Magosto Terrorífico

Este curso a climatoloxía non nos deu tregua e, en consecuencia, non nos permitiu celebrar, tal como tiñamos organizado, o noso xa tradicional magosto terrorífico, fusión das dúas festas próximas no tempo: o magosto e o samaín.

Inicialmente, estaba previsto que o martes 5 de novembro todo o IES Pedras Rubias saíse en procesión disfrazado de Santa Compaña e se desprazase ata o Espicho do Faro. Como o prognóstico metereolóxico era adverso, adiouse para o martes 12 de novembro. Chegada esta data, houbo que suspender a saída polo mesmo motivo e só se asaron e comeron as castañas no propio centro. Menos mal, que nos acompañaba a calor do equipo de Onda Raia coas súas preguntas sobre o magosto.

 

A semana anterior, nas aulas de Lingua Galega e Titoría, traballáronse aspectos como o magosto tradicional, a santa compaña, o texto instrutivo...

Tamén se decorou o vestíbulo do centro con motivos de medo (ataúde con esqueleto, pantasmas, arañas, morcegos...) e realizouse unha exposición de calacús e de receitas escritas elaboradas con produtos de outono.

 Dada a boa acollida que tivera o curso pasado o concurso de sobremesas cos devanditos produtos de outono, este curso volveuse ofertar.

Premiouse a aula que mellor organizou a actividade de forma global (calacús, receitas escritas e receitas elaboradas). A gañadora foi 1º A, da titoría da profe Loli Calvo.

 Noraboa!

EDDLG principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet