Skip to Content

Charla sobre "ETIOLOXÍA EQUINA"

24/01/2018

O ciclo tivo unha charla sobre "Etioloxía equina", organizada polo módulo de "Conducción de grupos a cabalo". Irene Gefaell apasionada dos cabalos, foi a responsable da charla. A xuventude non está reñida ca responsabilidade, entusiasmo, paixón polo traballo, respeto...botadelle un ollo o que fai Irene nas suas redes sociais porque merece a pena.

EDUCAR PARA UNHA CULTURA DA SUSTENTABILIDADE NO PFPP

23/01/2018

Dentro do PFPP (Plan de Formación Permanente do Profesorado) hoxe organizamos unha formación sobre “EDUCAR PARA UNHA CULTURA DA SUSTENTABILIDADE” co Grupo de investigación SEPA-interea, a USC e Intered Galicia. A formación foi a cargo do doutor Germán Vargas. Esta é unha das liñas que vimos xa traballando no centro. Esta formación permitiranos avanzar e establecer unha canle de colaboración coa USC. 

 

OS AQUELADORES

22/01/2018

No IES queremos avanzar cara a unha xestión eficiente que mellore o uso dos recursos e conciencie o alumnado de que o planeta é finito e non se pode malgastar. Debemos consumir só o que precisamos e coidar o que temos.

O curso pasado centrámonos, coa axuda dos rapaces e Sabela, Paloma e Raúl -profesorado dos departamentos de Bioloxía, Tecnoloxía e Xeografía e Historia-, en calcular o que contaminaba o centro e tomar medidas para reducir o consumo (sobre todo de electricidade) e as emisións.

Durante este curso queremos levar a cabo unha serie de proxectos dirixidos ao mesmo obxectivo: conseguir un centro máis sostible ambientalmente. Para iso, empezamos poñendo en marcha un equipo de alumnos e alumnas que se encarga de facer pequenos arranxos: “Os aqueladores”.

       O que se pretende é que o alumnado lle dea valor ás cousas e entenda que a cultura de usar e tirar é moi prexudicial para o medio ambiente. Ademais, parécenos importante que coñezan o que custan as cousas e o seu coidado, para que promovan entre os seus compañeiros unha conciencia de colaboración para manter o centro en bo estado. No primeiro trimestre repuxéronse moitos percheiros rotos e pintáronse varias aulas de 1º e 2º da ESO. 

       Moitas grazas a Jonás Romero, Juan Manuel Sanlés, Iván Surik Maneiro, Alba Rodríguez, Sara Pouso, Natalia Cameán, Anahí González, Saray Alboreda, Noelia Iglesias, Pablo Torrado e Jorge Alcalde pola súa colaboración. Todos disfrutamos dun lugar de traballo mellor grazas a eles!

 

 

 

 

 

 

 

CONVIVENCIA E RELACIÓNS SOCIAIS CO PROGRAMA QUÉROTE

18/01/2018

Esta mañá, Paula Fernández Rico, do servizo Quérote+, achegado aos centros pola Consellaría de Xuventude, traballou co alumnado de 3º de ESO o tema da CONVIVENCIA E AS RELACIÓNS SOCIAIS. A actividade forma parte do Plan de Acción Titorial e, este curso, enmárcase tamén no tema interdisciplinar do centro: A COMUNICACIÓN.

A xestión das relacións sociais, o traballo dos valores que constrúen unha sociedade xusta, o desenvolvemento de destrezas para vivir no pequeno e gran grupo, a toma de decisións... Unha formación sempre necesaria! Continuaremos favorecendo que o noso alumnado aproveite os recursos públicos que poden acompañar a súa aprendizaxe académica e persoal.

CAMPO A TRAVÉS PORTO DO SON 11/01/2018

14/01/2018

Parabéns a todos os alumnos e alumnas do instituto que o xoves pasado na carreira de campo a través do Loreto, no proxecto XOGADE ! Deixaron ben alto o pavillón!!! 

O equipo cadete masculino do instituto quedou primeiro e clasificouse para a fase intercomarcal. O equipo cadete feminino clasificouse en segundo lugar para a fase intercomarcal. Valeria Lorenzo Olveira de segundo da ESO gañou a carreira da categoría cadete feminino. Bravo!!!



ADICCIÓNS E DROGODEPENDENCIA COA ASOCIACIÓN RENACER

11/01/2018

Esta semana os alumnos de1º, 2º e 3º de ESO, dentro do Plan de Acción Titorial planificado polo departamento de Orientación, participaron nunhas charlas sobre adiccóns e drogodependencias, impartidas pola Asociación Antidroga Renacer de Ribeira. A temática tratada cos alumnos e alumnas de 1º xirou en torno ás Novas Tecnoloxías, incidindo no seu uso responsable en todos os ámbito. En 2º, desenvolveuse o tema de Tabaco, alcohol e cannabis así como as habilidades para a vida orientando o alumnado de cara a non ceder á presión do grupo e saber dicir "non" ante o consumo destas substancias.

Co alumnado de 4º de ESO, tratouse O uso e o abuso das drogas, expoñendo as diferenzas entre estas dúas accións. Definiuse o que é unha droga, falouse da súa clasificación e dos estados no seu consumo: tolerancia, dependencia e abstinencia. Para apoiar as explicacións mostráronse dous vídeos, entre eles a curta de animación "Nuggets”, que trata o tema do proceso aditivo dunha maneira especial e que gustou moito ao alumnado. Tamén houbo tempo para coñecer as partes nas que se divide o noso cerebro e como reaccionan ante o consumo de diferentes tipos de drogas, así como para falar sobre as adicións sen substancias (como poden ser as apostas).

 

CONFIRMADA A APORTACIÓN PARA OS CLUBS DE LECTURA!!!

07/01/2018

Comezamos ben o 2018. Neste Nadal confirmáronnos a aportación de Educación para os clubs de lectura: 1320 euros!!! Non está nada mal, pois, grazas a Sabela, que coordina o grupo de adultos para profes e demais membros da comunidade educativa, xestionaremos 3 clubs de lectura. Boa falta han de facer e ben veñen para aumentar os nosos fondos. O xornal La Voz de Galicia daba conta estes días da nova. Podedes ler máis na entrada do blog da biblioteca e no noso Facebook

APRENDENDO MENTRES FESTEXAMOS O FINAL DO TRIMESTRE

07/01/2018

Remata o trimeste. O 20 e o 21 foron xornadas un tanto "festivas", cos ánimos das vacacións de Nadal e a relaxación (para uns máis que para outros) dos exames rematados. 

O mércores 20 os mozos e mozas de 2º de ESO fixeron unha ruta dende a praia do Dique ata o IES. Será base de traballo para distintas materias, na liña de traballo por proxectos arredor das rutas que ofrece o Concello e que se desenvolve nos primeiros niveis da ESO. Convertemos o entorno en aula-recurso. Podedes ler máis sobre esta actividade entrando aquí, na páxina dos proxectos deste espazo virtual.

O xoves 20, os rapaces e rapazas de 1º de ESO comezaron a xornada expoñendo na Sala Perseveira as súas propostas, traballadas na materia de Plástica, sobre as esculturas que han de facer para o proxecto Botellas con mensaxe, enmacardo no proxecto da Ruta da Auga de 1º de ESO, que procura a aprendizaxe partindo da reflexión sobre a sostibilidade e o traballo en equipo. A máis votada será a que realizarán para unir á Pulpusha.

 

No salón de actos, o alumnado de francés andaba enfariñado facendo biscuits de Noël, mentres as profes, Corinne e Sandra, ataviadas para a ocasión con mandil e luvas de cociña, ían dando instrucións. Divertida forma de aprender o francés no mundo da cociña. As galletas, que fornearon na cafetería, estaban boísimas!!! 

   

Houbo tamén tempo para o deporte no polideportivo antes de recoller as notas!!!

 

  

SELECCIONADOS EN "RADIO NA BIBLIO"

12/12/2017

Cos enredos de exames e a ponte, aínda traemos hoxe aquí a nova: estamos entre os 20 centros seleccionados pola Consellería para participar no programa "RADIO NA BIBLIO". Xa que andamos co tema da COMUNICACIÓN, habemos facer bo uso desta oportunidade que permitirá que profesorado e alumnado nos formemos para dar pulo á PALABRA!!!

 

DÍA INTERNACIONAL DO VOLUNTARIADO

12/12/2017

O día 5 de decembro, co motivo do Día Internacional do Voluntariado, o equipo de correspondentes xuvenís deu a coñecer o seu traballo ao resto da comunidade educativa cunha mesa informativa situada na entrada principal do IES PORTO DO SON. Os correspondentes interactuaron co resto do alumnado funcionando como antenas informativas. Esta actividade foi promovida pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) en colaboración co Departamento de Orientación (Correspondentes xuvenís). 

Seguimos cos temas da Comunicación e a Convivencia! Grazas chic@s pola vosa implicación!!!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut