Skip to Content

ANTÍA YÁÑEZ VISÍTANOS DE NOVO

ANTÍA YÁÑEZ VISÍTANOS DE NOVO

O pasado un de xuño, martes, tivemos connosco de novo a escritora Antía Yáñez, que se achegou ao noso centro para ofrecer unha charla ao alumnado de 3º ESO, lectores da súa obra Be water, unha distopía sobre un mundo no que a auga escasea e a sociedade está organizada en estamentos pechados que pivotan arredor deste elemento. Os máis poderosos poden facer uso deste ben ao seu antollo, mentres que os que menos teñen, posúen unha pequena cantidade racionada.

Como noutras distopías, trazos de sociedades antigas fan a súa presenza, como a división social en estamentos, segundo a propia Antía comentou, moi parecidos á medieval, cunha gran base social que sustenta os de arriba, os privilexiados.

O noso alumnado estivo moi atento á explicación da autora, enxeñeira de camiños de profesión, sobre a situación da auga no mundo actual. Amosounos moi graficamente con mapas como o acceso á auga é desigual segundo o continente ou mesmo o país no que se habite.

Ademais, tamén nos falaou da diferenza da necesidade de auga que temos por sexos. Así, un home necesita dous litros e medio de auga ao día, mentres que unha muller necesita dous litros (medio litro máis se está embarazada).

A partir desta diferenza, Antía Yáñez, fíxonos ver a necesidade da perspectiva de xénero, perspectiva que dirixe as súas obras.

En Be water a protagonista é unha moza, Iolanda, que loita por sobrevivir nese mundo distópico, e a súa antagonista, a poderosa Hera, é tamén unha figura feminina.

A autora amosou exemplos de como na nosa sociedade a realidade feminina aparece oculta (os anuncios de compresas amosan un mundo idealizado onde a menstruación aparece representada en cor azul), ou como se nos dirixe xa dende nenos cara a certas preferencias (xoguetes para nenas e xoguetes para nenos). Malia que cada día estes tópicos están a romperse, aínda perduran.

Esta interesante charla concluíu coas preguntas do noso alumnado. Querían saber, entre outras cousas, por que o título de Be water, e Antía contounos como lle puxo ese nome, por casualidade, ao presentar o relato a un concurso literario.

Transcorreu a hora sen pausa e chegou a fin da charla. Antía asinounos un libro para a Biblioteca do centro e tamén os que o alumnado lle achegou que dedicou amablemente.

 

Grazas, Antía, pola túa obra e a túa presenza no IES Leliadoura!!

 

 

 

 

 



image | by Dr. Radut