ELABORACIÓN E PRESENTACIÓN DE TRABALLOS ESCRITOS

Normas, criterios e consellos para elaborar e presentar traballos escritos.

ESTRUTURA E ORGANIZACIÓN DA INFORMACIÓN

Como avaliar sitios web

Algúns criterios que se poden ter en conta para a avaliar a información procedente de Internet:

Autoría e autoridade:

A páxina ten un autor? Ese autor está cualificado? É un experto? Saber quen é o autor dunha web axúdanos a determinar a súa credibilidade e a calidade dos seus contidos.

O responsable dos contidos dun sitio web debe estar identificado (unha referencia á adscrición do autor a unha organización, unha breve información sobre o currículo académico ou profesional do responsable, unha dirección de correo electrónico para contactar ou verificar a lexitimidade do responsable da páxina, unha declaración de principios ou intencións sobre a finalidade dos contidos, algún tipo de logotipo que represente á institución,...

Os sitios web aloxados en servizos gratuítos adoitan ser menos fiables: non sabemos quen os creou e poden conter información incompleta (moitos destes sitios son creados como pasatempo ou diversión). Pero algúns deste tipo sitios conteñen algunha información útil, así que hai que analizalos.

Quen posúe o sitio web? Ten credenciais? Hai algunha forma de comunicarse con el? Son preferibles os sitios con autoridade: os sitios institucionais e os sitios oficiais de entidades ou organizacións coñecidas.

Obxectividade e calidade da información:

A información mostra algún tipo de nesgo ideolóxico, político ou comercial nos contidos?

Dise que un contido é obxectivo cando soamente busca informar e non trata de para que se pense dun xeito determinado, é dicir, que se inclina por ningún dos aspectos presentados.

En canto á calidade, evitar os sitios con faltas ortográficas.

Actualización e actualidade:

A páxina ten data de actualización? Cando foi a última vez que a actualizaron? Están actualizados os enlaces da páxina?

Débese ter en conta que hai temas que evolucionan moi rápido e quedan pronto anticuados.

Deseño:

Son máis relevantes as páxinas web que mostran un esforzo na calidade visual e funcional.

Valorar o aspecto e deseño do sitio, a homoxeneidade do estilo ou a axeitada elección de cores, tipografía e imaxes para a presentación dos contidos.

Accesibilidade:

Propiedade dos sitios web que supón a facilidade para acceder á información. Por exemplo: ter un deseño compatible con diversos navegadores, a posibilidade de imprimir correctamente os contidos do sitio, existencia dunha axuda sobre a estrutura e navegación do sitio, versións en varias linguas, ...