Skip to Content

Taboleiro

Fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar [2023/2024]

Publicada a Orde do 10 de maio de 2023 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2023/24.

Prazo. Do 20 de maio ao 21 de xuño.

Presentación. Hai tres maneiras de presentar a solicitude: 

  • De xeito manual e presencial (Secretaría do centro). 
  • Con creación de solicitude na aplicación Fondolibros e presentación presencial. 
  • Con creación de solicitude na aplicación e presentación electrónica [procedemento ED330B]. 

Documentación necesaria. As persoas interesadas deberán achegar os Anexos I e II da solicitude, que poden descargar desde Fondolibros [descarga dos Anexos I e II]. Tamén poden solicitar unha copia en papel nas oficinas do centro. Os devanditos anexos entregaranse xunto coa documentación que corresponda: 

  • Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno/a e os demais membros computables da unidade familiar. En caso de separación ou divorcio, deberán achegar, ademais, a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor. Excepcionalmente (cando non sexa posible facelo polos medios anteriores), poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:
    • Certificado ou volante de convivencia.
    • Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
  • Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.
  • Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  • Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  • Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE. 

O alumnado que non estea admitido nin coñeza en que centro vai estar escolarizado no curso escolar 2023-2024 deberá presentar a solicitude no centro no que está matriculado no curso 2022-2023.

Outra documentación de interese:

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras [2023]

Publicouse no DOG a Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2023, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, escolarizado nos cursos 2021/22 e/ou 2022/23, en réxime de concorrencia competitiva.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O contido desta orde e a información complementaria atoparase na páxina web https://www.edu.xunta.gal/axudasle

Renovación do Consello escolar [2022]

A Resolución do 19 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.

Na súa reunión de 21/11/2022, a Xunta Electoral acordou admitir e proclamar as candidaturas presentadas en prazo. Son as seguintes:

  • Persoas candidatas do sector nais/pais: Luis Balo Villaverde, Salomé Fondevila Pérez e Raquel López Peña. 
  • Persoas candidatas do profesorado: Marta Elena Aguirre Fernández, Mª Dolores Camba Castro, Xoán Carlos García Porral e Javier María López Rodríguez.

Día e horarios de votación:

  • Profesorado: 29/11/2022 ás 12:30 h (claustro extraordinario).
  • Nais/pais: 29/11/2022, en horario comprendido entre as 14:00 e as 15:00 h.

 Documentación do proceso:

  1. Composición da xunta electoral.
  2. Calendario de actuacións.
  3. Modelo para presentación de candidatura (sector familias).
  4. Modelo para presentación de candidaturas (sector profesorado).

Novos currículos [ESO e Bacharelato]

O Consello da Xunta, na súa reunión do 15 de setembro de 2022, aprobou os decretos polos que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria, da ESO e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Currículo ESO [ver]
  • Currículo Bacharelato [ver]

Plan Dixital do Centro

No apartado PLANS E PROXECTOS da nosa web está publicado o Plan Dixital do Centro [ligazón], un documento elaborado por un grupo de docentes do centro ao longo do curso 2021/22. Foi aprobado polo claustro do profesorado e polo consello escolar nas súas respectivas reunións ordinarias de final de curso.

Actualización da normativa de avaliación (II)

A Orde do 25 de xaneiro de 2022, pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, introduce cambios na xestión da promoción e da titulación do alumnado. No mes de marzo publicamos un artigo no que resumimos as principais novidades [ver].

O novo marco normativo require actualizar algúns apartados da Concreción curricular do centro e adaptar as programacións didácticas das materias dos cursos afectados. En consecuencia:

  • Anunciamos que publicaremos as adaptacións das programacións didácticas a partir do día 13 de abril. Poden consultalas premendo nesta ligazón.

Actualización da normativa de avaliación

Publicouse no DOG de hoxe a Orde do 25 de xaneiro de 2022, pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia.

Nesta Orde desenvólvense os cambios que establece a Lei orgánica 3/2020 (LOMLOE) para levar a cabo os procedementos de avaliación, promoción e titulación. Trátase, por tanto, dun texto de gran relevancia que deberá ser estudado minuciosamente polos órganos de coordinación docente do centro para garantir a súa correcta aplicación.

A continuación ofrecemos varios documentos nos que as familias poden acceder a un resumo dos cambios que trae a nova normativa [elaboramos un documento por cada unha das etapas afectadas]. Tamén poderán consultar unha versión actualizada do calendario escolar, xa que houbo que reformular algunhas das avaliacións do mes de xuño.

Tarxeta Xente Nova

As empresas adxudicatarias do transporte escolar do noso centro comunican que o alumnado de ensinanzas non obrigatorias que faga uso dese servizo deberá solicitar a tarxeta Xente Nova para poder viaxar gratis. Esta tarxeta será expedida por Abanca.

Máis información nesta ligazón.

Elena Colmeiro

A comunidade educativa do IES Pintor Colmeiro lamenta fondamente o pasamento de Elena Colmeiro, persoa moi querida tanto pola súa vinculación afectiva como polo seu labor artístico na destacada faceta de ceramista. Elena estivo moi vencellada á historia do noso centro de ensino dende os albores do mesmo. A súa presencia en diversas ocasións, caso do acto de nomeamento do instituto co nome do seu pai ou a inauguración da pirámide central, sempre foi relevante e significativa, aínda a pesar da súa delicada saúde e a súa lonxana residencia madrileña. Asemade, e como mostra da súa gran xenerosidade, costeou iniciativas como a instalación dun forno profesional de cerámica, doando a maiores dúas obras orixinais do seu pai Manuel Colmeiro.

A fotografía foi tomada en xaneiro de 2002 e recolle un dos momentos do acto no que se oficializou a doazón ao noso centro de dúas obras do pintor Manuel Colmeiro. De dereita a esquerda: Elena Colmeiro, Mª Teresa Pérez Tilve (directora) e Emilia González (viúva do pintor).

O IES Pintor Colmeiro, premiado por un proxecto de innovación educativa

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro acaba de gañar un Premio de Innovación Educativa cun proxecto sobre o consumo responsable, organizado polo Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade [ver publicación no DOG].

O traballo foi realizado polo alumnado de Tecnoloxía e de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato do curso 2019/20, baixo a coordinación do docente Pablo Eiras.

A idea foi analizar a etiquetaxe de diferentes produtos de uso cotiá e fixarse en diferentes aspectos das mesmas que pasan desapercibidos, así como a darlle significado a outros. 

No traballo realizado, que ten formato de aplicación para o móbil, estudáronse diferentes tipos de etiquetas: téxtiles, tecnolóxicas, medioambientais, alimentos frescos, videoxogos, relacionadas coa orixe, etc. Así, por exemplo nas téxtiles, reciclaxe e videoxogos indícase o que significan eses símbolos que vemos habitualmente, pero que con frecuencia non sabemos moi ben o seu significado.

En alimentos frescos prestouse atención á etiquetaxe de ovos, pan galego, aceite de oliva, orixes protexidas, etc, vendo que hai bastante diversidade de produtos, e que ao mellor non estamos comprando o que pensabamos.

Nas tecnolóxicas prestouse atención á etiquetaxe de diferentes produtos; por exemplo, no apartado de pneumáticos, interpretando o que significan as letras que figuran nas etiquetas transformándoas en unidades reais, entendibles polos consumidores, como son a distancia de freado ou litros de combustible aforrados.  Así tamén no apartado de electrodomésticos, onde se fai a interpretación das letras e consumos que figuran na etiqueta, mesmo incorporando un link a un excel que che permite calcular e comparar o aforro que supón a compra dun electrodoméstico ou outro, simplemente introducindo os valores que figuran na etiqueta. 

O traballo pódese ver, en formato para o móbil, na seguinte ligazón: https://deluxe.123freeapps.com/5e37fed0789ab

Distribuir contido


by Dr. Radut