Ribadeo colaborou cos gastos de transporte.

Distribuir contido


by Dr. Radut