Skip to Content

Andaina e visita guiada pola paisaxe cultural d'A Abrañeira

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO realizaron unha ruta pola paisaxe cultural d'A Abrañeira, no municipio de Boiro, para poñer o ramo ao traballo de investigación sobre paisaxes culturais sustentables que realizaron durante este curso na materia de Xeografía e Historia no marco da III Semana Temática do centro e do Proxecto Terra

Esta ruta foi seleccionada polos propios alumnos e alumnas entre un total de catorce interesantísimas propostas dentro da comarca preparadas en grupos polo alumnado. 

A andaina foi agarimosamente guiada polos autores da ruta, Jorge Hermo, Sabela Martínez, Pablo Piñeiro e Antía Ramallo, que compartiron con compañeiros e profesoras os lugares que tanto eles como os habitantes da zona máis valoran.

O día estivo cheo de aventuras. Á mañá vimos aldeas, muíños, hórreos, cruceiros, carballeiras e labradíos; paseamos por corredoiras e camiños de pedra unidos por fermosos pasares a través do río Coroño; fomos recibidos pola Señora Magdalena na súa casa; e tivemos a compañía do can Bora, a vaca Xovenca, trece ovellas sen nome e un poldro rebuldeiro.

A tarde transcorreu no Campo de Ordenario, onde, tras xantar, realizamos varias actividades axudados pola Asociación de Malladores da Abrañeira que nos adicou xenerosamente o seu tempo: Primeiro, divertímonos con diferentes xogos tradicionais, como a chave, o pano, a pita cega ou os zancos; mais tarde, disfrutamos dunha demostración da malla e aprendemos a usar os manlles; e para rematar a xornada, fixemos unha foliada con gaitas e cantigas tradicionais. 

 

A volta ao instituto refrescámola cun baño no río Coroño que nos axudou a aturar a temperatura case que estival, e comezamos xa a cavilar en novas rutas para o vindeiro curso. 

 

 



page | by Dr. Radut