Skip to Content
Correo electrónico: ies.ribadeo@edu.xunta.es | Teléfono: 982870666

(03/04/2020): A Xunta e o IES de Ribadeo ceden material informático ao alumnado.

Queremos comunicar que recibimos e entregamos 3 ordenadores con conexión gratuíta a Internet ata que remate o curso. Os criterios de reparto, tal e como viña establecido na convocatoria, tiveron en conta a situación socioeconómica da familia e as posibilidades de aproveitamento do alumnado, dando prioridade aos cursos final de etapa que titulen (4º ESO, 2º BACH e 2º FP) e a aquelas familias que non dispoñían nos seus fogares de ordenador nin de conexión a Internet.

Tamén nos deron permiso para cederlles ás familias, en réxime de préstamo, algún dos equipos informáticos existentes no centro, tendo en conta a situación socioeconómica da familia, os medios que teñen dispoñibles e as posibilidades de aproveitamento do alumnado. Repartíronse xa tres pero se algunha familia se atopa nestas circunstancias que se poña en contacto co centro, que buscaremos unha solución.

 

(02/04/2020): Solidariedade

Os pasados días, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo fíxolle entrega a Asuntos Sociais de Ribadeo dunha serie de alimentos que estaban nos frigoríficos e despensa da nosa cociña: 150 iogures, 1 caixa de mazás, 1 caixa de verdura variada, 1 chorizón e 2 sacos de patacas. Agradecémoslle á empresa de Comedor Eurest Colectividades que nos deixara dispor destes alimentos, seguro que alguén os agradece. Ademais, suxerímoslle á Inspección Educativa que se faga o mesmo noutros centros porque en case todos quedou algo ao suspender as clases repentinamente.

Tamén contactamos co Centro de Saúde de Ribadeo e levámoslles o pouco material de limpeza do que dispoñíamos e que lles pode ser útil: 25 l. de lixivia, 15 kg. de lixivia con deterxente, 11 de alcohol de 92º, 160 guantes de nitrilo e 12 pares de guantes de goma.

Finalmente, puxemos á disposición da Inspección unha impresora 3D 2,5 bovinas de filamento, pero a día de hoxe aínda non precisaron dito material.

Está claro que son pequenas axudas pero moitos poucos convértense nun moito, e diso se trata.

 

(31/03/2020): App Moodle Classic

Que é Moodle Classic?

É a app oficial móbil de Moodle para Android, iOS e Windows Phone.

Que podo facer con Moodle Classic?

Permite aos/ás usuarios/as (profesorado e alumnado) conectarse aos cursos creados na "Aula Virtual" do seu centro educativo, co seu teléfono móbil ou tablet e usando o mesmo nome de usuario/a e contrasinal que usa cada un/ha para entrar na propia Aula Virtual.

Esta app permite traballar cos contidos e actividades do curso en modo desconectado ("off line") sincronizando o traballo coa Aula Virtual cando existe unha conexión viable.

Como descargala no meu dispositivo?

(Preme na imaxe)

(30/03/2020): AXUDAS A USUARIOS/AS GRATUÍTOS/AS E SEMI-GRATUÍTOS/AS DO COMEDOR ESCOLAR DEBIDO Á CRISE DO COVID-19

No DOG do luns 30 de marzo publícase a ORDE do 27 de marzo 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de carácter directo ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar nos centros públicos non universitarios xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante a situación de suspensión do servizo de comedor como consecuencia do COVID-19.

  1. A que familias vai dirixido?

Ás familias do alumnado que durante o curso escolar teñen comedor gratuíto ou semi-gratuíto.

LER MÁIS...

ABALAR MÓBIL

As familias que non estean a empregar a aplicación da Xunta de Galicia, ABALAR MÓBILdeberán instalala para poder recibir as cualificacións da segunda avaliación.

PREME AQUÍ para acceder á guía AbalarMóbil para as familias.

(23/03/2020): MENSAXE Á COMUNIDADE EDUCATIVA

Desde o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo queremos transmitir a toda a comunidade educativa unha mensaxe de ánimo, tranquilidade e comprensión. A situación de alarma prorrógase 15 días máis e estenderase, como mínimo, ata despois de Semana Santa.

Trátase dunha situación nova e, para moitas familias, complicada. Sendo conscientes disto, o noso deber é facilitar o traballo do alumnado, o contacto co profesorado e coas familias. Estamos poñendo todo o noso esforzo e empeño en que isto funcione e tire para adiante, polo que tamén vos pedimos, na medida do posible, colaboración, implicación e responsabilidade.

Sabemos que moitas familias non contan nas súas casas cos medios necesarios para seguir o curso. Asumimos que a nosa obriga é garantir que todo o alumnado do centro teña as mesmas opcións e oportunidades. Por isto, insistimos unha vez máis en que a atención a toda a comunidade educativa está asegurada a través do teléfono 982 870 666 e da conta de correo electrónico ies.ribadeo@edu.xunta.es. Ademais, contamos coa conta ies.ribadeo@gmail.com para dúbidas relacionadas coa Aula Virtual.

Pregámosvos que esteades pendentes da páxina web do centro para futuras comunicacións e que revisedes periodicamente a Aula Virtual, xa que se crearon materias que antes non había e seguiranse creando outras novas.

Paciencia e moito ánimo.

(18/03/2020): Recomendacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Desde a Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, na cal se integran moitos psicólogos e psicólogas que exercen nos departamentos de orientación dos centros, mándannos un documento con recomendacións para a comunidade educativa (alumnado, familias e profesorado) para estas semanas tan excepcionais. 

Preme aquí para visualizar o documento.

 

(16/03/2020): ATENCIÓN AO PÚBLICO E INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS

ATENCIÓN AO PÚBLICO:

Teléfono: 982 870 666

Correo electrónico: ies.ribadeo@edu.xunta.es

 

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS:

Durante o período que o centro permaneza pechado, o profesorado manterá contacto co alumnado a través das seguintes plataformas:

  • EDIXGAL (1º e 2º da ESO).
  • AULA VIRTUAL (o resto de cursos). Para calquera dúbida relacionada coa Aula Virtual, poñemos a disposición das familias a seguinte conta de correo electrónico: ies.ribadeo@gmail.com.
  • Poderán empregarse outros medios telemáticos (contas de correo electrónico, blogs, etc.) en función das indicacións que cada profesor/a dea ao seu alumnado.
Distribuir contido


by Dr. Radut