O currículo da materia céntrase en dous aspectos fundamentais: o meramente teórico ou gramatical -estudo da flexión verbal ou conxugación, e do sistema nominal do verbo-, e mais a súa dimensión práctica, é dicir, a análise e tradución dos textos. Estes revestirán unha dificultade axeitada aos contidos que se impartan nas clases. 

     Obviamente, o desenvolvemento da asignatura está mediatizado polos exames da ABAU. En consecuencia, o estudo da literatura e de cuestións afíns ao eido cultural romano (a toponimia, os aforismos ou o léxico) dependerá, en gran maneira, das directrices que da citada proba nos proporcione a USC.

     Intentaremos amosar ás alumnas o interese que o universo clásico grecorromano presenta para entender a evolución histórica do mundo occidental. Consideramos primordial que as rapazas comproben como a nosa civilización constitúe unha derivación previsíbel da Grecia e a Roma da Antigüidade.