Skip to Content

Plan proxecta, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si

Plan Proxecta: Por 365 días de respecto e igualdade

Con motivo do 25 de novembro comezamos a traballar na aula a temática da violencia de xénero.

Iniciamos a actividade preguntándolle ao alumnado que entendía por violencia de xénero, que mostras de violencia eran capaces de identificar e que era para eles o termo “micromachismo”. Estableceuse un debate moi interesante e concluímos, como di Sofía Riveiro, que de micro nada.  Tamén nos permitiu adiantar algúns descubrir que entre os adolescente existe moito “amor romántico” xa que toman como normais determinadas condutas machistas, como son o control de redes sociais ou os celos.

A continuación partimos da Historia de Pepe y Pepa de Carme Ruíz Repullo, elaboramos diferentes chanzos cunha mostra diferente de violencia para que o alumnado de todos os grupos da ESO (1º, 2º, 3º e 4º), en pequenos grupos de 4 persoas debatesen se todos os chanzos facían alusión a diferentes mostras de violencia ou non e os colocasen de menor a maior intensidade de violencia. Alén disto, partindo do Emocionario de Palabras Aladas, tamén elaboramos, con diferentes folios de cores, nubes co nome das emocións e unha breve explicación sobre cada emoción co obxectivo de que o alumnado reflexionase e debatese sobre o tipo de emocións pensaba que a persoa maltratada se podía estar identificando.

O resultado foi moi satisfactorio xa que os argumentos que se escoitaron nas 4 sesións nas que dividimos a actividade, foron, realmente interesantes, xa que en por si, chegaron á conclusión de que todos os chanzos reflectían mostras violentas de amor e que as emocións que podían estar sentindo as persoas maltratadas eran todas negativas ou moi negativas.

Na última sesión visualizamos a Historia de Pepe y Pepa de Carme Ruíz Repullo, onde confirmaron os seus argumentos.

Dentro deste Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade temos solicitado e concedido diferentes charlas e actividades, que, polo de agora, temos confirmadas as seguintes:

  • EXPOSICIÓN “CARTAS DE AMOR” que teremos a sorte de contar con ela entre o 7 e o 26 de febreiro de 2020.
  • Charla informativa sobre AGRESIÓNS SEXUAIS E VIOLENCIA SEXUAL que levaremos a cabo o 17 de febreiro á que asistirán 3º e 4º ESO.
  • Charla sobre o TRATAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE E NOS MEDIOS DE AUDIOVISUAIS na que participará o alumnado de 2º e 3º ESO o vindeiro día 9 de marzo pola mañá e pola tarde, todos os grupos da ESO (1º, 2º, 3º e 4º) asistiremos á fantástica representación do espectáculo teatral “Golpes” con Estíbaliz Veiga.
  • Unha Charla de sensibilización “A NOVA ESCRAVITUDE DO SÉCULO XXI: TRATA DE SERES HUMANOS CON FINS DE EXPLOTACIÓN SEXUAL, OUTRA FORMA DE VIOLENCIA DE XÉNERO” na que participará todo o alumnado do instituto o vindeiro día 14 de abril.
  • Ademais temos outro obradoiro sobre “VIOLENCIA DE XÉNERO E O OVO CONTEXTO DIXITAL”, pendente de datar.

Irémosvos contando que sucede en cada unha das charlas.

Plan proxecta: peza teatral "Golpes"

Nesta ocasión o Salón de Actos do Concello de Xove foi o esceanario sobre o que a actriz galega Estíbaliz Veiga representou a peza de teatro GOLPES para todo o alumnado do noso IES. Esta actividade encádrase dentro do Plan Proxecta 2019-2020: Por 365 días de respecto e igualdade, subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Estíbaliz Veiga, baixo a dirección de Xosé Leis e da produtora aANTENA,  somérxese no papel de Pamela, unha moza que recibiu moitos “golpes”, na súa relación de parella, pero a “labazada” máis forte foi verse a si mesma mudada noutra persoa, por iso quere compartir as súas experiencias vitais, para que ningunha outra muller pase por unha situación semellante.

Con esta representación teatral o que se pretende é visibilizar diferentes situacións de desigualdade que se dan a diario e concienciar a toda a sociedade, mais dun xeito especial á mocidade, na prevención da violencia de xénero.

Deixámosvos algunhas fotografías de distintos momentos da extraordinaria representación.

 

Plan proxecta: Día Internacional da Muller

Aproveitando que o día 8 de marzo se conmemora o Día Internacional da Muller, organizamos dúas actividades o día 09 de marzo dentro do Plan Proxecta 2019-2020: Por 365 días de respecto e igualdade e subvencionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

A primeira delas foi unha charla sobre o tratamento da violencia de xénero na publicidade e nos medios audiovisuais e a segunda, a representación teatral Golpes.

No que respecta á charla, impartida por Ánxeles Gómez, sobre o tratamento da violencia de xénero na publicidade e nos medios audiovisuais, o alumnado de 2º e 3º ESO tivo ocasión de analizar polo miúdo diferentes anuncios publicitarios para miralos e observalos dende unha óptica violeta, discriminando aqueles que dunha maneira ou doutra cousifican o corpo das mulleres e, polo tanto, se lles dá un tratamento violento. Por suposto, tamén se analizaron outros slogans e propaganda non machista para detectar as diferenzas entre uns e outros.

Deixámosvos algunhas fotografías de distintos momentos da charla.

 

Plan proxecta - 365 días de respecto e igualdade

O alumnado de 1º e 2º estivo traballando a violencia de xénero a partir da escaleira da violencia baseada na Historia de Pepe y Pepa de Carmen Ruíz Repullo poñéndoa en relacións con distintas emocións.

Para iso elaboramos unhas fichas en forma de pensamento-nube onde aparecía unha emoción coa súa breve definición, tirada do Emocionario de Palabras Aladas. Por outra banda, tiñan diferentes chanzos de distintas mostras de violencia de xénero.

O alumnado, disposto en grupos de catro/cinco persoas, tiña que decidir se todos os chanzos constituían mostras de violencia machista e posteriormente ordenalas de menor a maior intensidade de violencia. Ademais, a cada chanzo adxudicábanlle unha emoción.

Este pequeno xogo permitiunos reflexionar sobre os chamados “micromachismos” e fundamentalmente sobre as diferentes emocións que podían sentir as mulleres ao seren maltratadas. O alumnado decatouse de que todas as emocións que ían emparellando eran negativas.

Por último, visionamos o vídeo de Carmen Ruíz Repullo e comentamos e debatemos o seu contido.

A actividade resultou francamente interesante, xa que nos deu para debater, falar, reflexionar e consensuar distintas prespectivas mostradas polo alumnado.

Seguimos educando en igualdade!!!

Exposición "Cartas de amor"

Dentro do Plan Proxecta 2019-2020, Por 365 días de respecto e igualdade a contamos no noso centro coa exposición Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero. Permanecerá no centro ata o vindeiro 26 de febreiro de 2020.

Trátase de 15 marabillosos cadros que nos convidan a reflexionar sobre diferentes situacións ou momentos violentos nas relacións de parellas entre adolescentes e que, en ocasións, damos como normalizadas, cando, en realidade, estamos ante mostras de control cara á muller, así pois preténdese sensibilizar a poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, a eliminala.

Esta exposición está aberta ao público en xeral, mais dun xeito especial, dende o centro, queremos convidar a toda a comunidade educativa a visitala e compartir con nós as súas reflexións.

Charla informativa sobre agresións e violencia sexual

Onte luns, día 17 de febreiro, o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu a unha charla informativa sobre Agresións e violencia sexual impartida por Angélica Mercado e promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade dentro do Plan Proxecta 2019-2020: Por 365 días de respecto e igualdade.

Angélica Mercado, especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de igualdade falounos polo miúdo sobre como identificar actuacións que poden ser consideradas como situacións de agresión e violencia sexual e, ao mesmo tempo, ensinounos estratexias que nos poden axudar a detectar todas estas situacións que van en contra da nosa integridade afectiva-sexual. Alén disto tamén nos deu algunhas claves para aprender a dicir NON e a aceptar ese NON, facendo especial fincapé en que o consentimento ha de ser libre, afirmativo, específico, consensuado e reversible.

Deixámosvos algunhas fotografías de distintos momentos da charla.

Distribuir contido


by Dr. Radut