DÍA DA MULLER

Enviado por iesproval o Mar, 2021-03-09 14:31
O 8 de marzo é o Día internacional da Muller, pero no Proval dedicámoslle todo un mes! Queremos reivindicar a igualdade e visibilizar o seu papel na historia, a través da poesía, música, concursos, exposicións, vídeos, documentais, murais, charlas...
Comezamos coa videoconferencia da investigadora Betty León, profesora de Física aplicada na Universidade de Vigo durante máis de trinta anos, que nos falou sobre a presenza das mulleres no ámbito universitario actual, repasou as mulleres científicas máis relevantes e realizou un interesante percorrido profesional e vital, resaltando a importancia do esfozo, traballo e constancia. Seguimos coa celebración do Día de Rosalía e co obradoiro de rap feminista a cargo das cantantes e improvisadoras High Paw e Rabela.
Xunto co alumnado do Grupo de Igualdade deixamos pegadas a prol da loita feminista en todos os recunchos do instituto, tomando como motivo o lema “Estamos fartas de estar sen voz, agora a historia contámola nós”. Ademais, convocamos o concurso de carteis “Agora a historia contámola nós”. A semana que vén os grupos da ESA contarán coa charla telemática de Nuria Pahino, da Marcha Mundial das Mulleres, “As mulleres na Historia”.
O 21 de marzo, co gallo do Día da poesía, inauguraremos -cos demais centros educativos e concellos do Val Miñor- unha nova edición do Certame de Poesía Beatriz da Serra, en lembranza desta muller miñorá que mantivo correspondencia co conde de Gondomar en lingua galega.
O día 22 asistiremos á performance “Cadena”, de Analía Beltrán i Janés, no marco do programa Mulleres en Acción Violencia Zero, organizada pola Concellaría de Igualdade e a Deputación. E, un día despois, contaremos coa charla "A muller na antigüidade grega", da profesora da Universidade de Vigo, Susana Reboreda. Presentaremos o documental elaborado polo alumnado de 1º e 2º de ESO: "Historias de mulleres", coa colaboración de Illa Bufarda. Elaboremos unha enquisa para detectar e visibilizar posibles condutas machistas no instituto.
Finalmente, alén dos traballos de investigación do alumnado organizadas polos departamentos didácticos, o recuperaremos a historia das mulleres vinculadas á fundación das Escolas Proval a través das voces vivas dalgunhas das veciñas con máis memoria do Val Miñor!
Mes en lila para homenaxear as nosas mulleres!!!