Skip to Content

Xeografía e Historia

Visita á facultade de Xeografía e Historia

Ángela, Claudia e Patricia visitaron as facultade de Xeografía e Historia e de filosofía dentro do programa de visitas ofrecido pola Universidade de Santiago de Compostela e organizado desde o noso centro polo departamento de orientación. Gustáronlle moito a biblioteca e o paraninfo de Xeografía e Historia e a KANTina de Filosofía.

Microdebates 2014-2015

Este curso os alumnos e alumnas de 2º de bacharelato volven participar nunha nova edición do ciclo de microdebates "Recreos con Historia". Os participantes deste curso son  Alejandra Diz, Isabel Silva, Iria Somoza, Lois Pimentel, Lois Vázquez, Manuel Núñez, Sara Díaz e Sara Tubío.

Meteoroloxía, estatística e política 2014-2015

Un ano máis, os alumnos e alumnas de 2º de bacharelato das materias de Xeografía e Economía volveron a Santiago de Compostela para visitar MeteoGalicia, o Instituto Galego de Estatística e o Parlamento de Galicia, nun apretado programa que tamén deixou algo de tempo para o lecer.

A primeira parada foi en MeteoGalicia. Alí participamos (sobre todo Lois Vázquez) no lanzamento da radiosonda cuxos datos podemos ver premendo aquí, fomos mulleres e homes do tempo e coñecemos diferentes aparatos de medición meteorolóxica.

 

 

A seguir, fomos ao Instituto Galego de Estatística onde aprendemos a facer unha enquisa da poboación activa e puidemos coñecer a información estatística máis actualizada sobre o noso concello.

 

 

Por último, e logo de repoñer forzas cun xantar, fomos ao Parlamento de Galicia onde vimos a instalación xeotérmica, debatemos como parlamentarios (representados por Claudia López, Iria Somoza, Isabel Silva, Iván Segade, Lois Vázquez, Sara Díaz e Sara Tubío) e asomámonos ao pleno no momento da votación das mocións.

 

   

Proxectoterra 2013-2014

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO, participaron por quinto ano consecutivo no Proxectoterra. Este curso o tema elixido foi O mar como punto de encontro. A actividade foi desenvolvida nas materias de Ciencias Sociais, Lingua Galega e Ciencias Naturais e integrouse dentro do proxecto interdisciplinar da biblioteca do centro, titulado O mar. Os resultados do traballo foron amosados ao resto dos compañeiros do centro nunha exposición con motivo da I Semana temática do centro, dedicada ao mar.

Ao longo do curso leváronse a cabo as seguintes actividades: mar de novas, o intermareal, obxectivo: costa, mareantes, o mar en perigo e os perigos do mar, e batea de palabras.

Mar de novas: Os alumnos identificaron e analizaron as diferentes novas que foron publicándose en relación co mar no xornal La Voz de Galicia.

 

O intermareal: A actividade consistiu na visita a diferentes praias e recollida de diferentes mostras de elementos do espazo natural (area, cunchas, plantas e algas). Con estes elementos realizouse un traballo de análise e clasificación, e ademais levouse a cabo unha actividade de orientación no que se situaron as diferentes praias espacialmente na liña da costa. Esta actividade realizouse en colaboración co departamento de Ciencias Naturais. 

  

Obxectivo: costa: Cada estudante realizou unha fotografía que presentou na aula ao resto dos compañeiros explicando as razóns polas que tomou a fotografía e os elementos significativos, tanto naturais como humanos, que podían ser observados nesta. A fotografía foi tomada por Liz Puerto e nela pódese observar a modificación humana da liña de costa e a explotación bateeira do mar.

 

Mareantes: Os alumnos e alumnas realizaron entrevistas e recollida de testemuños orais de diferentes persoas do contorno dos estudantes. A actividade completouse coa realización dunha fotografía dos entrevistadores e entrevistados evocadora da súa relación co mar. A primeira fotografía, é unha fotografía dos anos 60 de mariñeiros en Terranova, entre eles o avó de Miriam Lorenzo. A segunda fotografía é un selfie de Manuel Deán e a súa nai María Francisca Cárdenas, que traballa nunha conserveira.

 

Os alumnos e alumnas tamén fixeron fotografías amosando a súa relación co mar. A primeira fotografía é de Vanessa Somoza e a segunda de Samuel Rodríguez. A segunda fotografía foi tomada no peirao da praia do Saltiño cunha cámara subacuática. O ton verdoso da fotografía débese á cantidade de algas que hai na zona.

   

 

Os perigos do mar e o mar en perigo: Esta actividade serviu para traballar a relación ás veces conflitiva entre o mar e a sociedade. O apartado de perigos do mar consistiu na análise de diferentes eventos naturais que son considerados polos seres humanos como catastróficos (p.e.: un tsunami) e de accidentes sufridos polos seres humanos no mar (p.e.: afundimentos de barcos, falecemento de percebeiros.). O apartado do mar en perigo, analizou as accións dos seres humanos que poñen en risco o ecosistema mariño, provocados polo descoido, desleixo, consumismo, egoísmo ou ambicións económicas (sobreexplotación do ecosistema mariño, verteduras, mareas negras, etc.).

  

Batea de palabras: Os alumnos e alumnas recolleron e definiron palabras en galego relacionadas co mar. Dado que o cultivo de mexillóns en bateas constitúe un dos recursos económicos máis importantes de Boiro decidiuse que cada unha destas palabras sería escrita nunha cuartilla de cartolina en tons azuis e que todas esas palabras se disporían en cabos colgados do teito simulando mexillóns en bateas. Esta actividade realizouse en colaboración co departamento de Lingua Galega.

 

I Semana Temática: Esculturas de Area

O alumnado de 2º ESO  de Ciencias Sociais, realizou xunto a outros 400 estudantes de 7 IES de toda Galicia esculturas de area na praia da Lanzada (O Grove). A actividade enmárcase dentro da I Semana Temática- IES Praia Barraña, adicada ao MAR.

Diferentes xornais recolleron a noticia. Aquí os enlaces:

 
 
 

Microdebates 2013-2014

O día 10 de abril de 2014 clausurouse o primeiro ciclo de microdebates no recreo para alumnado de 2º de bacharelato, que se desenvolveu desde outubro de 2013. Durante este ciclo debatéronse e intercambiáronse ideas sobre catorce temas de actualidade relacionados con Xeografía e con Historia, tales como a diferenza entre a testemuña e o historiador, a relevancia dos movementos sociais no desenvolvemento democrático, a situación de Crimea, a responsabilidade individual e colectiva no desenvolvemento histórico, ou a situación de Venezuela, entre moitos outros. Cinthia, Dani, Fran, Irene, Isaí, Jacobo, Javi, Jesús, Laura, Maitane, Marco, Raúl e Sonia, moitas grazas a todos e todas pola vosa participación!

Parte do grupo de debate durante a xuntanza do 10 de abril (Raúl, Laura, Fran, Marco e Jesús) e Loren, alumno de mestrado de profesores que está a desenvolver as prácticas connosco.

Historia, para que?

Santiago Jiménez, profesor de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela, respondeu a esta pregunta nunha charla enmarcada dentro do programa de charlas temáticas organizado pola USC.

Esta charla tivo lugar o día 27 de febreiro e estivo dirixida a alumnos e alumnas de Historia de 1º de bacharelato. Nela falouse da importancia da memoria e da identidade e da necesidade de recuperar a Historia como ben social.

Meteoroloxía, estatística e política 2013-2014

Os alumnos e alumnas de Xeografía e Economía tiveron unha apretada axenda o día 25 de febreiro na excursión a Santiago de Compostela na que visitaron MeteoGalicia, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Parlamento de Galicia.

En MeteoGalicia puxeron a proba os coñecementos adquiridos na aula para interpretar mapas do tempo, puideron ver de preto diferentes instrumentos de medición meteorolóxica e aprenderon a importancia do cabelo loiro para a medición da humidade.

No Instituto Galego de Estatística (IGE) descubriron que a poboación de Boiro non está avellentada e aprenderon a facer enquisas da poboación activa, e no Parlamento debateron as súas propias propostas de lei e asomáronse á sala de plenos a escoitar a algúns dos representantes do pobo galego.

 

 

 

Xeografía e ordenación do territorio: ¿Ciencias da terra ou ciencias sociais?

Este é o título da charla que ofreceu o profesor de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Blanco Chao no marco do programa de charlas temáticas que está a impartir a USC.

A charla tivo lugar no salón de actos do centro o día 12 de febreiro de 2014 e estivo dirixida a alumnos e alumnas de Xeografía de 2º de bacharelato.

As Seccións Bilingües viaxan a Londres

Os Departamentos Didácticos de Xeografía, Historia e Tecnoloxía organizaron para o alumnado das seccións bilingües de 1º Bacharelato e 3º ESO unha visita a Londres que tivo lugar entre os días 29 de xaneiro e 2 de febreiro.

A través desta visita os rapaces practicaron a fala inglesa e ampliaron os coñecementos adquiridos na aula tanto en linguas estranxeiras coma en contidos das materias de Historia do Mundo Contemporáneo, Xeografía e Tecnoloxías. Ademais, os mozos e mozas aprenderon técnicas de orientación nunha grande cidade, coñeceron diferentes culturas e desenvolveron os valores de respecto e tolerancia polos demais.

Os alumnos e alumnas visitaron os lugares máis representativos de Londres: O Parlamento, o Big Ben, Buckingham Palace, o British Museum, son algúns exemplos dos moitos lugares visitados, e mesmo puideron poñer un pé en cada hemisferio no meridiano de Greenwich.

Alumnado e profesorado do IES Praia Barraña diante do Tower Bridge (Londres)

Distribuir contido


by Dr. Radut