Skip to Content

A nosa historia

 

D. Fernando Blanco de Lema (Cee, 1796 - A Habana, 1875). Logo dunha infancia dura e difícil, marcada por varios acontecementos lutuosos e pola chegada das tropas de Napoleón, no contexto da Guerra da Independencia, á vila que o veu nacer, toma, no ano 1809, con tan só 13 anos, a máis complicada e traumática decisión da súa vida: deixar atrás todo o que amaba, quería e coñecía (nai, irmáns, veciños, vila, …), para tratar de buscar un futuro mellor, como tantos galegos e galegas, lonxe da terra.

D. Fernando Blanco de Lema (1796-1875)

D. Fernando Blanco de Lema (1796-1875)

Estableceuse na Habana (Cuba), e co paso dos anos converteuse nun reputado home de negocios, amasando unha considerable fortuna que, á hora de redactar as súas últimas vontades, no dubidou en destinala, en boa parte, á súa vila natal, co claro obxectivo de que as xeracións vindeiras non tiveran as carencias formativas que tiñan a maioría dos nenos e nenas do rural de finais do século XIX.

A cláusula décimo quinta do seu testamento establecía que “No teniendo herederos forzosos y pudiendo por consiguiente disponer de todos mis bienes, es mi última voluntad instituír fideicomisarios á D. Juan A. Baldonedo y D. Brígido Zavala, ya nombrados albaceas, para que con dichos bienes y sus productos, funden en mi pueblo natal y casa en que nací, un colegio de primera y segunda enseñanza, que se dará gratuita hasta donde alcancen los proventos de mi caudal ...”.

Esta cláusula cambiaría, e de que maneira, o devir da historia e da cultura da vila de Cee.

Historia educativa no I.E.S. Fernando Blanco de Cee

Dende a colocación da primeira pedra (2 de agosto de 1880) do futuro Instituto da Fundación Fernando Blanco (actual I.E.S. Fernando Blanco) ata que se inaugurou o esplendoroso centro educativo (2 de outubro de 1886), pasaron seis anos.

Así pois, no curso 1886-87 comeza o labor docente do establecemento, determinándose que durante este primeiro curso inauguraranse só, na segunda ensinanza, os dous primeiros anos. Así mesmo, na primeira ensinanza inaugúrase a escola de nenos e a de adultos. Ábrese tamén a carreira de náutica e os estudos de aplicación e adorno.

O cadro de persoal facultativo neste primeiro exercicio académico, no cal Dionisio Barreda era o Director, estaba formado por seis profesores, dous deles ocupando os postos de mestre e auxiliar de mestre na escola de nenos, mentres que os demais eran os encargados da segunda ensinanza, das materias de aplicación e adorno e da carreira de náutica.

Contaba tamén a Fundación con 12 empregados máis, nos postos de administrador, bedel, xefe de limpeza, mozos, capelán, carpinteiro, etc.

No seguinte curso, no 1887-88, as ensinanzas impartidas víronse incrementadas coa apertura da escola de nenas, a dominical de adultas, unha clase alterna de caligrafía, o preparatorio da carreira de comercio. Ademais, faise extensiva a clase de debuxo ás mulleres.

No curso 1888-89, o terceiro dende a apertura do Colexio-Instituto, impártese o terceiro curso da segunda ensinanza, unha clase diaria de música e comeza o primeiro curso de comercio.

Nos cursos 1889-90 e 1890-91 completouse a segunda ensinanza coas materias correspondentes ao 4º e 5º curso respectivamente.

Ningún cambio significativo hai que resaltar ata o curso de 1893-94, no que para dar cumprimento á Real Orde de 1 de setembro de 1893, créase a cátedra de ximnástica hixiénica (de carácter obrigatorio para os alumnos do primeiro ano de Bacharelato); e no 1894, no que para dar cumprimento á Real Orde do 16 de setembro (reforma Groizart), establécense dous períodos de estudos da segunda ensinanza: o de estudos xerais (catro anos), e o de estudos preparatorios para ciencias morais ou para ciencias físico-químicas (dous anos).

No curso 1895-96 fíxose a adaptación dos estudos ás esixencias do Real Decreto de 12 de xullo

 

Clase de Ximnástica Hixiénica no Instituto Fernando Blanco

Clase de Ximnástica Hixiénica no Instituto Fernando Blanco

 

e Reais Ordes de 17 de xullo e 5 de agosto de 1895, cos que se  volvía aos estudos de cinco cursos (Plan de 1880), engadindo agora as materias de debuxo e ximnasia, que aínda que serían voluntarias, terían un carácter práctico e non estarían sometidas a proba de curso. Destaca así mesmo a imposición da materia de relixión católica (a cal só sería obrigatoria para os que profesen a católico-apostólico-romana), e un exame de ingreso para os que pretenden acceder aos estudos de segunda ensinanza.

Precisamente foi o curso de 1895-96 un dos máis complicados para o Instituto da Fundación, e por extensión para o ensino de Cee e da comarca. Con motivo da guerra de Cuba víronse minguados os ingresos da Fundación, e os albaceas acordaron, en abril de 1896, a supresión da segunda ensinanza e da carreira de comercio (tamén se clausurou a farmacia, a cal abrira no curso de 1887-88, e que xa nunca máis volvería a funcionar). A pesares do “golpe” que supuxo a guerra para os intereses da Fundación “los Excmos. Sres. Albaceas, siempre atentos al engrandecimiento de la Fundación y á los beneficios que á esta villa reporta, acordaron, aún teniendo en cuenta el reducido capital de que anualmente disponen, sostener las Escuelas de Instrucción Primaria, las de Adultos, las asignaturas de Aplicación al Comercio, Historia Universal, de España, y las clases de Adorno”. (Memoria do curso de 1895-96).

Será no curso 1898-99, rematada a guerra, cando se restablezan os estudos de comercio, e haberá que esperar ao curso 1904-05 para que se retomen as ensinanzas de bacharelato, ante a insistencia e solicitude dos pais/nais de familia e autoridades de todo o partido xudicial.

Cabe sinalar que no 1923, por Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública, de 26 de setembro, a Fundación clasifícase como institución benéfico docente como resultado do expediente promovido polos patróns, os cales “no quisieron privar al Colegio de las ventajas que pueda reportar la clasificación oficial de esta institución que, puesta bajo la tutela del Estado, disfrutará de los beneficios que la Ley otorga a las demás”. (Memoria do curso 1923-24 e B.O.E de 2 de novembro de 1923).

Continúa a docencia durante os anos da guerra civil coas dificultades propias do momento e con continuos cambios no profesorado, cambios esixidos pola chamada a filas dalgúns deles. A guerra civil agudizou os problemas económicos da Fundación. As súas posesións e ingresos minguaran xa de forma alarmante, e quedaron reducidos aos intereses producidos por algúns pequenos investimentos. A pesares de todo continuaron as ensinanzas de Bacharelato dependentes da Fundación ata o ano 1959.

Mentres tanto, no 1953, os patróns da Fundación acordan ofrecer parte das instalacións do edificio para que a implantación “de un Instituto Laboral que proporcione las enseñanzas de esta clase, haciéndolas en todo momento compatibles con la labor docente de Primaria y Secundaria que la Fundación Fernando Blanco determina”. Con data 11 de xuño de 1954 concédese dita autorización.

Ata 1959 impartíronse simultaneamente no Instituto as ensinanzas de bacharelato (dependentes da Fundación), e as do Instituto Laboral (que dependía do Estado). Os conflitos xurdidos entre persoal da Fundación e do Instituto Laboral obrigan ao Ministerio de Educación e Ciencia á destitución dos últimos albaceas e ao nomeamento, con data 30 de decembro de 1959, dun Padroado Provisional que se encargará do goberno da Fundación, e que estará constituído polo Alcalde, Cura-Párroco e Xuíz de Paz do Concello de Cee.

Esta drástica determinación do M.E.C. significaba o final da actividade docente da Fundación, pero, ao mesmo tempo, asegurábase que o edificio continuaría dedicado ao ensino (agora  en mans do Estado).

O 4 de maio de 1961, o Padroado Provisional cede en usufruto o edificio do Instituto, con todas as súas pertenzas, ao Padroado de Ensinanza Media e Profesional, organismo dependente do Ministerio de Educación, a condición de que se dedique ao ensino e por un período renovable de 30 anos.

Ata o ano 1967 impártense ensinanzas de Bacharelato Laboral Elemental na especialidade Industrial-Mineira. Neste ano, e con motivo da unificación do Bacharelato, convértese o Centro en Instituto Técnico Mixto, e inícianse as xestións para poder impartir ensinanzas de Bacharelato Laboral Superior, xestións que dan resultado positivo.

Finalmente, e por Orde Ministerial do 30 de agosto de 1974, establécense no edificio as Ensinanzas de Formación Profesional de Primeiro e Segundo Grao, coas ramas de electricidade, madeira e mecánica, e as especialidades de instalador-montador en cada unha delas.

Hoxe en día o edificio está cedido á Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, podendo cursar nel unha gran variedade de estudos que comprenden dende a E.S.O ata a Educación de Adultos, pasando por  Bacharelato, cinco ciclos formativos de Formación Profesional Específica, dúas modalidades de FP Básica, o Programa CUALE, e tamén é  sección da Escola Oficial de Idiomas da Coruña.

Trátase en certa medida de seguir a senda marcada polo benefactor, a súa ilusión pola formación da xente dunha zona rural tan afastada, e por todos os docentes e non docentes que ao longo destes máis de 130 anos téñense adicado profesionalmente ao Instituto Fernando Blanco.

 



page | by Dr. Radut