Skip to Content

Charla con Care Santos, a autora de "Mentira"

O alumnado de 4º da ESO e 2º PMAR tivemos un encontro en liña o día 25 de maio coa autora dun dos libros que puidemos ler na materia de Lingua Galega: Mentira de Care Santos.
A novela trata sobre un adolescente condenado por asasinato, pero tamén fala sobre a delincuencia xuvenil e plantexa algunhas preguntas como: por que alguén pode chegar a asasinar a outra persoa?.
Debido a que estudou Dereito, a autora do libro interesouse pola vida nos centros de menores e propúxose investigar sobre eles para coñecer as experiencias dos alí internos. Tras anos pensando nunha novela con esta temática, conseguiu entrar nun destes centros, coñecer as súas instalacións e vivir en primeira persoa a chegada de novos internos.
O libro baséase nas vidas e experiencias dos rapaces e rapazas que se ofreceron a contarllas. Care Santos díxonos que escoitou historias moi duras e que realmente acabou impactada por elas;  os nomes destas persoas  que falaron con ela non se incluíron na parte final de agradecementos xa que quería protexer a súa identidade e vida privada.
Para rematar a charla, houbo unha quenda de preguntas e respostas. Nós tiñamos anotadas unhas cantas cuestións: como empezou como escritora (díxonos que comezou aos oito anos pero en serio aos 14), en que idioma escribe inicialmente, como é a súa rutina para escribir e como fai para superar un bloqueo creativo, entre outras. A resposta que, quizais, máis nos chamou a atención foi a de por que o libro fala sobre ese tema: ela contounos que foi grazas a un amigo seu que era fiscal e que lle comentou unha historia dun rapaz que se autoinculpa dun crime, aínda que todo o mundo pensaba que mentía.
En resumo, foi unha charla moi entretida na que puidemos coñecer as ideas base deste libro e saber máis cousas sobre el e a súa autora.

Acceda ao albúm de fotos aquí.

Laura García Sánchez e Nicolas Sixto Guisasola, 4º ESO



page | by Dr. Radut