Skip to Content

Guías Prácticas Fontexería
Curso de Galego
Bolsa de Emprego Fontexería

 

Servidor Abalar do centro

Recursos Didácticos

Atención a pendentes

 

Lecturas complementarias do Departamento de Filosofía

Cada curso a proposta de lecturas vaise modificando, xa incorporando algunha nova, xa descolgando outras que consideramos pouco apropiadas para ilustrar e complementar os contidos que desenvolvemos distinto niveis e cursos. Todas as que figuran neste listado son recomendables e o alumnado decide voluntariamente achegarse a elas, pois entendemos que o hábito de ler non se estimula forzando ou obrigando, senón seducindo e provocando o rebelde cerebro dos adolescentes. Iso si , aqueles que deciden ler algunha obra, e despois de facer unha interpretación ou comentario da lectura (para todos os libros dispoñemos dunha ficha de traballo orientadora), compensaráselle proporcionalmente na nota final da materia correspondente; é de xustiza. O outro criterio que nos guía na escolma de libros é a calidade literaria dos mesmos, procurando que sexan clásicos da literatura universal, fuxindo de fragosos ensaios temáticos; e asemade temos presente que as obras sexan doadamente localizables en calquera librería ou biblioteca do seu entorno, e por suposto, de todas elas hai cando menos algún exemplar na magnifica biblioteca do centro.

HISTORIA DA FILOSOFÍA DE 2º DE BACHARELATO

Apoloxia de Sócrates, Timeo, O banquete, Fedón, Fedro, son as obras de Platón que se recomendan, porque consideramos que son máis asequibles e fáciles que outras que teñen máis sustancia filosófica pero incrementan a súa dificultade. Ademais as temáticas que tratan son como máis próximas a mocidade: o amor , a inmortalidade da alma, a amistade, a xustiza, a sexualidade, a beleza, o mito da Atlántida e outros interesantes, etc.

Para contextualizar e introducirnos no medievo, na vida monástica, nas sútiles e latentes rivalidades relixiosas, no ambiente cultural da escolástica, na vida cotiá, na ameaza das herexías, na paixón agochada baixo os hábitos dos monxes, etc., propoñemos dous clásicos que nos mergullan nese inquietante e misterioso mundo, incluso en clave detectivesca ó gusto moderno: O nome da rosa de Umberto Eco e A romaría de Xelmirez, do polígrafo Otero Pedrayo.Tamén para adentrarnos xa no final da Idade Media, e no Renacemento peninsular consideramos que a estupenda novela El hereje  de Miguel Delibes, transmítenos esa atmosfera abafante do control relixioso encarnado na temible institución da Inquisición, que vela por manter a ortodoxia dogmática, non só en materia relixiosa, senón tamén cultural e ata nos asuntos económicos e domésticos das xentes. Cunha temática parecida e ambientada tamén neste tránsito do medievo á modernidade, cunha linguaxe fantástica e barroca, aconsellamos tamén a lectura da extraordinaria Memorial do convento de J. Saramago.

Cando chegamos á Modernidade e Ilustración expoñendo os contidos do programa filosófico, aconsellamos a magnífica novela de Teresa Moure Herba moura que en clave feminina e a traveso da raíña Cristina de Suecia achegámonos ao contexto e á figura de R. Descartes, un proxecto moi atrevido e ben finalizado o desta escritora galega. Tamén  consideramos que a refrescante lectura de Voltaire é un estímulo, ademais de servir de curiosidade, pois en moitos temas que trata o ilustrado francés resultan sorprendentemente modernos 250 anos despois. Seleccionamos como sempre obras breves e asumibles: Cándido; e unha recompilación de máximas e aforismos recollidos polo seu admirador Fernado Savater co título de Sarcasmos y agudezas.

Terminando, reservamos o suxerinte e polémico Nietzsche, que ano tras ano logra “enganchar” aos alumnos/as máis inquedos, que polo menos perante o  verán seguinte ao curso de filosofía exercen de furibundos e vitalistas nietzschianos. Os textos máis “dinamiteiros” do alemán son: O anticristo, O crepúsculo dos ídolos, e Ecce homo.

Unha vez rematado o curso(inda que no seu transcurso tamén é apropiado) xa se lles propón, se non quedaron saturados, a clásica novela que intenta historiar toda a filosofía desde os gregos ata o século XX, do sueco Jostein Gaarder, O mundo de Sofía; cando menos para que se aproveiten os 8 exemplares que deste libro temos na biblioteca.

1º DE BACHARELATO

Polo que respecta ao nivel de 1º de BACHARELATO, tanto para materia de Filosofía e Cidadanía como para a optativa de Antropoloxía a oferta é moi variada e longa. Propoñemos desde clásicos literarios que teñan certa proximidade temática cos contidos desenrolados nas materias, como ensaios de doada lectura que pretenden ser introducións aos asuntos propios do temario. Non é un listado pechado, no senso de que se actualiza e amplía cada ano, e no que tamén se permite ao alumnado elixir algún outro que non figure entre os propostos, sempre que teña afinidade ou ilustre os contidos dalgún tema. Por suposto para todos eles dispoñemos no Departamento da correspondente ficha-guión para realizar a posteriori un bo comentario e análise da obra, que computará positivamente na  nota final dese alumno/a para esa materia. A ficha de lectura incide nos temas, no tratamento dos mesmos e nas implicacións de carácter filosófico principalmente, e demanda reflexións dese tipo ao alumnado; case nunca se refire aos aspectos creativos ou literarios dos libros. No curso 2009-10 aconsellamos os seguintes:

Alvaro Cunqueiro, Os outros feirantes, Xente de aquí e de acolá, Tesouros novos e vellos. Son obriñas adecuadas para achegarnos, en clave de humor fantástico, ao “ser galego”, por suposto máis entretidos que os sisudos tratados de antropoloxía ou etnografía galaicos.

Eric Frhom, O medo á liberdade; clásico da filosofía moderna, no que describe o temor que moitas persoas teñen de asumir ese dereito e responsabilidade de tomar decisións por un mesmo, de ser autónomos e con carácter; e o risco de ser capturado por ideoloxías relixiosas, políticas ou económicas de tipo fundamentalistas, se non exerces esa responsabilidade individual. Bo libro par fortalecer a personalidade, especialmente axeitado para adolescentes.

Miguel Delibes, El disputado voto del señor Cayo. A resistencia da vella sabedoría rural, sosegada e retranqueira fronte as presas, a superficialidade e o interese dos novos urrbanitas que queren impoñer un estilo de vida uniforme, sen matices. De contido político no contexto da transición española, pero moito máis. Entrañable.

Xaquín Lourenzo, o etnógrafo da xeración Nós publicou bos ensaios de antropoloxía galega, pero actualmente xa se consideran desfasados porque as costumes, oficios e tradicións que analiza están en desuso ou desapareceron. O mar e os ríos e Os oficios, teñen un valor patrimonial e histórico así como reforzador do feito cultural diferencial do Noroeste.

Xosé R. Mariño Ferro, tamén no ámbito antropolóxico escribe interesantes obras de divulgación, asumibles e sen complicacións terminolóxicas nin metodolóxicas. Calquera alumno sen coñecementos específicos as pode seguir e interpretar. Propoñemos Autobiografía dun labrego e Lobos, lobas e lobishomes.

Tuiavii de Tiavea, o xefe samoano que nos anos 20 do século pasado visitou algúns países europeos por primeira vez, quedou pampo do que vía e de como se comportaban os occidentais, aos que chama  “papalagis”.Curioso relato no que agora os “outros” somos nós, como se nos observara un antropólogo que fai “traballo de campo” na nosa civilización. O libro titulase Os papalagi e ten un punto irónico.

William Golding, escribiu o clásico O señor das moscas, sobre as adversidades e conflitos do poder e a organización social representados metaforicamente nun feixe de adolescentes náufragos nunha illa apartada da civilización. Que suxerinte segue sendo esta novela para analizar hipotéticas relacións persoais ante a falta de leis e regras sociais.

Novamente o mestre J. Saramago ca recente novela  A caverna, un título platónico sen disfrazo; sendo agora esta caverna non un lúgubre sitio senón o rechamante e fosforescente centro comercial sen fiestras. A cultura tradicional, familiar e artesanal, engulida pola tecnoloxía ao servizo do mercado. Que ollo máis incisivo e humano ten o escritor portugués.

Outro clásico universal é As viaxes de Gulliver de Joanathan Swift, da que podemos facer interpretacións  políticas deses estraños reinos aos que o levan o azar, ademais de reflexionar sobre costumes e culturas tan diferentes, inda que distorsionadas e ridiculizadas. A tradución editada en galego é do noso compañeiro Manolo Sendón.
Antonio Fraguas tamén publicou un breve libriño sobre as lendas máis tradicionais e misteriosas de Galicia, que por certo é un superventas entre os turistas que nos visitan no verán; Co acaido título de A Galicia insólita, xa escusamos dicir mais.

O escritor francés Michel Tournier escribe unha revisión irónica e crítica sobre o mito e a novela de Robinsón Crusoe, Venres ou a vida salvaxe, na que se plantexa un papel máis protagonista do nativo Venres, o choque de dúas culturas, dúas formas de vida, dous caracteres forxados en civilizacións tan distantes….e a necesidade de sobrevivir e entenderse. Da moito que pensar, e cuestiona o etnocentrismo e a prepotencia occidental.

Tamén incluímos no listado a arquicoñecida aventura de Robinson Crusoe do Daniel Defoe, no que a fortaleza psicolóxica do protagonista se pon a proba xunto ca resistencia física. Exemplo ficticio de como a soidade pode arruinar á persoa e como nos medramos ante as adversidades. Atopar a Venres foi o mellor que lle puido pasar, inda que o trata cunha mentalidade colonialista. A liberdade non serve de nada se non se comparte. Moitos temas para a reflexión filosófica.

“O saber sí é comunicable pero a sabedoría non” di o protagonista de Siddhartha, a noveliña de Herman Hesse, que tamén resulta moi apropiada para estas idades. Noutra pasaxe contrapón o amor ao mundo fronte á explicación do mundo que fan os filósofos; isto si que é fondura filosófica. Moi orientalista e unha fascinante viaxe literaria e interior de maduración.

Do antropólogo norteamericano Marvin Harris, ameno divulgador desta disciplina incluímos Bueno para comer, que recolle tradicións, prácticas e rituais que xiran ao redor da comida en diversas culturas, con algunhas curiosidades que nos sorprenden e anécdotas inesquecibles nas costumes gastronómicas do mundo. Non apto para escrupulosos ou finos de padal. O outro xa é todo un referente da antropoloxía cultural moderna, Vacas, cerdos, guerras y brujas, no que dun xeito clariño e entretido desenmascara algúns enigmas culturais e tópicos asentados no saber popular sobre certos ritos nacionais ou relixiosos como a suposta condición de “sagradas” das vacas na India, entre outros. Moi recomendable para aqueles que non se conforman cas crenzas mais bobas e superficiais sobro os estereotipos culturais.

Sería imperdoable que neste listado faltasen os dous libros bandeira deste departamento desde fai unhas décadas: as Ética para Amador e Política para Amador ámbolos de Fernádo Savater. Escritos e pensados para lectores dunha idade concreta, afronta os sobados temas desas disciplinas dun xeito desenfadado, próximo e cheos de exemplos que ilustran moi ben as cuestións máis teóricas. Moi bo escritor, solto e con variados recursos e migas de inxenio que facilitan moito a divulgación de temas que de primeiras fanlle torcer o morro ás mozas e mozos cando se tratan na aula. Escribiu outros libros nesa liña e segue na gabia.

De Miguel de Unamuno, que transita polos lindeiros filosófico- existencialistas en case toda a súa obra literaria, destacamos as tres seguintes: San Manuel bueno, martir; Amor y pedagogía e Niebla. No transfundo de tramas literarias e salferindo a uns personaxes novelescos Don Migel toca grandes e fondos temas humanos como a morte, a liberdade, o sentido da existencia, a educación, o amor, a fe relixiosa, a dúbida…..; como ben di o autor, os seus personaxes son atípicos porque pensan, non son vulgares e rutineiros peizocos, senón máis ben individuos intentes, agónicos ou tráxicos. Que tamén os hai nas aulas, seica.

Outro do que recomendamos máis dunha obra é o grande escritor itliano Italo Calvino: O varón rampante e O vizconde demediado; as dúas pura fantasía sensorial e ilóxica, con extravagantes protagonistas que reaccionan desmesuradamente ante a disciplina, o tedio, as obrigas, o poder, a soidade, as convencións humanas máis absurdas…..E tamén podemos albiscar un optimismo e unha ledicia do vivir que son de agradecer, así como valores tan de actualidade como o ecoloxismo, a non violencia, a paz, a necesidade do diálogo,etc. Tamén se botan unhas risas con certas situacións que que se producen no remexido literario.

Un libro moi interesante e actual é o de Josep Martí, La cultura del cuerpo, no que reseña moitas curiosidades culturais de diferentes pobos sobre o uso e abuso do noso corpo, ben por cuestións netamente estéticas ou relixiosas, ou tradicionais, ou como paso á madurez, ou por puro pracer. Algunhas modificacións ou amputacións son rabiosamente condenables por crueis e perigosas(como a ablación) e outras tolerables porque son libremente elixidas(como as tatuaxes e escarificacións). En todo caso plantexasenos o irremediable dilema entre etnocentrismo e relativismo cultural como posicionamento.

De H.G.Wells consideremos que a terrorífica La isla del Dr. Moreau e a coñecida La gerra de los mundos, préstanse a unha lectura e interpretación ético-filosófica. Na primeira preguntámonos sobre os límites da  ciencia, ou mellor da investigación e resultados de certas ramas científicas como a xenética ou a biomedicina, de polémica actualidade e protagonismo asegurado no futuro. Entre os temas da segunda, aparte a metáfora da invasión extraterrestre que pode aludir a ameazas reais no noso contexto estratéxico-político, podemos analizar a conduta histérica das masas en desbandada, e as consecuencias do berro:”¡sálvese que poida!” ante o que nos esquecemos da solidariedade,da xustiza e de toda moralidade. Dan moito debate; e ademais as dúas teñen versión cinematográfica.

Un mundo feliz de Aldous Huxley é outro clásico que ilustra temas do noso programa, especialmente a utilización dos avances teno-científicos, a selección xenética, o condicionamento psicolóxico,o ilusorio confort das sociedades informatizadas, as xerarquías sociais ríxidas, o consumismo, etc. En fin unha”bomba” de libro que non perde actualidade; profético e inquietante.

De F. Kafka traballamos con dúas obras que reflicten esa atmosfera surrealista e absurda, pero, por outra beira, real de máis: O castillo e O proceso. Abafante realidade, burocracia insoportable,  angustia do individuo ante o poder, submisión e obediencia que tampouco garantiran o éxito dos teus propósitos, a xustiza disfrazada de entroido,…..un mundo que encrequena ás persoas e a súa dignidade. Debatemos se a realidade supera en moreas os disparates máis fantasiosos que a literatura ten creado.

Outra profecía , esta de carácter económica-política, foi o Manifesto comunista de K.Marx e F. Engels, unha obriña de pouca extensión pero de enorme incidencia, cando menos na ideoloxización de varias xeracións. Moi simple no tratamento dos temas e nas profecías revolucionarias pero moi axeitada para que a mocidade se achegue a este estandarte do cambio socioeconómico contemporáneo que foi o marxismo.

Unha entretida e graciosa autobiografía dun recen licenciado en etnografía que de súpeto ten que mudarse a Africa para desenrolar un “traballo de campo”, e adaptarse á vida no poboado, lonxe das comodidades urbanitas, tan diferente dos libros que estudou, é a que expresou Nigel Barley no El antropólogo inocente. Moi apropiada lectura para quen ten curiosidade por outras formas de vida, outras culturas, ou simplemente lle gusta a antropoloxía. Foi todo un éxito de ventas.

O extraño caso do Dr.Jekill e Mr. Hyde, de R. L. Stevenson  no podía faltar nesta escolma. O asunto do conflito psicolóxico interior, da dobre personalidade, da rixidez moral , dos riscos derivados da investigación científica novamente, da amistade,….temas universais nesta universal historia, deste universal escritor. Das que máis elixen e gustan aos alumnos/as.

Non pode faltar tampouco o Frankenstein de M. Shelley, que non é o mesmo nas distintas versións cinematográficas que no relato, cheo de matices e disertacións do doutor sobre o proxecto que pretende e o resultado do experimento. Apaixonante imaxinación a  da autora, e lúcida anticipación dos riscos dunha investigación científica egoísta e sen supervisión ningunha.

O xornalista catalán David Dusster, acaba de publicar un contundente libro sobre as novas prácticas económicas e laborais das multinacionais capitalistas en tempos da globalización: Esclavos modernos, un revelador título que denuncia as modernas explotacións económicas, a inxustiza dun sistema de produción que se ensaña nos sectores sociais máis indefensos dos países do terceiro mundo: os nenos e as mulleres. Non deixa indiferente.

Unha obriña do francés Roger-Pol Droit, La filosofía explicada a mi hija, pretende ser unha doce introdución a esta materia que moitos en primeira resposta recúan por difícil. Ao mellor hai que recorrer a este tipo de “portais”, máis sinxelos e menos pretensiosos, para achegar novas/os afeizoados á reflexión crítica. O risco é que de tanto “suavizar” os temas, acaben por terxiversarse ou ser irrecoñecibles. ¿ Que somos: expertos pescos que cebamos golosamente a cana ou espelidos peixes que eliximos bocados ó azar?

Do escritor inglés George Orwell, propoñemos as súas visións futuristas e metafóricas das sociedades humanas, que naqueles tempos de posguerra europea non se presentaban moi optimistas. Son sátiras críticas cobre a política e a ciencia ao seu servizo, que rezuman inquietude e hoxe inda se poden entender con certa complicidade (o autor foi o creador da figura do “Gran Irmán”): son A rebelión na granxa e 1984.

Un divulgador e estudoso dos aspectos naturais e instintivos do ser humano máis leido e citado é Desmond Morris; e a súa obra O mono nú, está considerada unha das grandes investigacións do século pasado. Cada capítulo é unha novidade sorprendente chea de curiosidades sobre esa familia de monos que “baixou” das ramas e agora ten elevados modais, pero ao que inda se lle aprecian maneiras primitivas. Unha lectura que axuda a coñecernos mellor. Como tamén os outros dous posteriores que seguen nesa liña de axustar contas ca nos parte máis física ou corporal, onde se agochan anos de represión, domesticación e sometemento aos patróns culturais. Os títulos son moi elocuentes: La mujer desnuda e El hombre desnudo.

E se queremos adentarnos no sorprendente ambiente dos primeiros homínidos en clave literaria, teríamos que desfrutar da magnífica colección que J.M. Anuel foi creando en varios tomos, dos que nós recomendamos o primeiro, O clan do oso cavernario, fantástica recreación do entorno dos homínidos no paleolítico, con moita aventura, intriga, desafío, e sentimento; co engadido aliciente de que a protagonista é unha moza de outra subespecie.

E agora unha lectura xa máis complexa inda que igual de intensa que calquera, O extranxeiro de Albert Camus. Unha vida anónima calquera  pode agochar un submundo de sentimentos, reflexións e comportamentos sorprendentes, que por veces fannos sentir estranxeiros ou estranos a nós de nós mesmos. Tamén toca o tema da xustiza rutineira, o absurdo da vida, as estúpidas convencións humanas,….este tipo de libros desacougan.

Para quen teña interese nas cousas xurídicas, especialmente nos temas que incumben aos delitos de adolescentes ou menores, e como os afrontan as institucións xurídicas e os seus responsables, tedes que consultar este estupendo e revelador libro do Xuíz de menores mais famoso do Estado español, Mis sentencias ejemplares, de Emilio Calatayud, cuxa fama veu dada polas orixinais penas e sancións que impuxo a algúns menores ondeados. Pero o libro é algo mais que unha ristra de casos anecdóticos, tamén é unha valiosa introdución sociolóxica e real ao mundo da delincuencia xuvenil e os medios para corrixila e a integración social correspondente. Nas aulas, e con lecturas deste tipo, tamén podemos contribuír a diminuír a delincuencia. Os libros como terapia. 



Iniciar sesión: Acceso
page | by Dr. Radut