Visita do Conselleiro de Educación

O luns 17 de febreiro ás 10 da mañá  no IES Monte Castelo recibimos a visita do Conselleiro de Cultura, Educación e O.U., D. Jesús Vázquez Abad

 
Jesús Vázquez Abad desprazouse ata o IES Monte Castelo, onde o seu departamento leva investido preto de 96.000 euros, fundamentalmente na implantación de programas educativos novidosos. Ao abeiro deste compromiso, o instituto conta con 4 aulas Abalar; e a súa biblioteca escolar leva 6 cursos integrada no Plan de Mellora.

Ademais, o centro vai asinar hoxe mesmo contratos-programa en 2 liñas de actuación, en concreto nas de reforzo, orientación e apoio – na modalidade de apoio en horario lectivo- e na de mellora dos coñecementos para acadar a excelencia. No marco da primeira delas o centro ten previsto organizar actividades de reforzo en linguas vehiculares, técnicas instrumentais básicas, para a organización da axenda escolar, actuacións para promover a motivación do alumnado; así como obradoiros de educación emocional, educación para a Paz ou mellora da convivencia, entre outras accións. No caso da outra das liñas que hoxe asinará o IES Monte Castelo, prevense medidas como un obradoiro de técnicas pictóricas e achegamento ás vangardas artísticas, así como outro de cerámica creativa.

Ver a noticia na web da Consellería: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/0396/conselleiro-cultura-educacion-anuncia-que-seu-departamento-ten-previsto-executar

** Presentación en Burela do Programa "NATURACCIÓN"

A Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Alcoa colaboran no fomento da educación medioambiental entre o alumnado lucense. O programa ‘Naturacción’ é un subprograma de ‘Voz Natura’ patrocinado pola Fundación Alcoa co respaldo de Alcoa San Cibrao e chegará a máis de 4000 alumnas e alumnos de 29 centros educativos do norte e centro de Lugo.

Burela, 17 de febreiro de 2014.- Na presentación do programa participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o director da Fundación, Francisco Sánchez; e o director de Alcoa Primario e de Alcoa San Cibrao, Rubén Bartolomé. Así mesmo estiveron presentes a delegada da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Burela, José González Barcia;o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación, Innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila; a coordinadora de Voz Natura, Nazareth Díaz; o portavoz do Comité Científico Voz Natura, José Antonio Díaz E Alejandro Diaz Sueiro, membro do mesmo comité; o xefe territorial da Consellería na provincia, José Jesús Ramos Ledo; e o director do IES Monte Castelo, Marcelino Luna; así como o delegado da Voz de Galicia na Mariña, Miguel Sande; e representantes dos centros educativos participantes en ‘Naturacción’.

Actuacións
No marco deste programa organizaranse visitas personalizadas e gratuítas a entidades como museos ou acuarios, así como a actividade ‘Reporteiros ambientais’ utilizando cámaras de vídeo ou móbiles. Ademais, cada centro executará o seu proxecto medioambiental, supervisado polo Comité científico de Voz Natura – integrado por destacadas personalidades do mundo da ciencia e o ensino-; no que se incluirán diferentes accións como exposicións, visitas educativas, limpeza de praias ou recuperación de zonas degradadas, entre outras. Así mesmo haberá cursos de blogs para profesores e o concurso ‘Mellor blog medioambiental’, co fin de difundir o compromiso co entorno natural galego, no marco da comunidade blogueira do programa. O broche final do proxecto será a festa anual de Voz Natura, na que cada primavera se reúnen miles de alumnas e alumnos, docentes e familias, e no que se expoñen os traballos realizados polos centros participantes e se entregan os premios ás iniciativas máis destacadas.