Skip to Content

VISITA A PADRÓN E A BASTAVALES E ENCONTRO CO IES LÓPEZ RODRÍGUEZ

O alumnado de 3º  ESO realizou unha saída a Bastavales e Padrón o día 25 de abril para facer parte da ruta rosaliana e para encontrarse co alumnado do IES Cosme López Rodríguez co que mantivo unha relación por correspondencia durante todo o curso.

Chegaron a Bastavales xusto ás dez, cando comezaban a tocar as campás e, aínda que xa non son as mesmas que escoitara  Rosalía, o grupo recitou alí, no balcón da Mahía, o célebre poema da autora "Campanas de Bastavales". Logo de que Lara recordara ós seus compañeiros algunhas particularidades da igrexa e do conxunto arquitectónico que a rodea, o grupo dirixiuse á Casa Museo de Rosalía onde, por fin, se atopou co alumnado da Rúa de Valdeorras. Con el compartiu  unha visita guiada pola casa na que a poetisa pasou os seus últimos anos e tamén compartiu algúns momentos de conversa mentres se resgardaba da chuvia baixo o balcón. Cando escampou, os dous grupos dirixíronse ó Parque Botánico para participar noutra visita guiada que sería máis longa de non ser pola chuvia. 

Xa no centro monumental, na praza na que se atopaba antigamente o Alfolí do Sal, o alumnado dos dous centros recitou poemas de Rosalía. A continuación dirixiuse pola rúa de Juan Rodríguez del Padrón á Igrexa de Santiago para ver o "Pedrón", o Sar e as estatuas de Rosalía e Cela no Espolón. E alí, ó final do Espolón, chegou o momento da despedida, do intercambio de números de teléfono, de contas de Instagram e das propostas de continuar co intercambio o próximo curso.

Ver álbum de fotos.

 



book | by Dr. Radut