Skip to Content

Educación física

CELEBRANDO O DÍA DO DEPORTE

29 DE MAIO: CELEBRACIÓN DEPORTIVA NO IES ELVIÑA

     O venres 29 de maio foi, ademais de caluroso, deportivo. Non era para menos: celebrábamos o noso particular e anual Día do deporte. Deixando a un lado os dous ou tres que zafamos (que o Departamento de Educación Física nos perdoe), alí baixou todo o profesorado e o alumnado do centro para facer as probas que, con máis boa que maquiavélica intención, deseñaron e dirixiron os rapaces de 1º de Bacharelato para o resto dos grupos do centro. No pandemonium ou guirigay multitudinario que se formou no xardín e no patio, os uns choutaban, os outros equilibraban coma podían, outros facían volatíns, outros camiñaban polo fío do banco... pero iso sí, co común compromiso da colaboración, porque, en palabras da organización o importante non era gañar, senon "cooperar".

010210
220531
272930


     Carreiras de carretas humanas, voar polas colchonetas sen tocar o chan, facer equilibrios coa testa coma as vellas leiteiras (e que ben o facían naquel tempo da Maricastaña!), atravesar os ríos sen auga e sen ponte (de colchoneta en colchoneta... e tiro porque me peta), e, para rematar a xogada, a grande, a eximia, a gloriosa e tradicional competición de BRILÉ entre o alumnado e o profesorado. Tiña este último a espiña cravada despois da vergoñenta, da humillante derrota do pasado ano, no que só Alba Lorenzo mantivo o tipo coma unha leona ante os embates inclementes do equipo rival, que a bombardeou con gañas. Este ano foron outras as tornas. Salvado pola campana, o equipo da rapazada fuxiu polas guedellas dunha derrota ignominiosa... En fin, que todo o mundo "pasouno teta".
 

Álbum: Actividades -> Día do deporte 2019

ACTIVIDADES DE XANEIRO (e III)

 BRANCAS DIVERSIÓNS PARA COMEZAR O ANO

09

    Como rematou xa a 1ª avaliación (esperemos que chegaran ás casas boas noticias) e veñen os tempos das choivas e dos ventos na nosa anterga Galicia, cómpre fuxir uns días do trafego diario, e onde mellor recalar que nunha estación invernal na compaña de dous profes rumbosos de Educación física? Pois alá se foron, ás nevadas lomas do Pirineo a dar choutos cos esquís. Disque había escaseza de neves ata que chegaron eles, que trouxeron as ventiscas ao lombo desde as nosas terras. Soe pasar. Xa se sabe que, coas ventiscas, as pistas pechan, así que tamén se aproveitou para facer un pouco de patinaxe, argallar un boneco (con cenóurico apéndice nasal e todo) e saír nos telexornais de Telecinco (Elviña sempre é noticia!).

02

03
Na pista de xeoPosando con Cenouro

     Sendo, como son, fantásticas estas actividades nas que o traballo se combina co lecer, hai que subliñar desta volta o comportamento dos rapaces que mesmo recibiron felicitacións dos responsables do hotel como o mellor grupo de alumnado que viran en tempo (outra vez Elviña dando exemplo!). E deberon ser porque desta vez pouco traballo deron ao dispensario. En resume, cumpríronse todos os obxectivos: os profes sobreviviron, o alumnado desfrutou (Uriel viu a neve!!), todos patinaron e esquiaron, saíron na tele e, como non, inmortalizaron as súas estampas nas fotos de rigor. Velaí tedes algunhas...

151214
05 SEMANA BRANCA
(Curso 2018-19)
01
110605

AI, QUE CAEMOS!

Na pista de xeo de Culleredo

     Como parte das actividades de remate do pasado trimestre (deixémolo ir!), don Francisco Pérez, profesor do Departamento de educación física do IES Plurilingüe Elviña ousou levar ao alumnado de 2º de ESO, tamén cargado de ousadía, á pista de xeo de Culleredo, porque xa son tempos de deportes de inverno. Pasaron alí unha hora de diversión analisando na práctica a física do deslizamento. Nas fotos véselles felices. Que ben!

020304
070601

25 de MAIO: DÍA DO DEPORTE

     O pasado venres día 25 de maio celebrouse no IES Elviña o día do deporte. O alumnado de 1º de Bacharelato preparou unha xincana para os demais grupos do centro. Despois, con muiñeira incluída, os diversos grupos do instituto participaron nas actividades deportivas preparadas polos sufridos profes de Educación física (Grazie a loro!).
     En fin, aí está o vídeo da xornada editado por Carlochos para toda a comunidade de Elviña.

VELA NO REAL CLUB NÁUTICO

     O pasado venres día 11 de maio o alumnado de 2º de ESO participou nunha actividade sobre práctica de vela no Real Club Náutico da cidade. Alá foron na boa compaña do profesorado de Educación física a embarcarse cos monitores do Club e vivir unhas horas de paixón navieira. Os rapaces disfrutaron da actividade, déronse un fermoso remollón e pasaron frío dabondo: foi unha xornada completiña.

vela-01vela-02vela-03vela-04
vela-05vela-06vela-09vela-07
Distribuir contido


by Dr. Radut