Skip to Content

2008-09

CIRCULAR INFORMATIVA CIUG NOVA PROBA GALEGO 2010. (2º Bacharelato)

Circular informativa Estimados/-as compañeiros/-as: Desde o Grupo de Traballo da materia Lingua galega e literatura dirixímonos a vós para informarvos das novidades da proba das PAAU para a convocatoria de xuño do 2010. Se non o fixemos antes foi para evitar posibles malentendidos no referente á proba deste ano, e por iso preferimos esperar a que se realizasen os exames de xuño. Como xa sabedes, para o ano 2009-2010 estreamos DCB para segundo de Bacharelato, ademais de que tamén se producen importantes cambios nas probas das PAAU. A estrutura de exame que vos imos presentar a continuación responde basicamente a este novo modelo de DCB, nun intento de que os cambios non sexan moi acusados, tendo en conta que o modelo actual é ben coñecido e asumido por todo o profesorado e o alumnado. O principal cambio vén dado polo feito de outorgarlle unha maior importancia ós aspectos de comprensión e de expresión. Esta decisión non a tomamos por capricho noso, senón que vén determinada polo propio DCB, o cal fai moito fincapé nas competencias e habilidades de comprensión e de expresión. Creo que todos estaremos en xeral de acordo en que o máis importante na nosa materia é que os alumnos/-as logren capacidades avanzadas no uso activo e pasivo da lingua. O novo modelo non fai máis que dar un maior valor a estes aspectos, cumprindo deste xeito cos contidos do DCB. Partindo destas consideracións, o novo modelo de exame vai outorgar 5 puntos a tres preguntas: dúas breves de comprensión (1 punto a cada unha) e unha máis longa de expresión (3 puntos). Ademais haberá dúas preguntas de gramática (1 punto cada unha), unha de sociolingüística (1 punto) e unha de literatura (2 puntos). A continuación presentámosvos polo miúdo este modelo de exame, que constará, como ata agora, de 7 preguntas: - Preguntas 1 e 2: valoraranse cada unha delas con 1 punto e nelas responderase de xeito breve a algún aspecto de comprensión do texto. Velaquí algunhas posibles preguntas: • Resumo breve do texto ou dunha parte del. • Estrutura do texto. • Ideas principais e secundarias. • Intencionalidade do texto. • Opinión do autor sobre algún aspecto que se indique. Será especialmente interesante que o/a alumno/-a perciba as ironías, por exemplo, e non entenda só o que se di, senón o que se quere dicir. • Significado concreto no texto dalgunha palabra ou expresión. Esta pregunta vén sendo similar á de léxico que se viña facendo ata agora. - Pregunta 3: valorarase con 3 puntos e deberá ter unha extensión aproximada de 200 ou 250 palabras. Avaliará a expresión, polo que nela se pedirá que se produza un texto relacionado dalgún modo con aquel sobre o que se basea o exame. Para a súa puntuación terase en conta o xuízo crítico das ideas que conteña o texto, así como a capacidade do alumnado para estruturar adecuadamente as ideas que expón e a corrección da expresión. Tamén se terá en conta a corrección gramatical e ortográfica. Quere isto dicir que na propia puntuación da pregunta se valorará negativamente a incorrección ortográfica e normativa. - Preguntas 4 e 5: cada unha terá un puntuación máxima de 1 punto. Versarán sobre conceptos de fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, semántica, léxico ou dialectoloxía. Estas preguntas veñen sendo similares ás preguntas 3, 4 e 5 do modelo de exame do 2009. O contido de dialectoloxía é novo, xa que se introduce agora no programa de 2º de Bacharelato. Esta pregunta de dialectoloxía, de facerse nun exame concreto, será unha pregunta breve e guiada sobre as posibilidades dialectais que podería ter unha forma presente no texto (por exemplo, ante a palabra veciño poderá solicitarse que se indique qué outras formas dialectais presenta o territorio lingüístico galego e qué extensión xeográfica ten cada unha delas). - Pregunta 6: valorarase con 1 punto. Versará sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A sociolingüística”. As posibles preguntas son unicamente as seguintes: 1.- As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos. 2.- Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma. 3.- Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización. 4.- O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística. 5.- O galego de 1936 a 1975: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística. 6.- O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística. Como se observa polas preguntas, estes temas podería responderse con toda a extensión que se desexe. Non obstante, será imprescindible que a resposta sexa resumida, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Polo tanto, nesta extensión, máis ben breve para unha pregunta deste tipo, o alumnado deberá referirse ó contido importante e non divagar en consideracións xerais que non supoñan a cerna do tema. Tanto nesta pregunta 6 como na seguinte (7) ofreceranse dúas posibilidades, para que o alumnado escolla unicamente unha delas. Estas dúas posibilidades serán as mesmas na Opción A e na Opción B do exame. Deste xeito poderá escollerse unha ou outra opción do exame sen que inflúan as preferencias nas preguntas de sociolingüística ou de literatura. Pregunta 7: valorarase con 2 puntos. Versará sobre os contidos que figuran no DCB baixo a epígrafe “A literatura”. As preguntas que se poderán facer sobre estes contidos son unicamente as seguintes: 1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas. 2.- A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas. 3.- A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo). 4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós. 5.- A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais. 6.- A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas). 7.- A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas. 8.- O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia. 9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro. 10.- A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes. 11.- A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes. 12.- O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes. Nesta pregunta 7 temos que lembrar que as respostas nunca deben ser unha listaxe de autores e obras, senón que tamén se espera unha explicación das características da escrita dos autores, das tendencias ou das etapas. Como orientación en canto á extensión podemos falar aproximadamente dunhas 400 ou 500 palabras, aínda que isto pode ser variable dependendo de se o alumnado opta por unha resposta con redacción máis desenvolvida ou máis esquemática. Tal como se indicou máis arriba, neste pregunta, igual que na 6, ofreceranse dúas opcións (as mesmas na Opción A e B do exame) para que se escolla unicamente unha delas. Tal como viña sendo habitual nas probas deste materia poderá empregarse calquera das terminoloxías lingüísticas existentes. Como se fixo ata agora, tamén se valorará a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderán descontar ata un máximo de 2 puntos por erros ortográficos. Os erros poderán ser: -Moi graves: aquelas solucións que son alleas ó sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación do pronome persoal átono...). Descontaranse 0,2 puntos. -Graves: solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y...). Acentuación diacrítica. Descontaranse 0,1 puntos. -Leves: solucións galegas alleas ó estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Penalizaranse con 0,05 puntos. Esta valoración negativa non se aplicará sobre a pregunta 3, xa que, tal como indicabamos, na propia valoración da pregunta irá incluído o desconto. Quedamos á vosa disposición para o que poidades precisar. Recibide un saúdo. Eduardo Moscoso Mato. Director do Grupo de traballo eduardo.moscoso@usc.es  

Tema 5: “A LITERATURA DO EXILIO ENTRE 1936 E 1976: POESÍA, PROSA E TEATRO”. (2º Bacharelato)

A). INTRODUCIÓN. O verán de 1936 supón unha creba histórica e cultural en Galicia. Pásase da aprobación maioritaria do Estatuto de Autonomía á sublevación dos militares ó mando do xeneral Franco. O galeguismo sobrevive na clandestinidade ata 1950, data da morte de Castelao. A literatura galega fica arredada ata que a fronte cultural Galaxia inicia, en 1950, a recuperación das letras galegas. No exilio proseguiu o labor político e cultural, converténdose B. Aires na capital espiritual de Galicia. B). SITUACIÓN HISTÓRICA (1936-1981). A Guerra Civil. A sublevación militar contra a República produciuse en Galicia o 20 de xullo de 1936. Dominada toda Galicia a finais de xullo, logo empezarían os xuízos sumarísimos, os paseos e as depuracións. Destrución de tódalas plataformas político-culturais, represión, asasinato de Alexandre Bóveda e outros, cárcere e silencio. Illamento internacional da Ditadura. A Guerrilla. Ademais da fuxida a Portugal creouse unha guerrilla galega que continuou a loita armada (os fuxidos). Fomentada pola oposición no exilio, diante da caída do nazismo, co gallo de facer cae-lo réxime franquista. Organízase o Exército Guerrilleiro de Galicia. Transformacións socioeconómicas. A poboación tivo como única fonte de subsistencia o sector primario (agricultura e pesca). Comercio de volframio, contrabando e estraperlo (prezos abusivos de produtos que escaseaban pola especulación) só permitiron algunhas fortunas persoais. Consolidación da política de bloques (EE.UU-URSS), despegue económico no mundo capitalista e agudización dos conflitos colonialistas e imperialistas (Indochina, África). A emigración foi promovida pola Ditadura como fonte de divisas, que logo se invertían fóra de Galicia. Hai unha crecente urbanización e unha certa industrialización que motiva o transvase da poboación activa dende o campo ós sectores da industria e servizos. Os conflitos sociais. Logo da Guerra Civil, o movemento obreiro e labrego estivo paralizado en Galicia, consecuencia da desaparición das organizacións sindicais e dos seus líderes. Xorden forzas políticas clandestinas. As organizacións políticas. O galeguismo político acadara a súa máxima repercusión durante a II República, coa aprobación do Estatuto de Autonomía. O triunfo dos sublevados motivará unha represión feroz, un centralismo monolítico e a prohibición de todo tipo de manifestacións nacionalistas. Na década de 1940 o galeguismo levará a cabo unha intensa actividade política. No interior con Ramón Piñeiro e, no exterior, especialmente en B. Aires, onde se fundará o Consello de Galiza, dirixido por Castelao, unha especie de goberno galego no exilio. Remata esta etapa en 1950 ó se confirma-la estabilidade internacional do réxime franquista. É o ano da morte de Castelao e da autodisolución do Partido Galeguista. A loita política pasa ó campo cultural, e créase Galaxia. C). A LITERATURA GALEGA NO EXILIO. Debido á diáspora de grande parte dos intelectuais galegos, motivada pola represión da guerra civil, o centro da actividade literaria galega trasládase a México e B. Aires. Alí publicarán revistas (Galeuzca, Galicia Emigrante, Vieiros, Saudade, Loita...), editoriais (Citania), emisións radiofónicas, reedición dos clásicos, produción dunha literatura de denuncia e compromiso, actividade teatral e moitas outras iniciativas, co fin de manter viva a cultura. Apoio da emigración galega (os Centros Galegos convértense en núcleos de actividade política e cultural) e, sobre todo, moi importante o labor de Castelao, que se converterá en guieiro da liberdade de Galicia. Destes anos datan as súas obras Os vellos non deben de namorarse (1941), Sempre en Galiza (1944) e As cruces de pedra na Galicia (1950). POESÍA:Destacar no campo da poesía Luís Seoane, home polifacético: pintor, editor (Nova, Botella al Mar,...), poeta, ensaísta e autor teatral. Poeta social, reivindicativo, de forte compromiso que trata de rescatar a memoria histórica do pobo galego, dándolle protagonismo ó tema da emigración (Fardel de eisilado, Na brétema Sant-Iago). O traballo de Emilio Pita vai do ton épico á temática civil de Jacobusland). Lorenzo Varela, activo poeta, paradigma da literatura solidaria e comprometida, con Lonxe e Catro poemas para catro gravados. Predominio do discurso comprometido de Seoane e Varela, fronte ó esteticismo de Pita. Mitificación do pasado que se inclúe no histórico e carácter épico-realista. Non influirá sobre a poesía galega do interior polas dificultades de difusión e estudo. NARRATIVA: Citar a Ramón de Valenzuela, con obras ambientadas na guerra civil, co tema da represión franquista e moito de autobiográfico (Era tempo de apandar, Non agardei por ninguén). Tamén, Silvio Santiago que escribe unha novela costumista, con intención crítico social, na que conta as lembranzas da infancia no medio rural (Vilardevós). TEATRO: Continúa unha tradición que vén de preguerra. Gran importancia a estrea en B.Aires de Os vellos..., de Castelao. Funcionamento de diversos grupos: Compañía Gallega Maruxa Villanueva (fundada por M..Varela Buxán); Teatro Popular Galego, fundado por Blanco Amor. Ten como principal representante a Manuel Varela Buxán, fundador da compañía teatral Aires da Terra e autor de numerosas pezas populares, de ambiente rural e costumista, nunha liña cómico-sentimental, onde o conflito amoroso e o tema social terán grande importancia: O ferreiro de Santán, Taberna sen dono, A xustiza dun muiñeiro,...

TEMA 4: “O teatro do 1º terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós”. (2º Bacharelato)

O teatro é o xénero que menos cultivo acadou na historia da literatura galega. Deixando aparte o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1671), o teatro galego do século XIX, desde A casamenteira, de Fandiño, desenvólvese en dúas direccións principais: o drama de asunto histórico e o de asunto social e costumista. Nos primeiros anos do s.XX, o teatro sitúase entre o costumista e histórico do XIX e o teatro nacionalista das Irmandades. Actividade importante dos coros populares (Toxos e Flores). Os autores máis representativos son: Xesús San Luís Romero . Emigrado á Arxentina, empezou a publica-los primeiros versos e a representar pezas teatrais entre a colonia galega de Bos Aires. Volto a Santiago, publica composicións de tipo anticaciquil, no espírito da loita agraria. Compuxo numerosas pezas teatrais nas que se ataca ós caciques: O fidalgo, drama de axitación social con atinada caracterización dos personaxes e a ambientación, que tivo enorme éxito no seu tempo. Xavier Prado "Lameiro" foi un escritor moi popular no seu tempo, e a súa literatura é allea a calquera pretensión culturalista. Publicou dúas coleccións de obras teatrais: Monifates e Farsadas. A maioría delas presentan ambientación rural, con sinxelo argumento e personaxes elementais. A comicidade é elemento fundamental no seu teatro. O teatro das "Irmandades da Fala": As Irmandades da Fala crearán en 1919 o Conservatorio Nacional da Arte Galega, -que contaba co precedente da Escola Rexional de Declamación, fundada polos rexionalistas en 1903-,coa intención de promover o teatro galego. Impúlsase o teatro como arma político-ideolóxica cara á recuperación da conciencia nacional, pensado esencialmente para a representación. Na temática recréanse episodios históricos (Mariscal Pardo de Cela, Prisciliano,...), a reivindicación social e a recuperación cultural. Ramón Cabanillas compuxo dúas pezas teatrais: unha de tema contemporáneo, en prosa, A man de Santiña, (1921) e outra histórica, en verso, O Mariscal. A primeira, é unha comedia burguesa de asunto amoroso que se desenvolve nun ambiente de clase alta. O Mariscal é un drama de intención política, escrito a rogo de Antón Vilar Ponte. Recupera a figura do mariscal Pardo de Cela, executado en 1483 por orde dos Reis Católicos. É o símbolo da resistencia galega fronte á política dos RR.CC. e convértese en referencia para o nacionalismo do XX. A reconstrución do noso pasado serve así á ideoloxía nacionalista. O teatro de Cabanillas adoita caracterizarse como poético, modernista no estilo e con tendencia á mitificación de ambientes e personaxes. Antón Vilar Ponte é o animador e teórico do teatro como forma de proselitismo extensivo e eficaz. Leandro Carré Alvarellos, director da Escola Dramática Galega, ten obra teórica e o seu teatro é de carácter costumista. Xaime Quintanilla Martínez, que publica a comedia dramática Alén que demostra que os personaxes do teatro galego non teñen que ser necesariamente labregos. A acción desenvólvese en Nova York e os personaxes chámanse Helen, Patrick,... Teatro do Grupo Nós: Esencialmente literario cunha grande influencia do teatro europeo simbolista e surrealista. Depuran os elementos costumistas e realistas. Os representantes máis destacados son: Otero Pedrayo (abondosa produción, concibe o teatro como espectáculo plástico total, A lagarada); Vicente Risco (cultiva o drama simbolista en O bufón de El-Rei); Castelao (escenógrafo, figurinista, estilización do mundo popular- Os vellos non deben de namorarse) e Rafael Dieste (teatro de carácter simbólico, coa versión intelectual dun motivo popular, A fiestra valdeira). Os vellos non deben de namorarse (1941) é unha farsa estreada en Buenos Aires. Segundo Castelao, "é unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato", consideración que gaña importancia se temos en conta o relevantes que son na obra os artificios escenográficos: a iluminación, a cor dos decorados e das roupas, as máscaras... A obra é unha "artimaña escenográfica onde xogan o amor e a morte de tres vellos imprudentes: o boticario don Saturio, que non aturou a falcatruada de Lela e mátase con solimán da súa propia botica; o fidalgo don Ramón, que por un bico de Micaela morre deitado no esterco; o vinculeiro señor Fuco, que por casar con Pimpinela morre de felicidade". O motivo do vello namorado repítese tres veces en versións diferentes nos tres lances de que consta a obra. En cada lance hai un vello namorado dunha moza, e un mozo rival do vello. A morte, que aparece como un personaxe, advirte en cada un dos lances ó vello do risco que conleva o seu namoramento serodio. Outro elemento fundamental son un grupo de mulleres, que teñen unha función semellante á do coro da traxedia clásica. A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio, despois de mortos. Láianse do seu imprudente namoramento e coñecen, gracias a un defunto chegado alí, noticias das súas mozas respectivas. Traxicomedia: mestura de traxedia e humor.

TEMA 3: “A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo)”. (2º Bacharelato)

INTRODUCION. A incorporación do Grupo Nós ás Irmandades en 1918, supuxo un feito cultural transcendente na 1ª metade de século. Labor decisivo entre 1920-1931. Grupo de escritores que en 1920 fundaron a revista "Nós" e que a dirixiron ata 1936. Organización de estamentos e institucións culturais integrados dentro dunha doutrina política que tende ó rexurdimento da cultura e sociedade galegas. Pretenden elaborar unha lit. galega de prestixio, seguindo os modelos da lit.mundial de principios do s.XX.

 

FORMACION E EVOLUCION DA XERACIÓN NÓS: Formada polo chamado Cenáculo ourensán: Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas. Castelao e Dieste teñen características que os diferencian (procedencia, formación, o popular,...). Procedencia social pequeno-burguesa. Xeración de "inadaptados" que se achegan a Galicia, logo de recorrer culturas estrañas. Ideais exóticos, no Oriente afastado. Rigorosa formación intelectual. Con eles a prosa galega supera o costumismo e o ruralismo decimonónicos.

"INADAPTADOS". Insatisfacción e rebeldía, velaí que queiran fuxir do medio que os rodea. Conciben a arte coma evasión e no seu individualismo senten noxo do vulgar, do común, procurando a novidade nos mundos exóticos (India, Tíbet, Exipto, Babilonia). Autobiografía xeracional no ensaio de Risco, Nós, os inadaptados e na novela Arredor de si de Otero Pedrayo. Desprezo inicial pola cultura e lingua galegas. No 1918 hai un cambio radical de actitude coa inclusión no galeguismo e encontro con Castelao, que xa pertencía ás Irmandades da Fala. Superan o ruralismo, conxugando enxebrismo e europeización: atlantismo celtista (Irlanda, Bretaña, Portugal). Importancia política de Vicente Risco: definición teórica do nacionalismo galego. Participan na creación do Partido Galeguista (1931) e deputados nas Cortes republicanas (Otero e Castelao). Apoian decisivamente a elaboración e aprobación do Estatuto de Autonomía (1936) e a creación do Seminario de Estudios Galegos (1923).

OBRA CIENTÍFICA. Axeitan o idioma á expresión científica. Método científico para o estudio da cultura galega. Vicente Risco: etnografía e evolución histórica da cultura galega. Otero Pedrayo: traballos de xeografía. Castelao: investigación sobre a arte popular. Cuevillas: prehistoria de Galicia.

 RAMON  OTERO  PEDRAYO (1888-1976) 

Pais de ascendencia fidalga. Licénciase en Dereito e doutórase en Xeografía e Historia. Prof. de Xeografía e Historia. En Ourense únese ó grupo de Risco e Cuevillas, chegando ó galeguismo. Colabora nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos. En 1931 inicia unha etapa de grande actividade política e funda o Partido Nacionalista Republicano, sendo deputado por Ourense. Logo, entra no Partido Galeguista. Intensa actividade científica e literaria. Despois da guerra civil é deposto da cátedra (1937). Destaca o seu labor de conferenciante. Colabora no lanzamento da editorial Galaxia. Xubilación e retirada ó pazo familiar de Trasalba (actual Museo do autor).

OBRA LITERARIA:  Autor da produción máis extensa da lit.galega e abarca case tódolos xéneros: prosa, ensaio, poesía e teatro. As súas novelas convérteno no autor máis importante da prosa moderna. O ensaio é o xénero onde se atopa mellor o seu xenio, xa que o didactismo invade a súa narrativa. Outro elemento sempre presente é a paisaxe.  

Relatos breves:    Pantelas, home libre (1925) é a súa primeira obra. Volta do protagonista dende o cárcere á súa terra da infancia. Forte presenza da paisaxe. Tristura e tolería do protagonista.

Novelas:  Os camiños da vida (1928). Triloxía formada por "Os señores da terra", "A maorazga" e "O estudante". Mostra da sociedade rural galega nos cambios do século XIX, dende a Desamortización de Mendizábal (1836) ata a Revolución de Setembro (1868).Temas: ruína da aristocracia agraria galega; ascenso da burguesía vilega(comerciantes casteláns); alteración das formas tradicionais de vida. A acción transcorre no Ribeiro e os seus pazos (Trasouto), Ourense e Santiago. Grande realismo da vida aldeá e dos pazos. Familias fidalgas dos Doncos e Pugas. Miserias e decadencia.

Arredor de si (1930): retrata a conversión ó galeguismo da Xeración Nós. Protagonista o intelectual Adrián Solovio (autobiografía de Otero). Despois de viaxar por Europa e España, escéptico e desacougado, descobre a Galicia e a si mesmo. Novela de tese na que priman o elemento ideolóxico e a intención didáctica.

Dúas coleccións de contos: Contos do camiño e da rúa(1932), e Entre a vendima e a castañeira (1957).

ENSAIO: Guía de Galicia (1926): interpretación histórica e cultural de Galicia. Ensaio histórico sobre a cultura galega(1939): é unha síntese do desenrolo histórico-cultural de Galicia. O futuro do país ten que ser europeo como o foron os tres grandes momentos de Galicia: o celta, o románico e o barroco (celtismo).

VICENTE   RISCO: O IDEOLOGO DO GRUPO NOS (1884-1963).

Naceu en Ourense. Veciño. Estudos de Dereito e funcionario en Ourense, a onde volve como profesor da Escola Normal. Publica en 1920 a Teoría do nacionalismo galego e funda, cos seus compañeiros, a revista Nós. Logo de 1919 foi adquirindo unha influencia cada vez máis grande dentro das Irmandades. Logo, dunha viaxe a Centroeuropa para estudar etnografía e folclore, Risco foise afastando da actividade política, adoptando posturas conservadoras. Podemos diferenciar tres etapas na súa evolución intelectual:

Etapa de formación. Aparece reflectida no ensaio Nós, os inadaptados. Etapa nacionalista. Etapa máis activa na que se produce a conversión ó galeguismo, ingresa nas Irmandades, funda a revista Nós e escribe os libros de relatos. A súa ideoloxía está recollida en Teoría do nacionalismo galego.

 Etapa de desvinculación progresiva do galeguismo, a partir de 1930.

NARRATIVA: O porco de pé, novela longa que supón o cume da narrativa de Risco, na que caricaturiza o ascenso social dun maragato -D.Celidonio- chegado á cidade, que sen méritos de ningún tipo e pola simple acumulación de capital é nomeado alcalde. O novo alcalde representa a vulgaridade dunha familia da nova burguesía, só preocupada polos cartos. Amósanos unha visión satírica duns personaxes que fican reducidos a simples caricaturas. LINGUA E ESTILO: A preocupación estilística ocupa un lugar secundario na obra de Risco. O autor semellaba máis interesado no que dicía que na forma de expresión. Prosa directa, mesmo familiar na súa sintaxe. En canto á lingua, procura o enxebrismo, afastándose do castelán.

 

FLORENTINO  LOPEZ  CUEVILLAS (1886-1958)

Foi o prehistoriador do grupo "Nós". Dedicouse ás tarefas investigadoras, máis que ás literarias. Cultivou a prosa e o ensaio literario: Prosas galegas, obra póstuma que recolle os seus artigos. 

 

CASTELAO (1886-1950): Nace en Rianxo de familia mariñeira. Emigración do pai á Arxentina. Medicina en Santiago. Deixa a profesión de médico para ingresar no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra, onde tamén traballa como profesor de Debuxo no Instituto desta cidade. Agrarismo e Irmandades da Fala. Galeguismo nacionalista. Exposición de debuxos, conferencias e colaboracións na prensa. Dirección artística da revista Nós. Viaxe a Francia para estuda-los cruceiros da Bretaña, froito do cal é o libro As cruces de pedra na Bretaña (1930). Proclamación da II República e militancia no Partido Galeguista, sendo elixido deputado. Participación activa na vida política, especialmente a prol do Estatuto de Autonomía. Establece a súa residencia en Buenos Aires, onde constitúe o Consello de Galiza. Morreu en Buenos Aires en 1950 e os seus restos son traídos a Galicia en 1984, repousando no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.

OBRA:  Un ollo de vidro(1922), co subtítulo de Memorias dun esquelete. No prólogo diríxese ó lector o propio Castelao, que explica como atopou as memorias do esqueleto que veñen a continuación. Este humor de Castelao non é alleo á sátira social de carácter anticaciquil.

Cousas (1926) é un conxunto de prosas con ilustracións. Cada "cousa" leva unha ilustración que complementa o texto. Este desenvolve brevemente asuntos de temática variada, en moitos casos de ambiente labrego ou mariñeiro. A "cousa" é a aportación máis orixinal e característica de Castelao á literatura; é unha fórmula literaria presente en toda a súa obra narrativa.

Retrincos (1934) é unha colección de cinco contos que se nos presentan como autobiográficos("O segredo" relata unha anécdota da estancia de Castelao, neno, entre os gauchos da Pampa; "O inglés" tamén se desenvolve na Pampa arxentina, nos anos da guerra de Cuba; "Peito de Lobo" preséntanos ó Castelao estudante en Compostela; "O retrato" : a curación imposible para un médico e o milagre feito polo pintor. "Sabela" é un relato artellado sobre o contraste entre a moza que fora a súa compañeira de baile e a muller en que se converteu co paso dos anos.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao; consiste nunha sucesión de relatos que gardan unidade entre eles pola referencia a dous protagonistas constantes: Pedriño e Rañolas. Ten a estrutura semellante ás novelas picarescas, especialmente polo que toca a Rañolas, quen, partindo dunhas circunstancias adversas (de humilde condición, eivado de corpo), vai vivindo diferentes situacións nos sucesivos oficios. En contraste con Rañolas, o outro protagonista, Pedriño é un home sen vontade e sen ambición. A novela é unha biografía paralela dos dous personaxes, que son amigos da infancia e seguen camiños diverxentes.

O ENSAIO: Sempre en Galiza. Primeira edición publicada en Buenos Aires. Tratado ensaístico, escrito en momentos moi diferentes, pero uniforme no seu patriotismo.

ESTILO: Nada máis lonxe de Castelao que o barroquismo literario. Liso, limpo, sinxelo, o seu estilo é clásico, froito dun grande traballo de escolla e depuración. Linguaxe a un tempo popular e escolleita. Léxico enxebre, ceibe de arcaísmos e neoloxismos. A lingua é o galego popular.

 

RAFAEL DIESTE (Rianxo, 1899-1981): Cursa Maxisterio. Guerra de Marrocos. Amizade con Manuel Antonio. Galeguismo. Xornalismo e actividade cultural a favor da República. Misións Pedagóxicas. Exilio en B.Aires, logo da guerra civil. Volta en 1961 a Rianxo e entra na RAG.

OBRA: Pouco extensa a obra en galego. Dos arquivos do trasno (1926): conxunto de contos, envoltos nunca atmosfera de misterio, situados na Galicia rural e mariñeira. Realismo máxico. Personaxes populares cheos de inocencia e humanidade. Técnica moderna e recursos novidosos. Lingua culta e rica cun estilo elegante e sinxelo.

TEMA 2: “A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas”. (2º Bach.)

ÉPOCA "NÓS" (1916-1936): Arredor da revista "Nós" xira todo un movemento cultural e de conciencia galeguista. Obxectivo: incorporar a cultura galega ao ámbito europeo. Participan en 3 iniciativas comúns: Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista e revista "Ronsel".

Estes poetas modernizan a lírica galega, superando a estética do XIX e entrando nas vangardas.

 

XERACIÓNS LITERARIAS:

Xeración "Nós" (Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas)

Xeración de 1925 (poetas vangardistas: Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza-Brey, Blanco-Amor, Luís Pimentel)

Xeración de 1936 (Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño)

Escritores de "Antre dous séculos", coma R. Cabanillas e Noriega.

 

LIÑAS E ESCOLAS POÉTICAS:

Simbolista: emprego recorrente dos símbolos (Manuel Antonio e Luís Pimentel).

Esteticista: centrada no intimismo e delicadeza (Luís Pimentel).

Impresionista: imaxes poéticas (Amado Carballo e seguidores da escola hilozoísta, imaxinista ou animista, coma Euxenio Montes ou X.Mª Brea).

Neotrobadorismo: volta á lírica medieval (Bouza-Brey e Álvaro Cunqueiro)

Clasicismo ou neovirxilianismo: tendencia de posguerra que deriva do paisaxismo ruralista (Crecente Vega e Aquilino Iglesia Alvariño).

 

VANGARDAS EUROPEAS (-ismos):

Correntes de renovación artística e literaria (comezos s.XX). Rupturismo coa estética vixente. Manifestos: difusión da nova arte. Orixinalidade. Arte efémera.

-ismos: futurismo, expresionismo, dadaísmo, cubismo, surrealismo, creacionismo, ultraísmo,...

Total liberdade creativa. Antisentimentalismo. Deshumanización. Renovación da linguaxe.

 

MANUEL ANTONIO (Rianxo, 1900-1930):

Vangardismo. Actitude crítica e inconformista.Asina o único manifesto galego, co pintor Álvaro Cebreiro, "Máis alá" (1922). Estudos de Náutica (Vigo). Galeguismo. Prácticas como piloto no "Constantino Candeira": "De catro a catro". Tuberculose e morte.

Nos primeiros poemarios combina tradición e vangarda ("Con anacos do meu interior"e "Foulas"). "De catro a catro": múltiples lecturas, dende a viaxe por mar á interpret. simbólica e filosófica (existencia humana). Influencias do creacionismo. 19 poemas coma un diario: zarpa o barco ("Intencións") e retorno a porto ("Adeus"), cunha parada en porto ("Recalada" e "Navy Bar"). Visión do mar, do barco e do ceo nocturno, cos astros, alegoría da existencia humana. Imaxes visionarias. Léxico cheo de tecnicismos náuticos e mariñeiros. Modelo culto de lingua supradialectal.

"Viladomar": 3ª etapa na que volve á tradición.

"Máis alá": manifesto en prosa, provocador, nacionalista e rupturista coa cultura galega.

 

FERMÍN BOUZA-BREY (Ponteareas, 1901 - Santiago, 1973):

Fundador da escola neotrobadoresca co seu libro "Nao senlleira", onde incorpora elementos populares e modernos. Con "Seitura" afástase do neotrobadorismo, dominando a tendencia esteticista. Foi un dos fundadores do SEG.Tamén realizou traballos de arqueoloxía e etnografía.

 

ÁLVARO CUNQUEIRO (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981):

Ademais de narrador e autor teatral, Cunqueiro publicou libros de poesía, inscritos nas vangardas. Publica "Mar ao norde" e "Poemas do si e non" nunha liña vangardista pura. Dentro do neotrobadorismo e neopopularismo, atopamos "Cantiga nova que se chama ribeira" e "Dona do corpo delgado".

 

 

LUÍS AMADO CARBALLO (Pontevedra, 1901-1927):

Creador da escola hilozoísta ou animista, de corte impresionista. Publica "Proel" e "O galo", póstumo. Creou unha ampla escola literaria e tivo grande éxito na época. Conxuga atrevidas imaxes vangardistas con elementos tradicionais na métrica e nos temas. A natureza aparece animada, chea de vida e a presenza humana esváese detrás da paisaxe.

 

LUÍS PIMENTEL (Lugo, 1885-1958):

Escritor bilingüe, deixounos os poemarios "Triscos" e "Sombra do aire na herba". Poesía profundamente lírica e intimista. Influencias surrealistas con trazos moi persoais. Presenza do mundo dos soños; contraste simbólico entre as luces e as sombras e espazos interiores e pechados. Expresión sinxela e delicada.

 

EDUARDO BLANCO AMOR (Ourense, 1897 - Vigo, 1979):

Renovador da narrativa galega de posguerra, tamén publica poesía. O 1º libro, "Romances galegos", ten temática neopopularista, ao estilo da "Generación del 27". Logo, publica "Poema en catro tempos", de ton elexíaco e ambientación mariñeira, estruturado coma unha sinfonía musical.

 

TEMA 11: “A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes".

Na 2ª metade s.XX: avances científicos e técnicos que repercuten, a partir de 1975, na nosa sociedade. Os medios de comunicación adquiren relevancia, influíndo nos gustos da xente e na concepción do mundo. Forte presenza do cine e da música pop e rock. O incremento da produción narrativa en galego é consecuencia da inclusión do galego no ensino, creación de novas editoriais e a proliferación de premios e revistas literarias. Os autores tratan temas acordes cos novos tempos (corrupción, narcotráfico, paro, delincuencia, ecoloxía,...), temas históricos (Guerra Civil, emigración), existencialistas (morte, soidade, incomunicación,...) Respecto ás técnicas, dende os anos 50 explora novos camiños (Nova Narrativa Galega) con influencias estranxeiras (Kafka, Joyce, Faulkner,...). Estes novos modelos seguen vixentes dende os anos 80 e poden resumirse así: - Pode desaparecer o argumento da obra. Os personaxes deixan de ser heroes centrais (anónimos). - Rupturas na cronoloxía dos feitos. O narrador deixa de ser omnisciente. Multiperspectivismo. A nivel formal e estilístico tamén hai grandes cambios: - Desaparecen os límites e inclúense textos diferentes (anuncios, cómics, informes, etc.) - Suprímense os capítulos. Varias historias combinadas (contrapunto). TENDENCIAS E AUTORES. A 1ª metade dos 80 caracterízase polo auxe da novela fronte ó relato, e logo invértese a situación. A nosa narrativa vai seguir dous camiños básicos: a literatura comercial (“de quiosco”) e a “autóctona” que entronca coa tradición galega. Literatura comercial (“de quiosco”): - Xénero policial: Carlos Reigosa (Crime en Compostela), Ramiro Fonte (As regras do xogo). - Ficción científica: Ramón Caride (Soños eléctricos), Agustín Fdez. Paz (As flores radioactivas), Fina Casalderrey (Mutacións xenéticas) ou Suso de Toro (A sombra cazadora). - Novela do oeste: Xosé Fdez. Ferreiro (A morte de Frank González) ou Isidro Novo (Por unha presa de machacantes) - Relato erótico: Xulio López Valcárcel (Anel de mel). - Literatura “autóctona”: - Literatura realista: con acción no rural, coma Morrer en Castrelo de Miño, de X.Fdez.Ferreiro ou Morrer en Vilaquinte, de Xesús Rábade e Helena Villar. Centrado no espazo urbano, Froito das lembranzas, de Tucho Calvo. Crónica novelada, en Viaxes no país de Elal, de Xavier Alcalá. - Novela histórica: máximo auxe na 1ª metade dos 80. Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia), Alfredo Conde (Xa vai o grifón no vento) ou Teresa Moure con Herba moura. - Narrativa memorialista: centrada na Guerra Civil e na posguerra. Xunto cos autores do exilio (Valenzuela, Silvio Santiago) están Carballo Calero (Scórpio), Casares (Os mortos daquel verán), Fdez.Ferreiro (Agosto do 36) ou Manuel Rivas (Os libros arden mal). - Novela de aventuras: este tipo é moi cultivado por Xavier Alcalá (Nos pagos de Huinca Loo e Latitude austral), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico) ou Xosé Miranda con Morning Star. - Novela feminina: onde a muller é protagonista total. Mª Xosé Queizán (Amantia). - Narrativa intimista: Marina Mayoral (Querida amiga) ou Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro. - Narrativa artúrica: recréanse os vellos mitos da Bretaña. Méndez Ferrín (Amor de Artur) ou Darío Xohán Cabana con Galván en Saor. - Narrativa de misterio ou terror: Paco Martín (Tres historias para ler á noite) ou O capitán Lobo Negro de Xesús M.Valcárcel. - Narrativa humorística: Gonzalo Navaza (Erros e Tánatos) - Cunqueirismo: mestura do fantástico e o real. Paco Martín (Muxicas no espello) ou Darío Xohán Cabana (Fortunato de Trasmundi) - Narrativa experimentalista: obras complexas e minoritarias, como Suso de Toro (Tic-Tac), Antón Reixa (Transporte de superficie) ou Xurxo Borrazás (Criminal). - Narrativa infantil e xuvenil Proliferación de títulos destinados aos lectores máis novos, motivados pola implantación do ensino do galego. Novas coleccións coma Merlín ou Árbore. Obras de distinto signo: Mundos fantásticos: Das cousas de Ramón Lamote, de Pazo Martín. Simbólicos: Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín. De aventuras: O misterio das badaladas, de Xabier Docampo. De ficción científica: As flores radioactivas, de Agustín Fdez.Paz ou Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey. Xénero detectivesco: 091, de Pepe Carballude. Historias de amor: Anagnórise, de Victoria Moreno. Novelas de viaxes: O dragón de Gondomil de Xoán Babarro. Pódese establecer unha clasificación dos narradores da literatura actual: a) Autores xa incluídos na N.N.G. con traxectoria consolidada e obra extensa de calidade: X.L.Méndez Ferrín e Carlos Casares. b) 1ª Promoción: nados nos 30-40 e que publican nos 70. Xavier Alcalá: tres tipos de obras: relato curto (A fundición); novela: A nosa cinza (infancia e mocidade dunha xeración), Nos pagos de Huinca Loo (a emigración); crónicas de viaxes (Viaxe no país de Elal). Outros autores: X. Fdez.Ferreiro, Paco Martín, Alfredo Conde. c) 2ª Promoción: nados nos 40-50 e publican nos 80. Víctor Freixanes: dos libros de liña xornalística (Unha ducia de galegos) pasa á novela de carácter simbólico que mestura historia e fantasía (O triángulo inscrito na circunferencia; O enxoval da noiva). Estas dúas coinciden na estrutura e nas ideas básicas. Suso de Toro: narrativa afastada dos tópicos culturais, orientación posmoderna, fantasía, ironía, humor, lingua coloquial. Relatos: Caixón desastre, Polaroid (técnicas cinematográficas e protagonistas marxinais); novelas: Land-Rover, Tic Tac (puzzle), Calzados Lola, Trece badaladas (liña máis clásica). Manuel Rivas: síntese do tradicional e contemporáneo. Creación literaria e xornalismo. Relatos: Un millón de vacas, ¿Que me queres, amor? Novelas: Os comedores de patacas, En salvaxe compaña (formadas por breves secuencias), O lapis do carpinteiro (historia de amor na guerra civil) e a represión na Guerra (Os libros arden mal) Outros autores: Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Marilar Aleixandre, Tucho Calvo,... d) 3ª Promoción: nados nos 50-60 e publican dende os 90. Xosé Carlos Caneiro (Ébora), Antón Riveiro Coello (Os ollos de K), Manuel Forcadela, Ramón Caride, Gonzalo Navaza ou Xurxo Borrazás. e) Autores do novo milenio: os máis novos, coma Jaureguizar, Inma López Silva, Vázquez Pintor (A memoria do boi) ou Teresa Moure (Herba moura).

TEMA 12: “O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais..."

TEMA 12: “O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes”. A importante recuperación do teatro galego a partir dos 70 vai fortalecerse nas décadas seguintes. Consolidación de autores coma Manuel Lourenzo, Vidal Bolaño ou Euloxio Ruibal e aparición doutros autores novos. Diversidade de grupos que comezan nos anos 80 (Uvegá Teatro, Teatro de Ningures, Tranvía Teatro, Teatro do Morcego, Sarabela Teatro,...) No 1984 créase o Centro Dramático Galego que montará producións propias e adaptacións de grandes autores (Os vellos..., de Castelao; O enfermo imaxinario, de Molière; Bertol Brecht; Shakespeare;...). A xeración dos 80 Estes autores, logo dos cambios políticos, abandonan a temática social. A heteroxeneidade de fine estes autores nos que predomina o culturalismo e o contido simbólico. Tamén o emprego do humor e a ironía, parodia e anonimato dos personaxes. Destacan autores coma Xesús Pisón (O pauto, Tatuaxes) ou Miguel Anxo Fernán-Vello que escribe sobre temas da relación humana (soidade, amor,...). Autor de obras coma A tertulia das máscaras ou A casa dos afogados. Outros autores son Miguel Sande, Roberto Salgueiro, Lucía Villalta ou Alberto Avendaño. Xeración dos 90 No teatro dos anos 90 hai un menor simbolismo, uso da intertextualidade e gran coidado da estrutura da peza, tratando de facilitar a representación escénica. Destacar a Kukas, co seu Teatro de monicreques (O Mariscal); Cándido Pazó, autor e director do grupo A Farándula (O melro branco). Tamén Eduardo Alonso (As alegres casadas); Quico Cadaval (Códice clandestino) ou Gustavo Pernas (O galego, a mulata e o negro). Asemade, Raúl Dans, actor, autor e guionista que publica Matalobos e Miguel Anxo Murado con A gran noite de Fiz. O teatro do novo milenio Os autores e obras aumentaron considerablemente nos últimos anos. A principal característica segue a ser a heteroxeneidade de temas, con tendencia a un teatro máis lúdico con predominio da ironía e a parodia como forma de reflexionar sobre a actualidade. Tamén se fai teatro experimental con técnicas innovadoras. Preténdese darlle importancia á representación sobre a creación literaria coa intención de crear un teatro-espectáculo que atraia o interese do público. Foron moi importantes os premios Álvaro Cunqueiro e Rafael Dieste para a promoción dramática. Hoxe en día, dáse unha progresiva profesionalización do teatro e maior esixencia de calidade nas montaxes.

CRITERIOS DE CORRECCIÓN DA NOVA PROBA DE GALEGO 2010. (2º Bach.)

Criterios de corrección OPCIÓN 1 O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ao retrato. Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado. De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor e canto máis se achegaba o americano máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo. Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz debecíase por bicalo a fartar. Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno. Migueliño escolleu así moitos máis que non eran e a todos quixo tolamente. E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazado a súa nai. Era un home que non se parecía ao retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo... Aquel si que era o pai de Migueliño. A. R. Castelao, Cousas. 1. Por que cres que Migueliño, a pesar de que “sabía cos ollos pechados como era o seu pai”, o confunde reiteradamente con outros americanos e finalmente non o recoñece? Apoia a túa resposta con referencias explícitas ao propio texto. [1 punto] Valorarase unha resposta que vaia alén da argumentación máis obvia das diferenzas físicas provocadas polo paso do tempo e repare nos efectos que na apreciación do neno ten a súa idealización da figura paterna (vid. p. ex., “Os seus ollos esculcaban en procura do pai ensoñado”). 2. Que idea cres que nos intenta transmitir o autor con esta anécdota? Cal é a visión que nos dá Castelao da emigración neste texto? [1 punto] Espérase que o/a alumno/a saiba captar a intencionalidade do texto máis alá da anécdota concreta así como a visión crítica que o autor nos dá do fenómeno da emigración como traxedia individual e social. 3. Galicia pasou en poucos anos de ser país de emigración a receptora de inmigrantes. Compara ambos os fenómenos e reflexiona acerca da imaxe que temos hoxe en Galicia sobre a inmigración e da que había antes sobre a emigración de galegos a outras terras (extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos] Valorarase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito: 1) Construción textual: 1 punto. Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións. 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e. g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos. 2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos. 3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase non só o correcto dominio da ortografía senón tamén dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. 4. Na liña 4 aparece a terminación -án (peirán) característica dun determinado bloque dialectal do galego. Identifica ese bloque e sinala outras tres características propias desa zona. [1 punto] Pola correcta identificación do bloque (occidental): 0.4 puntos. Por cada unha das características propias da zona: 0.2. 5. Analiza sintacticamente: O rapaz debecíase por bicalo a fartar (l. 12). [1 punto] Valorarase a correcta identificación das funcións oracionais e das categorías ou unidades sintácticas que as desempeñan. Admítese calquera modo de representación da análise así como as diversas terminoloxías, sempre que se empreguen de xeito coherente. Ítems de referencia na corrección: 1. O rapaz: FN - Suxeito 2. Debecíase: Verbo - Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado) 3. Se: Ollo: trátase dun se léxico (v. pron.), que non desempeña función sintáctica ningunha 4. Por bicalo a fartar: FPrep - Complemento preposicional (ou suplemento ou terminoloxía afín) 5. Bicalo a fartar: Oración (ou FV) - Termo/Complemento… da FPrep. 6. Bicar: Verbo - Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado) 7. -lo (=o neno): Pron. (ou FN) – CD 8. A fartar: Loc. Adv. – CCIRC de Cantidade (de bicar, non de debecíase!) —Pola correcta identificación das funcións: 0.8 puntos = 0.1 por cada ítem. (No ítem 3 sumarase cando non se atribúa función sintáctica ningunha ao clítico) —Pola correcta identificación das categorías ou tipos de unidades: 0.2 puntos no conxunto da análise. 6. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras). [1 punto] a) Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización. b) As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos. Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de tratarse de preguntas pechadas preestablecidas, espérase que o/a alumno/a constrúa o seu propio texto de maneira personalizada. Penalizaranse (ata 0.25 puntos) as respostas que evidencien unha pura reprodución memorística de textos non-persoais. 7. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos] a) A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas. b) A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas. Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido: a) Información acerca do contexto (acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.) b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores. c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega. Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de tratarse de preguntas pechadas preestablecidas, espérase que o/a alumno/a constrúa o seu propio texto de maneira personalizada. Penalizaranse (ata 0.5 puntos) as respostas que evidencien unha pura reprodución memorística de textos non-persoais. OPCIÓN 2 Coa ofensiva chegaran algúns personaxes novos, sobre todo cooperantes. Un deles estívome explicando o pésima que era a información que se recibía en España sobre o conflito. O feito de que eu fose, entre moitos outros, un dos que escribían esa información, non pareceu afectarlle o máis mínimo. Para el, os xornais estaban cheos de mentiras e manipulacións. Que xornais lía? En realidade, confesou, ningún. Por que? Porque estaban cheos de mentiras e manipulacións. Tiña outras fontes de información? Non, en realidade non. Pero intuitivamente, sabía que o que contabamos, fose o que fose, era mentira. É curioso canta xente hai no mundo que pensa deste xeito. A miúdo riamos cavilando na realidade do traballo dun correspondente nun conflito. Parecía que só nós sabíamos que tratar de decatarse de algo en medio do caos informativo, as limitacións físicas e de tempo, eran factores de distorsión da información moito maiores que a presión da liña editorial dos nosos xornais que, se existía, era errática e fácil de esquivar. Escapulinme del e sumeime ao grupo dos xornalistas. Estaban bébedos, falando en serio de organizar nós tamén un equipo de fútbol para enfrontarse ós espías. Estabámolo pasando todos ben, mais, inevitablemente, non eramos quen de gozalo. A guerra volvía unha e outra vez ás conversas, aínda que intentásemos escorrentala, polo menos por unha noite, como quen intenta escorrentar unha mosca. M. A. Murado, Fin de século en Palestina. 1. Sinala de maneira xustificada cal é a intención do autor do texto: [1 punto] a) Denunciar a manipulación da información nos medios de comunicación b) Denunciar as guerras que afectan á humanidade c) Denunciar o tópico de que os medios de comunicación manipulan a información Espérase que o/a alumno/a sexa quen de identificar a intencionalidade do texto entre as tres opcións propostas. Pola identificación da opción correcta (c): 0.5 puntos.Pola adecuada xustificación da escolla: 0.5 puntos. 2. Indica o significado que teñen no texto as seguintes palabras: manipulación (l. 4), intuitivamente (l. 6), correspondente (l. 8), errática (l. 11), escapulirse (l. 12). Non son válidas as respostas só con sinónimos. [1 punto] Por cada palabra ben definida concederanse 0,2 puntos. Preténdese valorar que o/a alumno/a coñeza o significado que ten no texto a palabra indicada e que sexa quen de explicar este significado. Non é precisa unha definición lexicográfica rigorosa, mais non será válida a resposta cando só conteña sinónimos ou a tradución a outra lingua. 3. Redacta un texto sobre as posibilidades que teñen os xornalistas de ofreceren unha información obxectiva nos medios de comunicación. (extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos] Criterios de corrección: véxase opción 1. 4. Estabámolo pasando todos ben (l. 14): Segmenta os constituíntes morfolóxicos das palabras que integran esta oración e identifica o valor de cada un deles. [1 punto] Est(a)/bá/mo/lo pas(a)/ndo tod/o/s ben (total: 10 ítems) 0.1 puntos por cada morfema correctamente segmentado e identificado. Se a identificación do valor non é correcta, 0.05 puntos. Non se considerará resposta completa indicar, p. ex., “ba: sufixo (ou morf. flex.) de tempo e modo”; debe especificarse: “sufixo (ou morf. flex.) de tempo e modo: pret. imperfecto de indicativo”. No caso dos verbos considerarase igualmente correcta a análise delimitando ou sen delimitar a vogal temática como morfema de seu (é dicir, est/a- ou esta-; pas/a- ou pasa-); en calquera caso puntuarase 0.1 por ítem. 5. Fíxate ben: Que xornais lía? (l. 4) e Tiña outras fontes de información? (l. 5-6) son oracións interrogativas de dúas clases distintas. Que diferenzas hai entre un e outro tipo de preguntas? [1 punto] Espérase que identifique as diferenzas de forma e contido entre as chamadas interrogativas totais e parciais (ou polarizadas e non polarizadas). Máis que a precisión na terminoloxía con que se denominan, interesa a correcta presentación desas diferenzas. Asignarase un máx. de 0.5 puntos por cada interrogativa ben descrita. (V. NOTA FINAL) 6. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras). [1 punto] a) Linguas minorizadas e linguas minoritarias. O galego: lingua en vías de normalización. b) As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos. Criterios de corrección: véxase opción 1. 7. Contesta unha destas dúas preguntas (escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos] a) A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas. b) A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas. Criterios de corrección: véxase opción 1. CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA En ambas as opcións, ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser: - Moi graves: Solucións alleas ó sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0,2 puntos c/u. - Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica.... Desconto 0.1 c/u. - Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0.05 puntos c/u. Os castelanismos terán consideración, segundo os casos, de erros graves (ex. calle) ou leves (ex. peine) Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, xa que van incluídas na propia valoración da pregunta. ________________________________________________________________________________________________ NOTA: As preguntas nº 5 de ambas as opcións presentan dous tipos de orientación posible nas cuestións de gramática. A da opción 1 é unha análise sintáctica tradicional. Por contra, a da opción 2 ten unha orientación de gramática comunicativa / comprensiva, máis adecuada para a avaliación da capacidade de reflexión metalingüística. No exame poderán formularse preguntas dun ou doutro tipo (e, obviamente, pode ser o caso de que nalgún exame non haxa ningunha pregunta de sintaxe!). Para orientación do profesorado, preséntanse a seguir exemplos de posibles tópicos gramaticais formulados desde esta orientación comunicativa, na liña do que aparece na opción 2 do modelo de exame: • Comenta as diferenzas formais (/sintácticas) e de contido entre a seguinte parella: María leu o libro / O libro foi lido por María • Comenta as diferenzas formais (/sintácticas) e decontido entre a seguinte parella: María comeu o queixo / María comeu no queixo • Comenta as diferenzas formais (/sintácticas) e de contido entre as seguintes oracións: María é alta / María é a alta / María está alta • Comenta as diferenzas de contido entre as variantes (a, b e c) que seguen. Refírete tanto aos verbos (estar, ir) como ás frases que aparecen tras eles. Que función dirías que desempeña cada unha delas? (María non puido vir porque…) a) está vella, b) vai vella, c) vai a un bautizo Que tipo de resposta se espera? O que se demanda neste tipo de preguntas vén ser sempre a fin de contas un comentario de: a) as diferenzas formais / sintácticas entre exemplos dados e b) as diferenzas de contido que esas diferenzas formais expresan. Así, na primeira das opcións propostas (María leu o libro / O libro foi lido por María) espérase unha caracterización das activas fronte ás pasivas partindo das diferenzas formais (como son?) e chegando ás diferenzas funcionais ou de contido (que expresan?, para que se usan unhas e outras?). Concretamente: —Caracterización formal: o CD da activa pasa a SU da pasiva; o SU da activa pasa a CAx da pasiva, con por (ou non aparece; cousa que non ocorre no exemplo); verbo coa forma “ser + participio”. —Caracterización funcional: a voz como mecanismo para mudar a orientación comunicativa da mensaxe: dicimos María leu o libro cando estamos a falar de María; dicimos O libro foi lido por María cando do que falamos é do libro. (i. e., muda o Tema; non é estritamente necesario empregar o tecnicismo). [Tamén se podería aludir á pasiva como mecanismo para construír oracións impersoais, omitindo o CAx (O libro foi lido); pero como o exemplo dado non é impersoal, non sería unha información necesaria para considerar correcta a resposta]

Distribuir contido


by Dr. Radut