Normalización

SAMAIN 2015

Como todos os anos, os nosos pequenos do primeiro ciclo de ESO participaron cos seus traballos na celebración do Samaín. Os seus traballos coas cabazas e os epitafios burlentos encheron de humor a entrada do instituto. Aí vos van algunhas mostras gráficas:
   
  

COÑECENDO A TERRA GUIADOS POLO ARRAIANO MAIOR

Un grupo de 40 alumnos e alumnas de 2 de Bac do Ies Monte Castelo de Burela visitaron  o día 2 de outubro a cidade de Ourense e diversas localidades do sur da provincia, entre elas Vilanova dos Infantes, Celanova e Bande. Baixo a coordenación da historiadora HERMINIA PERNAS OROZA  e das profesoras ISABEL MOJARDÍN E CARME COCIÑA,  a expedición saíu de Burela a primeira hora da mañá para visitar o centro de recursos Zooxenéticos do Pazo de Fontefiz e, despois de reunirse co Arraiano Maior, o lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz, que lles fixo un roteiro didáctico pola zona momumental da cidade das Burgas. a expedición chegou ás 5 da tarde a Celanova para visitar o Mosteiro e a casa dos Poetas ( con lectura escenificada dun fragmento da Virxe do Cristal). Seguidamente dirixíronse a  Bande  para coñecer os restos do campamento romano e a igrexa visigótica  de santa Comba.
Coas últimas luces de día emprenderon a viaxe de regreso a Burela a onde chegron á 1 da madrugada.

LETRAS E MÚSICAS EN FEMININO

Teresa Bermúdez, María Caamaño e Pilar Romero, alumnas de 4 de Eso e do Club de Lectura do Ies Monte Castelo participaron no acto que o Obervatorio da Mariña pola Igualdade organizou en Ribadeo, lendo poemas das autoras mariñás LUZ POZO, MARICA CAMPO E OLALLA COCIÑA.
O concerto de Guadi Galego puxo o broche de ouro a unha xornada magnífica de músicas e letras en feminino

Visita a Casa dos Poetas en Celanova

Alumnos do IES Monte Castelo visitaron a Casa dos Poetas en Celanova

Outubro 2015- O IES Monte Castelo empezou o curso cunha viaxe á provincia de Ourense. Un dos lugares que visitaron os alumnos de 2º de bacharelato foi a Casa dos Poetas de Celanova, donde participaron nuna homenaxe escolar que a Fundación Curros Enríquez ten en marcha para reivindicar a restitución da imaxe roubada da Virxe do Cristal, popularizada nun poema do insigne escritor. Un dos principias obxectivos da Fundación Curros Enríquez é achegar a todos os estudantes de Galicia as figuras dos grandes poetas nacidos na vila de Celanova, como son Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.

O acto consistiu na lectura de un dos 66 fragmentos en que foi dividido o extenso poema publicado en "Aires da Miña Terra" e que ten como protagonista a figura da Virxe do Cristal, roubada o pasado 10 de marzo. 

Os escolares do noso centro visitaron tamén o Mosteiro de San Salvador en Celanova e realizaron un percorrido polo casco histórico de Ourense que os levou ata As Burgas, Praza do Concello, Catedral, Praza do Ferro o Rúa da Paz.

Tamén visitaron Santa Comba de Bande, coñeceron o Pazo de Fontefiz, donde de atopa o Museo da Historia da Gandería en Galicia e o Centro de Recursos Zooxenéticos.

Estiveron acompañados polas profesoras Carme Cociña, Herminia Pernas e Isabel Mojardín.

A actividade estivo organizada polo Departamento de Dinamización Lingüística e o de Xeografía e Historia.

 
   
   

 

 

 

 

 

ROTEIRO LEIRAS PULPEIRO

O venres, día 6 de marzo, os alumnos de  1º de ESO estiveron en Mondoñedo naXornada de Lembranza sobre Leiras Pulpeiro. Estes mozos e mozas do Modelo de Nación do Século XXI participaron no acto de inauguración do Roteiro Literario dedicado a Manuel Leiras Pulpeiro.
Na campa do cemiterio civil tivemos o privilexio de escoitar o discurso didáctico de Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo). O emblemático poema "Roseiras de rosas roxas" desta vez foi magnificamente recitado por nenos e nenas do IES Monte Castelo de Burela.

O Cronista oficial de Mondoñedo escribe en facebook o seguinte:

"Hoxe, varias ducias de rapaces e rapazas de Burela e Mondoñedo seguísmolle as pegadas a M. Manuel Leiras Pulpeiro por Mondoñedo. Falamos, recitamos, camiñamos, rimos ...sudamos!
Desde o IES San Rosendo ata o castro da Recadieira hai varios quilómetros de memoria que xa van camiñar canda nós de por vida. Na compaña de mozas e mozos dos IES Perdouro de Burela, do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, do IES Monte Castelo de Burela e do IES San Rosendo de Mondoñedo, coa colaboración do Casino de Mondoñedo, ACIA Mondoñedo, Asociación Abrindo Camiño, As. Amigos de Mondoñedo, Concello de Mondoñedo e Deputación de Lugo, coa impagable colaboración dun día luminoso."

DÍA DE ROSALÍA 2015

O 24 de febreiro, como xa vimos facendo desde hai varios anos, un grupo de alumnos do IES MONTE CASTELO renderon unha homenaxe á nosa poeta máis universal.

Nesta ocasión foi o COLECTIVO CULTURAL BURIL o que organizou unha xornada de recitado con textos da ilustre padronesa. 

Foron @s rapac@s de 1º e 3º de ESO os encargados de poñer a voz  aos poemas rosalianos. Resultou ademais unha magnífica oportunidade de convivencia co@s alumn@s de 3º de ESO  do IES PERDOURO. Distintas nacionalidades, razas e culturas unidas pola lingua e os poemas de Cantares Gallegos e Follas Novas. Un luxo para regalía da vista e dos ouvidos.
   
   

PROXECTO NEO Nº 123

Con motivo do DÍA DO LIBRO  e en colaboración co CLUB DE LECTURA  do noso centro, onte fomos a Radio Burela para comentar a nosa última lectura: A miña planta de laranxa lima do escritor brasileiro José Mauro de Vasconcelos.
Unha obra recomendada para adolescentes, pequenos e adultos, unha das mellores obras de literatura infantil e xuvenil do século XX. Unha historia sobre o descubrimento do mundo, da amistade, da familia e da dor de medrar que chega ao corazón de todos os lectores.
 

 

 

 

 

PROXECCIÓN DE A ESMORGA

Os alumnos de 2º de BAC do IES MONTE CASTELO asistiron o pasado 19 de febreiro á proxección de A Esmorga na casa da cultura de Burela. Aí van algunhas das súas opinións:

" Trátase dunha película crítica e realista que mostra a cara máis dura da vida, cos seus segredos e o que leva a facer o desamor e a desesperanza..."
 
" penso que a película debería vela calquera persoa. Pódea ver, se non fala galego, con subtítulos, porque merece a pena..."

" É a historia de tres amigos que acaba en traxedia"

" Na miña opinión, a película representa perfectamente o libro, as paisaxes onde xorde a historia están mooi logradas e exprésase moi ben a tristeza da novela"

"...Esperaba máis da caracterización dalgún personaxe como é o caso de Socorrito"

" O meu personaxe favorito é o Milhomes xa que o actor fai moi ben o papel. Tamén me gustou moito o papel do castizo, pero penso que ao Bocas faltáballe algo máis de "vida" na película..."

"Gustoume máis o libro pero a película tamén está moi ben"

"Paréceme unha historia interesante pero moi triste, onde se reflicten moi ben os sentumentos dos personaxes, o que provoca que a película nos introduza en situacións realmente conmovedoras"

" Pareceume unha película moi boa que non lle ten nada que envexar a ningunha outra do cine español, cunha música que dá clafríos do bonita que é, e unha fotografía con tons fríos fermosa. En especial namorei de certas escenas, por exemplo onde os tres protagonistas xogan cuns espellos"

" A película ten un argumento entretido pero, ao relatar unha historia que transcorre en 24 horas, é moi lenta  e bastante monótona a pesar da cantidade de feitos que viven..."

" A película foi un pouco forte pero retrata moi ben a vida pobre do pobo galego na posguerra"

" É unha boa historia para lela, pero non para traspasala á gran pantalla"

" O enfoque dos planos, a paisaxe e a música gustoume, pero o filme é moi duro en si..."

"...A min gustoume polos toque de humor sinxelo e o drama da vida da xente no pasado máis recente"

" O tema da homosexualidade está moi ben reflectido, sobre todo nesa época na que a xente non se atrevía a dicilo. O final tráxico pero esperado polo mundo que os rodea"

O CLUBE DE LECTURA DO IES MONTE CASTELO NO PROXECTO NEO

Na parte final do programa, falamos con catro mozas do Clube de Lectura do IES Monte Castelo, que nos acompañaron desde o comezo. Teresa Bermúdez, María Caamaño, Pilar Romero e Laura R. Salazar contáronnos as súas respectivas experiencias no clube de lectura dirixido pola profesora Cecilia Martín Trenor.

Distribuir contido