ALBERTO CHAVES. "IN MEMORIAM"

Vennos de abandonar Alberto Chaves Gómez, alumno e membro deste corpo que vai e leva, medrando e estendéndose, que é a comunidade do Félix Muriel.  E con el, tamén nos deixou súa compañeira María González Vicente. Dunha forma violenta. Como se fora consecuencia dun mandado inapelable, irrevocable.  A eles xunto con outros moitos, foilles extirpada a vida. Lembramos a distancia intelixente coa que Alberto seguía a súa formación. Ás veces sen que o profesorado a enxuizara con tino, por non decatármonos de que as xeracións da mocidade que vai indo, deben axustar o seu alento a unha nova realidade.  A un paradigma novo respecto do que foi o noso momento, no que aínda non se tiñan esteado as grandes sobreproducións sobre a destrución do mundo. É o presente dunha realidade que acouta a súa mocidade; a dun mundo global no que inciden grandes intereses e as súas formas de poder; un presente no que estamos todos cada vez máis vinculados nos fluxos da información e de capital, e no que, por iso, se produce a loita por establecer formas de narración dominantes; imaxes, reclamos, consignas e mensaxes estratéxicos que obedecen a unha economía de guerra. A dor pasa a ser a moeda de cambio nas novas formas do imperialismo. Un tipo de violencia efectiva e indiscriminada para a que hai unha denominación xa recorrente “terrorismo”; Porén, violencia xerada no circulo dunha cultura da morte que precisa de maior poder coercitivo para combater a mesma violencia que alimenta. Cal é a verdadeira causa desa violencia, da ameaza indiscriminada e da morte, para a que xa non hai distancias xeográficas e que, porén, leva exercéndose como  colonialismo e como se non fora con nós? Propoñamos dúas causas: o fundamentalismo e a ignorancia interesada. Ou son máis ben ao final a mesma cousa? Unha viñeta do Roto ilustra maxistralmente o fundamentalismo de quen se cre posuidor dunha verdade absoluta dende a que xulgar e poder condenar aos demais: Aquel iluminado, quen tendo unha venda que lle tapa totalmente os ollos, exhala abraiado: Ao fin vexo! Outros, máis materialistas dirán que a verdadeira causa da violencia é a economía, nunha guerra polos recursos que din escasos no planeta. Estando onde estamos, no noso centro de ensino, deixémonos situar por algunhas preguntas: - Por que ao innegable desenvolvemento do coñecemento técno-científico non lle vai ao par un desenvolvemento da conciencia, humanístico, que poda poñerlle medida para unha economía non depredadora? - Como constituír as estruturas políticas que deixen ser unha vida que mereza ser vivida? - Como saír da ignorancia e dos perigos e dos efectos dun fundamentalismo totalitario que como principio de poder absoluto pode ligarse a un xénero, a un pobo, a unha nación, a unha relixión, a unha casta, a unha clase social ou a un Estado? - Deberemos buscar unha nova verdade dende a que poder por fin velo todo, ou ir conquistando o espazo no que ser cos outros/as, na acción permanente e lúcida dun pensamento que se fai preguntas, nunha cultura do encontro e da non-violencia? A Alberto, a súa compañeira María, xunto con outros moitos/as usurpáronlle toda opción. A nosa lembranza vai para eles; a nosa condolencia para o seu irmán Adrián e para a súa familia. O noso afán e o noso compromiso debe selo por mudar as condicións que provocan esas mortes evitables, poder saír do círculo da violencia que xera máis violencias. Este é un bo motivo para puxar permanentemente por saír da ignorancia. E poder gañar a distancia desa mirada intelixente que Alberto fixera súa.

                                                                   Rafael Saco

DOCUMENTOS DO CENTRO

TIL

Plurilingüismo

  •  CADERNO DE COMUNICACIÓN

Violencias de Xénero (25N)

Eventos

« Xuño 2019 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Erasmus+

felixmuriel.erasmusplus@gmail.com

ERASMUS+FELIXMURIEL(TWITTER)

erasmusplusfelixmuriel (INSTAGRAM)

RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA FCT ... (CONSULTA)

E PUNTUACIÓNS...(CONSULTA)

 

SCRIPTA MANENT

ENDL (Norm. lingüística)

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 16 invitados conectados.

TITORÍA ENTRE IGUAIS

RIANXO RADIO

REMEMBERING CANADA