Skip to Content

2008-09

TEMA 1: "HISTORIA DA LINGUA: SÉCULOS XX E XXI". 2º Bacharelato

 

 

1. O GALEGO NOS SÉCULOS XX E XXI:SÍNTESE HISTÓRICA.

Consolidación do proceso de normalización.

O galego accede a novos usos: ensaio, narrativa, política, actos públicos,...

Recoñecemento oficial da lingua

Desgaleguización social (medios comunicación, escolarización,...). Descenso falantes monolingües en galego.

1.1.Etapas.

Preguerra (1900-1936): Fundación da Real Academia Galega (1906). Irmandades da Fala (1916). Revista Nós e intelectuais do Grupo Nós (1920). Seminario de Estudos Galegos (1923). Numerosas publicacións en galego (A Nosa Terra) e editoriais (Lar, Nós). Estudos lingüísticos: dicionarios (Leandro Carre), gramáticas (Lugrís).

Posguerra e ditadura de Franco (1939-1975):Represión. Castelán, lingua oficial. Galego, a lingua máis falada. Exilio (capital B.Aires). Editorial Galaxia (1950). Revista Grial. Suplemento do xornal La Noche. Traballos lingüísticos: gramática de Carballo Calero; dicionario de Franco Grande. Asociacións culturais: O Facho, O Galo, Abrente. Día das Letras Galegas (17 maio 1963). Estudo do galego na Universidade (1965). Creación do Instituto da Lingua Galega (1971).

A actualidade (1975-2000): Constitución Española (1978). Estatuto de Autonomía (1981),o galego, lingua oficial. Publicación das Normas ortográf.e morfol.do idioma galego. polo acordo da RAG e o ILG (1982). Emprego de diferentes normativas (oficial, lusista,...). Lei de Normalización Lingüística (1983) que regula o uso e aprendizaxe do galego. Emisións da RTVG (1986) e aparición da Mesa pola N.L. (1988). Xornais en galego (Teima, Luces, Tempos, A Nosa Terra, O Correo Galego,...). Estudos lingüísticos e literarios e nacen novas editoriais (Do Cumio, Xerais, Sotelo Blanco, Bahía,... Nos 90 o galego accede á informática e a Internet.

2. O ESTABLECEMENTO DUNHA NORMA:

Preguerra: ausencia de normativas. Galego enxebrista ou diferencialista (supradialectal, portugués como modelo da tradición literaria, arcaísmos, lusismos, hipergal. )

Posguerra: ata os 70, período protoestándar (simplific. ortográf. e purismo léxico).

Actualidade: galego estándar (normativiz. e normalización).

3. OS CONTEXTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS.

3.1. Situación lingüística de Galicia: niveis de coñecemento e uso.

Diglosia: castelán e galego como lingua maioritaria. Desgaleguización (xuventude, urbano-rural). Transvase de poboación. Política institucional ineficaz.

3.2. A oficialidade.

Mellora a consideración social. Recoñecemento oficial: dereito a usalo e a non discriminación. Lingua oficial na Administración e integración no sistema educativo (curso 1979-80).

3.3. O galego na Administración.

Emprego variable na Admin. pública. Uso nos actos públicos e políticos da Xunta e Parlamento. Publicidade institucional en galego. Nos concellos o uso é moi variable. Escaso uso na Adm. estatal e case inexistente na Adm. de Xustiza.

3.4. O galego nos medios de comunicación.

3.4.1. Os medios de comunicación de masas:

3.4.2. A prensa escrita: En galego nace no s.XIX, coa publicación de O Tío Marcos da Portela(1876) e séguenlle outros coma A Monteira, de Lugo (1889). No s.XX o xornal máis relevante é A Nosa Terra(1907); pero o de maior contido ideolóxico será a revista Nós(1920), promovida por Risco, Castelao e Otero Pedrayo.

A censura da ditadura de Primo de Rivera crea un ambiente adverso para os xornais. Coa chegada da II República e a formación do Partido Galeguista aparece a prensa nacionalista en galego (A Nosa Terra, Alento, Yunque).

Na ditadura de Franco desaparecen os xornais en galego (exilio: Loita, Galeuzca ou Vieiros). A partir de 1965 aparecen algunhas publicacións na clandestinidade. Publícase a revista cultural Grial (1963). Coa democracia hai un incremento espectacular das publicacións; hoxe en día as máis importantes son: A Nosa Terra, Tempos Novos, Galicia Hoxe, Dorna (de poesía), A Trabe de Ouro (filosofía),...

3.4.3.A lingua galega nos medios audiovisuais:

A radio en galego: A 1ª emisión en galego prodúcese na BBC de Londres (anos 40-50) e logo destacar Galicia Emigrante (Buenos Aires). Nos anos 60 hai algún programa de Radio Nacional; pero será nos 80, coas emisoras locais, cando o galego acade unha certa presenza, e en 1985 aparece a Radio Galega.

A televisión en galego: Entre os anos 50-70 a única canle emite en castelán. Dende 1974 co Centro Regional de TVE emítese algún informativo en galego e en 1985 nace a Televisión de Galicia (TVG) coa emisión case íntegra na nosa lingua.

3.4.4. A lingua galega en Internet: Mediados dos 90, coa implantación de Internet, vai haber un emprego progresivo do galego na Rede. Primeiras páxinas web en galego e nace Vieiros (portal galego en Internet); edicións dixitais dos principais xornais galegos. Na actualidade a presenza do galego xa é moi importante (lingua, literatura, ciencia, universidades, empresas, foros de discusión,...). Malia contar con moitas páxinas galegas, a presenza do galego segue a estar moi por debaixo do inglés e do castelán.

3.5. O galego no ensino: Presenza do galego na escola desde  o curso 1979-80, como materia oficial e obrigatoria. Coa Lei de N.L.(1983) vaise converter en lingua vehicular da educación en determinadas materias. No Decreto Lei de 1995 vaise ampliar a presenza nas distintas etapas educativas. Malia o dito, a Lei segue a se incumprir sistematicamente en moitos centros de Galicia.

3.6. O galego noutros ámbitos da sociedade:

Os partidos políticos.

Os sindicatos, o mundo empresarial e comercial.

A Igrexa.

Os mundos cultural e editorial: importante presenza na música folk

4. O PORVIR DA LINGUA GALEGA:

Malia a acción normalizadora de moitos colectivos, o galego enfróntase á globalización, escasa promoción, a dinámica do bilingüismo e o rexeitamento de certos sectores sociais de ideoloxía conservadora. Hai que engadir a falta de conciencia dunha boa parte da poboación e o desinterese da xuventude, sobre todo nos ámbitos urbanos. Con estes vimbios, mal cesto imos facer e o futuro non parece moi optimista.  

TEMA 9: “O teatro galego entre 1936 e 1976: Xeración dos 50 e Grupo de Ribadavia” (2º Bacharelato)

  Teatro no exilio: O teatro sufriu máis que ningún outro xénero a censura e represión franquistas durante a posguerra. Nos primeiros tempos tivo que refuxiarse na emigración. Manuel Varela Buxán: emigrante na Arxentina, onde se formou de xeito autodidacta. Volta a Galicia e publícanse tres tomos do seu teatro: O ferreiro de Santán;Taberna sen dono; A xusticia dun muiñeiro e O cego de Fornelos. O teatro de Varela Buxán é directo, popular, de liña cómica e sentimental e encadrado nun ambiente rural. Teatro do Seminario: Preocúpanse especialmente polos estudios sobre teatro e as manifestacións parateatrais. Importante labor na recuperación dos clásicos. Algúns dos seus representantes publicarán despois da Guerra Civil (Cunqueiro, Fole, Carballo Calero, Mariñas del Valle). Armando Cotarelo Valledor: moitas das pezas por el compostas foron representadas por universitarios composteláns.Trebón e Lubicán son dramas rurais; Beiramar, de ambiente mariñeiro. Hostia (1926) é un drama que trata da execución de Prisciliano. É o primeiro autor que concibe o teatro como un espectáculo, inaugurando o teatro galego contemporáneo. Teatro de posguerra: Entre os anos 1950-70 aparece en Galicia un teatro para ler (A. Cunqueiro, Carballo Calero, Bernardino Graña, X.L.Franco Grande...) máis orientado neste sentido que cara a súa representación, debido sobre todo á carencia dunha infraestrutura teatral, e que pretende sintonizar co teatro europeo. Eduardo Blanco Amor inicia o labor teatral en B.Aires, fundando a compañía Teatro Popular Galego. Farsas para títeres, con influencias do expresionismo europeo. Teatro para a xente, no que predomina a vertente popular. Álvaro Cunqueiro: O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, obra máis importante, onde recrea a obra de Shakespeare. Teatro moi literaturizado de rica prosa. En parte deste teatro está presente o existencialismo (Carballo Calero, A farsa das zocas; Xenaro Mariñas del Valle: A revolta) e a influencia dos autores franceses (Isaac Díaz Pardo: Midas ; Arcadio López Casanova: Orestes). Teatro dos anos 60 e 70: Fonda preocupación socio-política; o texto teatral é un instrumento de loita.Temas moi diversos, desde o histórico ata o drama psicolóxico. Destacan Xohana Torres (A outra banda do Iberr), cunha grande habilidade na creación de tipos psicolóxicos e de situacións; Manuel María (Barriga verde), elaboración culta dun tema popular; Daniel Cortezón, que trata personaxes ou ciclos históricos (Prisciliano); Bernardino Graña (20 mil pesos crime), drama rural con técnicas do cine policíaco ou Xosé Agrelo (O mestre), obra de forte denuncia social. Nesta etapa as representacións revestiron a forma de Teatro de Cámara e comezan a ser traducidas ó galego obras importantes do teatro clásico e contemporáneo. A partir dos anos 60, e dentro do contexto de loita contra a ditadura, aparecerán grupos teatrais independentes ligados a asociacións culturais. Instauración de premios (Abrente, O Facho) e certames (Mostras de Ribadavia), onde se dan a coñecer novos autores e directores (Manuel Lourenzo, Euloxio Ruibal, Roberto Vidal Bolaño, Daniel Cortezón). Creación da Escola Dramática Galega e consolidación de publicacións como os Cadernos da Escola Dramática e realización de estudos sistemáticos sobre o xénero (Francisco Pillado, Manuel Lourenzo). Abundancia de traducións: Giraudoux, Eliot, Molière, Camus (existencialista), Beckett (teatro do absurdo), Bertol Brecht (teatro épico)... Manuel Lourenzo: autor prolífico que aborda a liña clásica ou mítica (Electra), a histórica (Xoana) ou a actual (O avión paranoico). Roberto Vidal Bolaño: incorpora temas, técnicas e personaxes do drama popular, xunto cunha visión crítica e irónica da realidade (Laudamuco, señor de ningures). Consolidación teatral con Saxo tenor. Miguel Anxo Fernán-Vello: forma chea de lirismo e temas sobre o amor, a soidade ou a loucura (A casa dos afogados). A principios dos anos 70 aparece en escena o teatro independente (ideolóxico, en loita contra o teatro burgués): O Facho e Teatro Circo (A Coruña), Teatro Popular Galego e Teatro Popular Keizán (Vigo), Auriense (Ourense). Finalmente, na segunda metade dos 70, aparece o teatro de rúa, didáctico, co grupo Pepa a Loba e Antroido, Troula e A farándula.

TEMA 8: "A NOVA NARRATIVA GALEGA “. (2º Bacharelato)

  O experimentalismo: a Nova Narrativa. En 1960 aparece unha nova xeración de escritores con formación universitaria que integrarán o que se deu en chamar Nova Narrativa. Dinamizan a linguaxe e ensaian unha renovación técnica, enchendo de simbolismo a narración. Teñen influencias de James Joyce, F.Kafka, William Faulkner e do obxectalismo do nouveau roman francés. Innovacións e características: Maior incidencia sobre mundos urbanos. Eliminación do heroe problemático. Uso do contrapunto espacial e temporal. Incorporación da psicanálise coa indagación no subconsciente. Técnica do "ollo cinematográfico" na perspectiva do "Nouveau Roman". Uso do monólogo interior. Creación de mundos absurdos e angustiosos. Tratamento simbólico de temas socio-políticos e individuais. Chámase así a un conxunto de textos, vinculados a un grupo de autores, que se publican en Galicia entre 1954 e 1980. X.L.Méndez Ferrín, Gonzalo R.Mourullo, Camilo Suárez Llanos, Mª Xosé Queizán ou Carlos Casares inician estas novas técnicas. A 1ª obra considérase, Nasce un árbore,(1954) de Gonzalo Rodríguez Mourullo (tres relatos simbólicos sobre a terra, a adolescencia ou a emigración); “Memorias de Tains”, libro epistolar con sete cartas encontradas en Tains, vila fantasmal na que habita un home angustiado, e a última, Cara a Times Square, (1980) de Camilo González Suárez-Llanos... Visión moderna de Galicia, fundamentalmente vinculada ó mundo urbano. Literatura moi intelectual, difícil de asimilar por un lector escasamente cultivado. Buscaron o seu influxo no estranxeiro, en especial Francia. CARLOS CASARES (1941-2002) Nace en Ourense. Profesor de Literatura no Instituto de Cangas. En 1977 é elexido membro da Academia Galega. En 1982 consegue acta de deputado como independente no primeiro parlamento galego. Traductor e autor de numerosos estudios literarios. Director da Editorial Galaxia e da revista Grial. Falece repentinamente no 2002. OBRA: A crítica distingue dous ciclos narrativos: o primeiro e máis vangardista e innovador, que comeza en Vento ferido e remata en Xoguetes para un tempo prohibido, está centrado na recreación da súa biografía e centrado no espacio da posguerra. O segundo ciclo, máis realista, iníciase con Os escuros soños de Clío e chega ata Os mortos daquel verán. Vento ferido (1967). Conxunto de doce relatos, narrados por distintos personaxes coa técnica do monólogo interior. Frustracións dos personaxes e procedemento autobiográfico. Presididos pola violencia e o alcohol, o amor frustrado, os lugares fechados, o fatalismo ou a soidade e os protagonistas adolescentes. Xoguetes para un tempo prohibido (1975) narra en forma de flash-back a peripecia vital e as experiencias amorosas do protagonista, Elías, dende a súa infancia e adolescencia ata a súa mocidade e madurez cando morre nun hospital. Crónica de posguerra coa crise da adolescencia. Dirixida en forma coloquial ó mesmo protagonista, como 2ª persoa.. Texto parcialmente autobiográfico e baseado en experiencias persoais. Os escuros soños de Clío (1979) é un conxunto de 12 relatos breves baseados en textos apócrifos (non auténticos), de imprecisa localización cun fondo da historia galega do último milenio (s.X-XX), moi lúdicos e cheos de ironía e humor. Ilustrísima (1980) é a terceira novela. Centrada nas preocupacións e a xenreira dun bispo dunha diócese galega, nos primeiros anos do s.XX, contra a intolerancia da curia catedralicia, escandalizada pola aparición na vila do primeiro cinematógrafo. Os mortos daquel verán (1987) conta as circunstancias que rodean a morte dun boticario, Ernesto Vilariño Dacal, no comezo da Guerra Civil, asistindo a un contraste entre a versión oficial -morte accidental- e a de testemuñas -o boticario sería paseado- que propician a aparición duns informes dun funcionario. Volta ó tema histórico, centrándose na Guerra Civil. Técnica novidosa, facendo a novela a base dos informes técnicos do instructor do caso. Estilo marcado polo dominio da forma breve, linguaxe clara e ritmo áxil na prosa. XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN . Nace en Ourense no ano 1938. A experiencia ourensá acadará tamén importante reflexo na súa literatura. Nos anos 50 continúa estudos de Filosofía e Letras en Madrid, onde entra en contacto con mozos universitarios galegos, cos que funda o Grupo Brais Pinto. En 1958 comeza a súa andaina como narrador co libro de relatos Percival e outras historias, ó que seguen en 1961 O crepúsculo e as formigas nas que aparece o existencialismo e a preocupación vangardista; en 1964, a novela Arrabaldo do norte, mostra dunha opción estética que conecta co nouveau roman francés e que se insire no conxunto de propostas renovadoras da narrativa galega dos 60. En 1964 colabora na fundación da Unión do Pobo Galego (UPG), movemento nacionalista e marxista. O compromiso nacionalista radical constitúe un eixe vital básico e unha preocupación manifesta na súa obra. Así se reflicte, por exemplo, na novela curta Retorno a Tagen Ata, do ano 1971. En 1982 ve a luz outro libro de relatos, Amor de Artur, onde Méndez Ferrín se consagra como un dos grandes mestres do xénero. Dúas novelas ven a luz nos anos 1985 e 1987: Arnoia, Arnoia e Bretaña Esmeraldina (Premio da Crítica) que recolle as súas experiencias no cárcere. E en 1991, o libro de relatos Arraianos (Premio Nacional da Crítica Española ". A súa última novela é No ventre do silencio, onde recolle as vivencias de estudante en Compostela. A súa obra abrangue a poesía, o relato curto, a novela, a crítica literaria e o teatro. A unidade de toda a súa obra vén dada polo seguimento dunha liña culturalista, universalista e nacionalista. A súa persoal forma de escribir está cargada de símbolos e temas que se repiten. Así, motivos como a opresión e a liberación; a fugacidade do tempo e a nostalxia; o desamor e o amor ou a soidade e a solidariedade.

TEMA 7: "A PROSA ENTRE 1936 E 1976: OS RENOVADORES (FOLE, BLANCO AMOR, CUNQUEIRO E NEIRA VILAS)”. (2º Bacharelato)

  Progresivo emprego do galego como lingua exclusiva de creación. Consolidación de coleccións e editoriais. A recuperación do idioma motiva o aumento dos lectores, especialmente coa introdución do galego no ensino universitario. Predominio do conto e o relato.Coñecemento da literatura europea do momento. LIÑAS NARRATIVAS. PERIODIZACIÓN: A narrativa tamén sofre o silencio de posguerra, dende 1936 ata 1951, ano en que aparece A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero. As obras que tiveron maior resonancia na narrativa de posguerra foron as de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor. O relato culturalista: Cunqueiro, logo das súas achegas á poesía nos anos anteriores á guerra civil, iniciará unha importante etapa na narrativa coa publicación de Merlín e familia (1955). Fabulador dun mundo máxico ateigado de mitos e cunha visión irónica e tenra de tipos extraídos do mundo rural galego. O relato urbano: Blanco Amor maniféstase como narrador en 1959, ano en que publica A esmorga en Buenos Aires. Lembranzas do vello Ourense da infancia e mocidade, os protagonistas marxinados e os ambientes famentos. O urbano desde unha perspectiva realista (épica urbana). O relato rural: tamén nos 50 aparece Ánxel Fole con Á lus do candil (1952). A obra de Fole parte da tradición oral galega, recreándoa, dándolle unha dimensión misteriosa e á par realista, profundamente imaxinativa. Neira Vilas, se ben coincide cronoloxicamente coa N.N.G., Memorias dun neno labrego é de 1961- presenta características propias. É a obra dun autor autodidacta, evocativa e encadrada no realismo crítico, que con simplicidade técnica e linguaxe directa consegue un grande impacto popular. O experimentalismo: a Nova Narrativa. En 1960 aparece unha nova xeración de escritores con formación universitaria que integrarán o que se deu en chamar Nova Narrativa. Dinamizan a linguaxe e ensaian unha renovación técnica, enchendo de simbolismo a narración. Teñen influencias de James Joyce, F.Kafka, William Faulkner e do nouveau roman francés. Innovacións e características: Maior incidencia sobre mundos urbanos. Eliminación do heroe problemático. Uso do contrapunto espacial e temporal. Incorporación da psicanálise. Técnica do "ollo cinematográfico" na perspectiva do "Nouveau Roman". Uso do monólogo interior. Creación de mundos absurdos e angustiosos. Tratamento simbólico de temas socio-políticos e individuais. Relato histórico: obra de carácter realista, tratando a historia inmediata como tema (a guerra civil, conflitos sociais): Fernández Ferreiro. TEMÁTICA E TÉCNICAS: A marxinación de sectores sociais, a toma de conciencia colectiva, a emigración, opresión-explotación, a angustia existencial e a problemática psicolóxica individual, o desarraigo e o estrañamento no mundo urbano, a crise do mundo rural, o parapsicolóxico, o fabuloso e o exótico, o onírico, a violencia do mundo infantil, a problemática do feminino,... Grande importancia das técnicas do relato oral xunto coa incorporación e asimilación das técnicas do relato contemporáneo. A escritura simbólica e a creación de novos mitos,... ÁLVARO CUNQUEIRO (1911-1981). Nace en Mondoñedo, que vai ser o espazo dunha infancia feliz e rica en experiencias, tantas veces evocada polo escritor. Matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, mais a vida académica nunca o motivou moito. Asistencia ás tertulias nas que conversaban homes coma Maside, Luís Seoane, Anxel Fole, Carballo Calero, etc. Participou en numerosos actos culturais e colaborou en revistas coma Resol, Nós, Yunque, e Papel de Color. De grande importancia é a aparición no ano 1955, na editorial Galaxia, da súa primeira obra narrativa, Merlín e familia. Neste libro trata, cunha enorme orixinalidade, a materia de Bretaña, e en concreto os personaxes de Merlín e dona Xenebra, privándoos da aureola mítica e facéndoos cotiáns. Insíreos nun contexto xeográfico galego (a terra de Miranda, Lugo) e as súas anécdotas son lembradas por Felipe de Amancia, paxe de don Merlín, que lle dá ó relato unidade estrutural, nunha perfecta mestura de realidade e invención. En 1956 aparecen As crónicas do sochantre, cunha estrutura semellante á do Merlín. Nesta ocasión, o espazo xeográfico é a Bretaña francesa. O libro relata en 3ª persoa a historia do sochantre de Pointivy, que vai nunha carroza a tocar o bombardino ós funerais dun nobre. Na carroza encóntrase cun grupo de personaxes de ultratumba que lle contan ó músico as súas pasadas vidas. De 1961 é Se o vello Sinbad volvese ás illas. Trátase dunha novela de personaxe, onde o mítico navegante das lendas das Mil e unha noites, retirado, na súa vellez, conta nas tertulias as súas prodixiosas aventuras. Sospeitando que non lle cren, decide volver ó mar; pero ó final debe resignarse ó retiro definitivo, vencido pola realidade. En 1960 apareceu a primeira das obras da triloxía de relatos galegos, Escola de menciñeiros. Xente de aquí e de acolá aparece en 1971, e Os outros feirantes en 1979. Son tres libros de contos cunha estrutura formal e temática unitaria (o narrador, o espazo, mestura de realidade e fantasía e interferencias entre popular e literario). Grande relación, dende o punto de vista da técnica literaria, cos relatos de transmisión oral. Morre en 1981, facendo verdade o epitafio do seu sartego: aquí xaz un home que coa súa obra fixo que a lingua galega durara mil primaveras máis. O estilo literario. Prosa coidadosamente elaborada, pero presentada como inxenuamente espontánea. Riqueza imaxinativa e gusto polo fantástico. O ton lírico e o humor, sempre presentes, caracterizan a súa prosa. Estilo oral, propio do conto popular. EDUARDO BLANCO AMOR. Naceu en Ourense en 1897. A súa infancia e adolescencia transcorrerán nesa cidade, que se converterá máis tarde na Auria das súas novelas. Antes de partir para Arxentina en 1919, participará no labor do núcleo galeguista ourensán. Relaciónase, de contado, cos ambientes culturais e literarios da Casa de Galicia e manterá estreitas relacións con literatos da talla de Borges ou Ernesto Sábato, que influirán na súa formación literaria. Publica nos xornais da emigración e comeza a colaborar no xornal arxentino La Nación. Pérdese a guerra e Blanco Amor encárgase da dura tarefa de seguir alentando o movemento republicano e galeguista dos emigrantes. En 1959 aparece A Esmorga, en Buenos Aires, escrita enteiramente en galego. Obra crúa, dura e cunha linguaxe forte, directa. A obra iníciase cunha "Documentación" onde o "autor" explica en 1ª persoa, como chegou a obte-la información do relatado, os sucesos que ocorren durante un día de esmorga e borracheira dos tres personaxes principais, o Castizo, o Bocas e o Milhomes, e o seu tráxico remate. Declaracións feitas por Cibrán diante dun representante da Xustiza, do que non aparecen as intervencións. Os protagonistas móvense en diferentes escenarios da cidade de Auria, mesturando accións secundarias e múltiples personaxes. Presencia obsesionante da chuvia que actúa coma o fado da traxedia clásica. Remata coa intervención do autor, deixando na dúbida ó lector sobre a morte de Cibrán (¿suicidio ou tortura?). Lingua popular, estragada, acorde coa condición social dos personaxes. Violencia e crudeza de moitas accións, en contraste coa tenrura e sensibilidade doutras. En 1962, de volta en Ourense, escribe e publica Os biosbardos, obra que contén sete contos, todos eles postos en boca dun narrador infantil ou adolescente. Tódalas historias ocorren no Ourense dos seus anos mozos e os personaxes pertencen ás clases populares desta cidade. Sen embargo, a visión de Blanco Amor encol do mundo infantil está moi lonxe do tópico do neno anxelical. Son personaxes cheos de problemas, que afrontan a vida cunha curiosa madurez. Escribe e publica en 1972, Xente ao lonxe, a súa segunda novela en galego, con grande éxito de público e crítica. Obra monologada con interferencias doutros narradores, onde un neno, logo mozo, fala en 1ª persoa. O monólogo do Suso é interrumpido de cando en vez por diálogos ou narracións, ou cartas en que toman a palabra outros personaxes ou o propio autor.. A presentación en toda a súa crudeza das situacións de miseria moral e física, sen pararse en finuras na reproducción da fala popular, amósanolo coma un adepto do naturalismo. Numerosas historias secundarias aparecen mesturadas na narración, reflectindo ambientes populares, da pequena burguesía, do clero -obxecto de sátira e ridiculización- e dos baixos fondos. Personaxe colectivo en que o pobo de Ourense e, en concreto, as súas clases traballadoras aparecen organizadas loitando contra o caciquismo, en defensa dunha escola laica. ANXEL FOLE (1903-1986). Nacera en Lugo e a súa vida sempre discorreu parella a esta cidade. Entra no Partido Galeguista e funda e dirixe a revista Yunque. Despois da guerra, en 1941, vaise ás terras orientais de Lugo, O Courel, e do contacto coa terra e as xentes vai nacer a materia narrativa dos seus mellores libros. O tema principal dos contos de Fole é Galicia, vista dende dúas perspectivas: a material e a inmaterial. Na primeira amósanos as terras afastadas da montaña luguesa, as súas xentes, os costumes, a vivenda,... Pero, hai outra realidade definida pola maxia, as vivencias parapsicolóxicas, as supersticións, os medos e as crenzas míticas que el describe coma ninguén, sempre co trazo humorístico de fondo e as técnicas do conto contado, daqueles inesquecibles contos que as nosas xentes contaban ó redor da lareira, especialmente nas noites de inverno. Outro trazo dos seus contos é o galego recollido directamente da fala popular da Galicia oriental, cos seus dialectalismos, vulgarismos e arcaísmos.Cultivou exclusivamente o conto: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981. Características súas son: narración directa sen digresións, emprego de fórmulas introdutorias espazo-temporais, constante presenza dos contos, tal e como ocorre arredor da lareira. O home galego en convivencia coas premonicións, aparicións, misterios e crenzas máxico-míticas. XOSÉ NEIRA VILAS. Destaca tamén nos 60, un home da emigración,de formación autodidacta. Nas súas obras hai unha presenza constante do mundo rural galego de posguerra. Temática da emigración, o caciquismo e a explotación das clases populares. Escribe Memorias dun neno labrego (1961), Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977), novelas de protagonista infantil coas inquedanzas dos rapaces nun mundo labrego de miseria. Publica tamén, Xente no rodicio e A muller de ferro , con protagonistas adultos e ambientadas en Galicia. En Historias de emigrantes aborda o tema da emigración. Testemuño pesimista e angustiado das xentes da Galicia rural e da emigración, co emprego dunha técnica sinxela e unha axeitada síntese expresiva.

TEMA 6: "A POESÍA ENTRE 1936 E 1976: XERACIÓN DO 36, PROMOCIÓN DE ENLACE E XERACIÓN DAS FESTAS MINERVAIS”. (2º Bach.)

 A actividade editorial iniciada nos anos 50 céntrase na poesía. O silencio posterior ó 36 rómpeo en 1947 Aquilino Iglesia Alvariño, coa publicación de “Cómaros verdes”. Vai reflectir este xénero a situación social e política en que se vivía. A represión e a censura fixeron que a poesía se refuxiase en correntes propias de preguerra (imaxinismo, neotrobadorismo, paisaxismo,...) ou en obras que amosan os conflictos individuais nunha sociedade problemática. Máis tarde, nos anos 60 e principios dos 70, momento de forte enfrontamento ó réxime franquista, a voz do poeta vai centrarse na denuncia social, expresando as ansias de liberdade do pobo. LIÑAS POÉTICAS: a) Liñas continuadoras de preguerra - Neotrobadorismo (Cunqueiro, Alvarez Blázquez, Díaz Xácome). - Imaxinismo ou hilozoísmo (Alvarez Blázquez) - Paisaxismo: tradición franciscanista, imaxinista e ruralista na liña iniciada por Noriega Varela (Aquilino Iglesia Alvariño). Evoluciona cara o existencialismo, mesmo relixioso e mitoloxización da paisaxe (Novoneyra, Díaz Castro, María Mariño, Manuel María, Aquilino Iglesia ou Avilés de Taramancos) b) Intimismo e preocupación intelectual Contacta coa poesía anterior e recupera unha tradición propia (Aquilino Iglesia, Luz Pozo, González Garcés). c) Clasicismo e culturalismo Diálogos con outras culturas. Reinterpretación dos mitos. Poetiza o cotián e o íntimo-persoal (Aquilino Iglesia, Cunqueiro, González Garcés) A partir dos anos 60 Predominio absoluto da poesía social. Enlaza coa tradición da poesía cívica. Politización do discurso poético.O poeta como portavoz do pobo oprimido. Ampliación da temática a conflictos universais ou ámbitos non galegos. Celso Emilio Ferreiro: prototipo de poeta social desta época, a partir da publicación de “Longa noite de pedra” (1962). Actitude de denuncia do franquismo e da falta de liberdade, xunto con outros temas: desasosego, nostalxia do paraíso, escepticismo, esperanza. XERACIONS POETICAS: Consecuencia da situación político-social de posguerra, será a convivencia de poetas pertencentes a tres xeracións distintas e, polo tanto, con idades moi dispares. Isto vai motivar a pervivencia de tendencias poéticas de preguerra xunto con outras máis modernas, e incluso que algúns poetas se poidan incluír en varias liñas poéticas: XERACION DO 36. Abarca os poetas nados entre 1910-1920. Algúns teñen unha intensa actividade política e cultural no ambiente universitario de Santiago. Nos comezos sitúanse na liña culturalista da Xeración Nós; pero logo radicalizaron as súas posturas. Podémolos agrupar nestas tendencias: hilozoísmo, neotrobadorismo, clasicismo, ruralismo, socialrealismo e intimismo. Aquilino Iglesia Alvariño é xunto con Celso Emilio o gran representante desta Xeración. Home de estudios clásicos latinos no Seminario de Mondoñedo vai contactar máis tarde co saudosismo portugués. Señardá (1930) sonetos de corte modernista; Corazón ao vento (1933), obra de variadas tendencias entre o modernismo e o surrealismo. Cómaros verdes (1947) con pegadas neotrobadoristas e hilozoístas, onde a paisaxe rural é o centro temático. Celso Emilio Ferreiro : Nace en Celanova (Ourense), preto da casa onde nacera Curros. A memoria histórica e persoal da guerra será unha constante na súa obra poética. En Pontevedra empezará a escribir e participar na vida cultural, colaborando na fundación da colección de poesía "Benito Soto”. En 1955, sae o seu 1º libro "O soño sulagado", mestura de lirismo, ironía e temática social. No 1962, ve a luz "Longa noite de pedra", que de contado se convertería nun libro emblemático e dos máis lidos da poesía galega de tódolos tempos. O autor continúa a liña de poesía cívica, social ou comprometida, tratando de denunciar as contradiccións do seu tempo e de abrirlle os ollos ó pobo. Emigra a Venezuela onde logo xurdirán problemas de relación e o desencanto sobre o mundo da emigración. Publica "Viaxe ao país dos ananos" (1968), obra polémica onde critica á xente desleigada e egoísta. No ano 1973, ve a luz un sarcástico libro de epitafios, titulado "Cimeterio privado”. O desencanto de Celso Emilio vaise achegando á nostalxia pola terra e pola inocencia perdida que marcará o seu derradeiro libro: "Onde o mundo se chama Celanova" (1975). Importante vida cultural e política. Morreu en Vigo en 1979. PROMOCION DE ENLACE: Poetas nados na década dos anos 20. Non constitúen un grupo coherente, elaborando a súa obra individualmente, nos anos máis negros da posguerra. Pobreza e miseria, non tiveron medios económicos para facer estudios universitarios. Formados na cultura castelá, con marcadas influencias da Xeración do 27, fan unha poesía de temática existencial e angustiada. Poesía da angustia e a preocupación existencial. Caracterízase pola fondura existencial, o conflicto do individuo consigo mesmo. Poesía do desarraigo, cun certo relixiosimo e nostalxia do paraíso perdido. Relacionada co existencialismo e a literatura do absurdo. Inaugura esta tendencia Manuel Cuña Novás con “Fabulario novo” (1952). A “Escola da Tebra” e o Grupo “Brais Pinto” que nace en Madrid. Como representantes máis sobranceiros citaremos a Antón Tovar (“Non”), poesía moi intimista; Luz Pozo Garza (“Verbas derradeiras”, “Códice Calixtino”), obra chea de simbolismo e riqueza expresiva. XERACION DAS FESTAS MINERVAIS: Neste apartado incuímo-los poetas nados na década de 1930, ós que se intentou agrupar baixo diferentes nomes: “Grupo Brais Pinto”,” Escola da Tebra” ou Xeración de "La Noche". A mediados da década dos 70 aparece nos poetas e no público unha ruptura coa poesía anterior. Publicación de “Con pólvora e magnolias”, de Méndez Ferrín. CARACTERÍSTICAS: Reinterpretación das vangardas de preguerra. Revisión do concepto de compromiso social. Incorporación da cultura e contra-cultura urbanas. Maior preocupación pola linguaxe poética. Grande variedade temática e de procedementos técnicos. Danse a coñecer nos seguintes medios: as “Festas Minervais”, certames literarios de vella tradición renacentista e barroca, restaurados en Santiago a partir de 1953. O “Grupo Brais Pinto”, constituído en Madrid por universitarios que crean unha colección de poesía, coa temática da “Escola da Tebra”. A colaboración no diario compostelano “La Noche”. A maioría coinciden en Santiago como estudiantes universitarios, polos anos 50: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Bernardino Graña, Xosé Luís Franco Grande, Salvador García Bodaño e Xosé Luís Méndez Ferrín. DIRECCIÓNS POÉTICAS: Cultivaron diferentes poéticas, comezando pola “Escola da Tebra” caracterizada pola anguria do existencialismo e inaugurada cos poemarios de Manuel María, “Muiñeiro de brétemas” (1950) e Manuel Cuña Novás, “Fabulario Novo” (1950). Segue o “realismo coloquial” a través de “Documentos personaes” (1958) de Manuel María. A terceira tendencia, presidida pola influencia de “Longa noite de pedra” é o socialrealismo dos anos 60, con temáticas recorrentes sobre a emigración, a reivindicación patriótica, antiimperialismo, etc. O “paisaxismo” é outra estética que emerxe con forza en “Os eidos” (1955) de Uxío Novoneyra, identificado coas terras do Courel ou en “Terra Chá” (1954) de Manuel María. Estas liñas poéticas aparecen interrelacionadas nas obras destes poetas, aparecendo tamén o intimismo, culturalismo e clasicismo. MÉNDEZ FERRÍN, Xosé Luís: Inicia os estudios universitarios en Santiago de Compostela, onde entra en contacto co galeguismo (Editorial Galaxia e Ramón Piñeiro). En 1957 publica o seu primeiro libro de poemas, “Voce na néboa”, escrito na liña da poesía existencialista característica da época. Continúa os estudios en Madrid, onde funda o Grupo "Brais Pinto”. O compromiso nacionalista radical constitúe un eixe básico na súa obra. En 1976 ten lugar a aparición do poemario “Con pólvora e magnolias”, título decisivo na evolución da poesía galega do momento e que colaborou na abertura temática e de linguaxe que caracteriza á producción lírica dos 80. Neste libro, Ferrín concilia a orientación combativa e de denuncia política cunha escrita coidadosa, renovadora, aberta á manifestación da intimidade e de ricas referencias culturalistas, propondo unha superación da liña estética da poesía social-realista. “O fin dun canto”, é a súa última entrega poética. A súa obra abrangue a poesía, o relato curto, a novela, a crítica literaria e o teatro. A unidade de toda a súa obra vén dada polo seguimento dunha liña cultista, universalista e nacionalista. Ferrín recolle a apertura a Europa e ó mundo, da nosa lit. medieval e da obra do Grupo Nós. A súa persoal forma de escribir está cargada de símbolos e temas que se repiten. Así, motivos como a opresión e a liberación; a fugacidade do tempo e a nostalxia; o desamor e o amor ou a soidade e a solidariedade. Outros poetas importantes desta etapa son: Xohana Torres, poeta intimista e paisaxística (“Estacións ao mar”); Bernardino Graña que fai un canto ó mar en “Profecía do mar”; Avilés de Taramancos, poeta marcado pola experiencia americana e a visión mítica de Galicia (“Cantos caucanos”, “Última fuxida a Harar”) ou Arcadio López Casanova, autor dunha obra clave na renovación poética galega, “Mesteres”.

ANÁLISE DE TEXTOS: algunhas consideracións.

 

REFLEXIÓNS SOBRE A ANÁLISE DE TEXTOS

O Bloque 1 da proba de Selectividade de Lingua e literatura galega céntrase na análise de textos den­de o punto de vista do seu contido. Neste apartado formúlanselle ao alumnado cuestións relacionadas coas ideas que o texto quere transmitir, o tema que trata, o resumo do seu contido, a estrutura do texto e o títu­lo. Ademais, unha segunda cuestión, na que o alumnado debe demostrar a súa madurez intelectual a través do xuízo crítico do texto ou dalgún aspecto sobranceiro deste.

Deseguido procederemos a analizar todos os apartados que se tratan neste bloque, procurando ache­gar as pautas necesarias para a resolución destas cuestións.

1. O esquema de ideas

Os textos articúlanse a partir dunha idea ou ideas sobranceiras que son abordadas polo autor e que pretende facer chegar ao destinatario das súas palabras. Estas ideas poden ser, segundo a súa importancia, principais ou secundarias e formarán o esqueleto argumental do texto.

Un método que se pode seguir para descubrir as ideas do texto consiste en subliñalas e redactalas na marxe. Unha vez localizadas cómpre establecer a xerarquización destas ideas tendo en conta a súa impor­tancia e tratamento no texto.

Para a súa correcta formulación debemos elaborar o esquema sen chaves, empregando un esquema numerado ou ben con guións, diferenciando neste caso claramente as ideas principais das secundarias. Non se pode cometer o erro de establecer moitas ideas con excesivas subdivisións. O esquema de ideas ben elaborado debe permitimos captar cunha soa ollada o fundamental que nos quere transmitir o texto.

Concluíndo, o esquema de ideas debe partir dunha correcta selección e ordenación. Debe estar redacta­do con frases curtas, claras e significativas seguindo unha unidade de dirección e visualización.

2. O resumo

Supón a selección do máis importante do texto, ou ben unha síntese do fundamental.

       Para elaborar un resumo correcto dun texto debemos ter moi claro o seu significado preciso, isto é, o

que nos quere transmitir. Feito isto debemos distinguir os puntos centrais e tratar de sinalar o esencial. Un bo resumo é aquel que presenta fielmente o contido do texto.

A redacción correcta do resumo implica que sexa breve, preciso e claro; debe estar elaborado coas nosas propias palabras e recollendo o sentido esencial do texto.

3. O título

É unha palabra, frase ou cláusula que dá a coñecer a denominación dun libro, capítulo, artigo, poema... A elección do título debe ter en conta as seguintes motivacións: anticipar os contidos do texto, insi­nuar a idea central, dar relevo a un personaxe ou situación ou intrigar ao lector. Este apartado é moi importante posto que vai condicionar o lector para que continúe coa lectura, por iso hai que tratar de ser orixinais na súa elaboración.

A redacción do título debe manter as seguintes características: ser breve (non pode pasar das oito palabras), evitar o emprego de verbos (podemos empregar puntos suspensivos ou unha frase nominal cun verbo elidido) e estar relacionado co tema do texto.

4. O tema

       É unha frase que sintetiza e engloba todo o texto, ou sexa, a exposición breve da idea central. É o cer­ne do fragmento, ou o que é o mesmo, a esencia do texto.

       Dous trazos fundamentais do tema son a claridade e a brevidade. Para fixar o tema debemos atopar a

palabra abstracta que sintetiza a intención primeira do autor.

       Cando redactamos o tema debemos evitar a enunciación de exemplos ou de elementos complementarios do texto. Así pois, o tema debe recoller o fundamental do texto.

       Para elaborar o tema debemos reducir á mínima expresión os elementos que resumen o contido do

texto.

Unha pauta á hora de elaborar un tema pode ser sintetizar o propio resumo en seis ou sete palabras seguindo a fórmula: «substantivo abstracto + complementos». Un bo título debe ser conciso, claro e con­creto.

5. A estrutura do texto

       Cando un escritor desenvolve un tema calquera debe presentalo a través dunha serie de ideas perfectamente estruturadas. Dependendo dos tipos de textos podemos establecer tamén diferentes estruturas.

       Normalmente os textos de tipo narrativo adoitan estruturarse en tres apartados claramente definidos:

1. Introdución: preséntanse os personaxes, os espazos e o tempo, ademais de establecerse o conflito.

2. Desenvolvemento: desenvólvese o conflito entre os diferentes personaxes.

3. Desenlace: prodúcese a resolución definitiva do conflito.

No caso dos textos argumentativos ou expositivos o texto debe articularse tendo en conta o desenvol­vemento que se produce do tema. Podemos atopar argumentacións ou exposicións nas que o autor nos presente primeiro a tese ou idea central do texto, para a continuación, con exemplos ou testemuñas autori­zadas, reafirmar a idea formulada. Outra posibilidade é a contraria, primeiro presentar os exemplos ou argumentos de autoridade para rematar coa formulación da tese.

En fragmentos nos que se desenvolven varias ideas pódese seguir calquera das dúas estruturas ante­riores ou ben as dúas combinadas.

6. O comentario crítico

Consiste en elaborar unha exposición na que debemos asentir, disentir ou matizar o contido do frag­mento proposto. Débese analizar o grao de precisión do autor na exposición do tema que se analiza e finalmente o grao de obxectividade ou subxectividade no tratamento que se fai do tema exposto.

O comentario crítico non debe ser nunca unha paráfrase, non debe tampouco empregar o texto como pretexto para análise nin ser un simple inventario das ideas que se presentan. É moi importante non ser polémico s nin agresivos na crítica do texto e si ser argumentativos no momento de facer o comentario.

Esta análise crítica debe redactarse coherentemente, cunha expresión fluída e ben estruturada, evitan­do a reiteración de ideas e a falta de estruturación na exposición. Debe buscarse un estilo coidado na expresión e abordar de forma persoal a crítica da idea ou ideas que trata de transmitir o autor.

Excursión Cornixa Cantábrica, Andorra e Salou

Pirineos

Os alumnos de 4º visitaron este curso todo o norte da Península e parte do extranxeiro. Foron oito días que deron para moito e aquí poderás atopar unha pequena mostra de todo o que viviron nesta fantástica viaxe.

Visita a Illa de Cortegada

Se queres ver as imaxes das visitas a nosa illa veciña:

- Visita de 2º ESO C

- Visita de 1º ESO C 

Os maios en Carril

Se queres ver as imaxes do día dos maios no instituto fai click aquí.

Se queres ver as imaxes do día dos maios no parque Miguel Hernández fai click aquí.

Se queres ver os videos do día dos maios no insti fai click aquí.

Bacharelato Artístico 09

Xa temos as imaxes da exposición, se queres ver as nosas "obras de arte"  fai clic aquí:

Distribuir contido


by Dr. Radut