Skip to Content

Matrícula en módulos soltos de ciclos formativos (réxime de persoas adultas). Curso 2019/2020

Entre os días 1 e 4 de outubro (ambos incluídos) poderás matricularte nos ciclos do IES Perdouro, nos módulos individuais que desexes, polo réxime de persoas adultas (prazas vacantes do réxime ordinario).

Esta é unha boa opción se por razóns de traballo ou de outro tipo non che é posible cursar un ciclo formativo polo réxime ordinario. Tamén poden matricularse as persoas que non reúnen os requisitos para acceder a un ciclo formativo, pero dispoñen de experiencia profesional de dous anos.

Se estás interesado/a acude á secretaría do centro educativo nos días sinalados para formalizar a túa matrícula.

Procedemento de matriculación polo réxime de persoas adultas coas prazas que resulten vacantes do réxime ordinario

As prazas de módulos que resulten vacantes polo réxime ordinario poderán ser ocupadas en réxime de persoas adultas no prazo comprendido entre o día 1 e as 13:00 horas do 4 de outubro, ambos incluídos, por estrita orde de chegada de solicitudes.

  • No réxime de persoas adultas a matrícula realízase por módulos soltos, polo que o alumnado interesado poderá matricularse en calquera dos módulos profesionais que teña prazas vacantes do ciclo formativo (tanto de primeiro como de segundo curso), sempre que se garanta a compatibilidade horaria do 90%.
  • As persoas interesadas poderán matricularse sempre que cumpran os requisitos de acceso establecidos na normativa vixente. Lembren que para títulos LOE unha persoa sen requisitos de acceso pode matricularse en módulos asociados a unidades de competencia se ten máis de dous anos de experiencia no sector.

O día 1 de outubro, os centros educativos farán pública unha relación de todos os módulos profesionais con prazas vacantes en cada ciclo formativo, para ofrecelos en réxime de persoas adultas.

A matrícula parcial de módulos realizarase para o mesmo ciclo formativo e non poderá superar a carga lectiva anual de 1.000 horas.

A partir da data límite indicada, non se producirá matriculación ningunha sen autorización da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Documentación a achegar para a matrícula polo réxime de persoas adultas:

  • Anexo II (solicitude de admisión e matrícula) cuberto
  • Documentación acreditativa do requisito de acceso, segundo se especifica no anexo II (Certificación académica e/ou outra)
  • DNI ou NIE da persoa solicitante (no seu defecto, pasaporte ou documento da UE)
  • Recibo do seguro escolar (1,12€, Abanca: IBAN ES13 2080 0183 2430 4000 0260) (persoas maiores de 28 anos están exentas)
  • Tarxeta sanitaria do alumno/a
  • Tres fotografías tamaño carné

Requisitos de acceso aos módulos profesionais dos ciclos formativos polo réxime para as persoas adultas (Artigo 8 da Orde do 15/06/2016, DOG do 27/06/2016

Poderá incorporarse á oferta polo réxime para as persoas adultas quen teña feitos dezaoito anos ou os faga no ano natural en que comece o curso escolar.

Excepcionalmente, poderán acceder as persoas maiores de dezaseis anos que teñan un contrato laboral que lles impida acudir aos centros educativos polo réxime ordinario, ou sexan deportistas de alto rendemento (deberá haber prazas liberadas e contar con autorización da Inspección educativa).

Con carácter xeral, as condicións de acceso á oferta polo réxime de adultos serán as mesmas que as establecidas para o réxime ordinario.

Tamén poderán acceder á oferta parcial sen cumprir os requisitos académicos de acceso as persoas adultas que desexen cursar módulos profesionais asociados a unidades de competencia (no caso de haber prazas liberadas) sempre que acrediten unha experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo de dous anos nunha actividade laboral directamente relacionada co sector profesional do ciclo formativo que desexen cursar.

Normativa de referencia

Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia (DOG 12/07/2010)

ORDE do 15 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario e para as persoas adultas (DOG 27/06/2016)

ORDE do 15 de xuño de 2018 pola que se actualiza a oferta modular polo réxime de persoas adultas para o curso 2018-2019 (DOG 22/06/2018)

ORDE do 14 de xuño de 2019 pola que se actualiza a oferta modular polo réxime de persoas adultas para o curso académico 2019/20 (DOG 21/06/2019)

Máis información

Para máis información contacta co IES Perdouro:

  • Teléfono: 982 870 102
  • Correo electrónico: ies.perdouro@edu.xunta.es
  • Rúa do Instituto, s/n; 27880 Burela (Lugo)
  • GPS: 43.652140, -7.357292

Consulta a oferta de ciclos formativos do IES Perdouro

Tamén podes visitar o portal de FP da Consellería de Cultura e Educación


Nota: A información ofrecida nesta páxina está condensada e resumida, e pode conter erros ou inexactitudes. Para obter información fidedigna deben dirixirse á normativa vixente ou ao portal de Formación Profesional da Consellería de Educación. Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información.



page | by Dr. Radut