Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

O 30 de xaneiro, celebramos o Día da Non Violencia e da Paz con motivo do aniversario da morte de Mathama Gandhi (India, 1869-1948), avogado, político e activista do movemento da independencia da India e líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte a inxustiza e que foi asesinado por defender estas ideas.

“Non hai camiño para a paz: a paz é o camiño”. Mahatma Gandhi.


Cada 30 de xaneiro lembramos a importancia de vivir nun mundo en paz, un dereito da infancia e de toda a humanidade. A educación na tolerancia, a solidariedade, a concordia e o respecto aos Dereitos Humanos, á non-violencia e a paz son motivos para recordar este día.

Dende o IES Parga Pondal sumámonos á celebración deste día con diferentes actividades para concienciar ao noso alumnado da importancia da paz e dos valores do respecto, a tolerancia e a empatía.

Así gravamos un podcast na nosa radio escolar, Rebolondas no que participaron Xosé Cameán, Lara Rabuñal e Alba Varela (4º ESO) e Lara Sestayo (2º Bacharelato). Neste audio podemos escoitar un decálogo para construír un mundo mellor e un manifesto por unha cultura da paz e da non violencia.

 

Ademais no panel verde da entrada fíxose unha exposición cunha selección de poemas e imaxes alusivas á Paz no que participou alumnado de 1º ESO: Julia García, Alberto Calleja, Xiana Barbeira, Andrea Muñiz, Julia Pose, Brais Pensado, Hugo Aldea e Nerea Bardanca. E tamén un poster feito por Lola Amigo de 2ºESO.

 

Agradecemos a colaboración de todo o alumnado participante nestas actividades.

E lembrade que tod@s podemos contribuír a erradicar diferentes tipos de violencia e convivir nunha cultura da paz!