Skip to Content

Cistite berrou AH! no Teatro Principal.

Aínda seguimos soñando. O venres 3 de maio, CISTITE TEATRO- o grupo de escénicas do IES Praia Barraña-, fixo o seu debut na 20 Mostra Intercentros que se celebra en Santiago de Compostela. Cistite Teatro pisou o Teatro Principal con AH! un berro desgarrado contra o pensamento único, a rixidez ideolóxica e o acoso co que pretendemos remover as tripas dos que nos escoitan. 

Ah! é o resultado dunha viaxe tan dura no emocional e no material como reconfortante. Para construir Ah! loitamos contra nós, con nós e tamén contra as carencias que presenta o noso centro. Unhas dificultades enormes ( carecemos dun espazo propio, dun escenario, de iluminación, de almacén, de vestiario...) que nos fixeron dubidar a aceptar a participación na Mostra de Intercentros que chegou da man dun querido compañeiro que confiou en nós. Dubidamos pero a emoción e o convencimento de que o que levabamos construíndo dende o mes de outubro podía saír do noso rincón levanounos a coller os bártulos e planear o noso aterraxe na capital. Tiñamos dúas semanas para adaptar a nosa underground proposta ao Teatro Principal. Uff! Díficil. Pensámolo, abrazámonos e berramos Ah! coa dignidade do minorizado, da resistencia e da rebeldía. Alá fumos coa nosa cama, as nosas xaulas e un subidón que nos facía rir, chorar e volver a rir. Un clásico en CISTITE; a emoción a flor de pel. Sempre.

Chegamos a  Santiago de Compostela. Xoves, sol e vertixe. Uha hora para a montaxe, para coñecer o espacio, aos técnicos e equilibrar emoción e concentración. Conseguímolo. Ao día seguinte actuaríamos no Teatro Principal. No medio unha noite de conversas nun albergue. O venres, as 10:30 abrimos portas. No público, alumnado de Rois, nais, pais, amigas, amigos, antigos estudantes do insti que nos quixeron arropar. Sentimos o calor e subiuse o telón. Comezamos cantando Medo e saímos berrando Ah! alto e forte. Con rabia e emoción. Dende CISTITE ao mundo.


 

 



story | by Dr. Radut